In medio, virtus

Un, ao longo da súa vida, atópase con moitas clases de persoas. Unha delas son as que afirman que a poesía só é boa se está sometida á férrea disciplina do contador, da rima consoante, e a palabraría pedante. Outra clase é a que considera que poesía é todo aquilo que se entenda, todo o que pretenda transmitir algo.  E logo estou eu, xunto con moitos de vós, agardo, que penso que o proverbio latín ten razón: in medio, virtus. É ben certo que non fan falla endecasílabos para que un verso teña ritmo, pero tamén é certo que si se precisa a sonoridade, o vaivén lixeiramente ordenado do débil e o forte, do oposto.

Cando Carlos Méixome me agasallou con Territorios Estraños de Ramón Sandoval (VI certame do Premio Victoriano Taibo) souben que estaba ante esa clases de poesía; a que é o que debe ser e nada máis. Ramón Sandoval (1961) comezou publicando en castelán, saíndo ao mercado co seu primeiro libro de poesía Como una lluvia (1990), pero tras un longo tempo voltou a amosarnos as súas cargas lumínicas con dous libros de poesía en galego; o primeiro, merecedor do I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro titulado Cicatrices do insomnio (2012) e, o segundo, o xa citado Territorios Estraños (2013).

Ramón Sandoval oscila entre a estrañeza e o cotiá, entre a realidade e a ficción. Territorios estraños preséntasenos coma un quebracabezas no que non encaixan todas as pezas, coma o desconcerto dunha vida que non coñecemos. Estrutúrase en tres partes: “Interferencias”, “De amores e ausencias” e “Principios de incerteza”. Percorre así, o día a día da vida e, como non, da sensibilidade.

A NOITE DO PERDEDOR (Territorios Estraños)

Hai noites así, pesadas coma chumbo,

nos que os recordos queiman e as paredes

están cargadas de electricidade estática;

un píntese outsider e o desarraigo

medra polo carné de identidade.

Hai noites así, nas que nada nos ata á cordura,

nas que o cotián é estraño

e compre saír a buscar a redención das catedrais

nas mans dalgún borracho moribundo.

Hai noites así, que son coma unha coitelada

no medio da fronte, coma gorrións

petiscando a friaxe das sombras.

Un coche derrapa no cruce da avenida

e unha arcada de melancolía azul

parece esperar por nós á beira dos portais

onde os catálogos  de abrazos teñen un prezo.

Hai noites así, coma gotas de mercurio,

coma espazos en branco, coma feridas sangrantes

mentres unha muller baila dentro do cristal das túas bágoas.

En noites coma estas hai que investir en cicatrices,

en amores de contrabando, en alcohol de garrafón,

en astrólogos de madrugada.

Din que convén pisar o inferno

para ser algunha vez merecedores do paraíso.

P.D: Deixar claro que o único que pretendo no primeiro parágrafo é  caracterizar de modo esaxerado e burlesco a dúas clases de persoas:

– As que consideran que o verso libre non é poesía.

– As que consideran que todo é poesía.

Belén Quinteiro Pulleiro

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s