Entrevista ao Cruceiro Rock

O Novo Cruceiro Rock é unha asociación cultural formada por rapazas e rapaces do concello de Vila de Cruces.  Fundada no ano 2013, ten como finalidade promover a língua galega e a música neste idioma. Con dito fin organizan cada agosto un festival de música rock na capital cruceña.

DSC_0006 (2)

Álex, Martín, Nerea, Carlota, Belén, Yasmina, X. Carlos e Iago.

Pregunta: Como vos describiriades? Quen sodes e que facedes?

Resposta-Álex: Pois nós somos unha asociación cultural e o noso proxecto principal é o Novo Cruceiro Rock, un festival que se celebra aquí na vila e que ten bastantes anos de historia aínda que se perdera fai algún tempo. Somos xente cun interese cultural sobretodo lingüístico e que defende a nosa fala.

P: Que vos levou a comezar? Cal foi a vosa motivación?

Álex: Todo comezou cando, fai uns anos, se deixou de celebrar o festival. Nós temos unha historia de amor co festival, pois sempre, dende ben pequeniños, acudiamos cada ano e cando deixou de facerse quedounos esa tristura de que se perdera o festival de música rock de Vila de Cruces, e moito máis cando viñan grupos de aquí, do país. Entón un ano destes que non se ía organizar o festival tampouco se ían levar a cabo as festas da Piedade, que teñen lugar a mesma fin de semana, e como o noso interese era que o festival se celebrase, pois botámonos para adiante, collimos a comisión e fixemos ese ano catro días de festa, venres o festival, e sábado, domingo e luns as festas como era habitual.

P:Cruceiro Rock, por qué ese nome?

Álex: Novo Cruceiro Rock, ven de aí, de que xa había un festival que era o Cruceiro Rock. E logo, cando nós o retomamos, pensamos en chamarlle Novo Cruceiro Folk-Rock ou Novo Cruceiro Rock, e como tiramos máis cara o rock e coñecemos máis grupos dese estilo decidímonos por este segundo. Tiñamos ganas de recuperar tanto esa asociación que había antes coma o festival.

Nerea: Sí, porque nosos pais, con máis xente da vila, foran os que comezaran coa asociación do Cruceiro que había antes. Entón nós tiñamos ese sentimento dentro de querer recuperala.

P: Recibistes ou recibides algún tipo de axuda ou o tema do diñeiro está bastante difícil?

Álex: (Risas) A ver, o primeiro ano financiámolo coa comisión, coas cotas e donacións, basicamente fixemos do festival un día máis de festa. Logo tivemos unha peña, o DKV que vendía camisolas e cos cartos que conseguía financiabamos o festival. Tamén xurdiu a idea de pedir aos bares sen deixar de vender camisolas. Ata fai tres anos o concello non nos deu ningún tipo de apoio económico.

Nerea: Si, pero de todos xeitos o concello danos unha aportación pola Semana Cultural, non polo festival en sí. Pero si recibimos unha axuda, Séchu Sende e o Clube da língua do IES Marco do Camballón sempre nos botan unha man e nós a eles tamén lle axudamos con actividades do instituto. Houbo un  par de anos que nos axudou a facer os libros e tamén  económicamente para levar adiante o festival porque promociona a língua, que é o que prentende dito clube.

P: Influiu en vós algunha asociación ou colaborades outra?

Álex: A nós o que nos impulsou, como xa dixemos, foi as ganas de recuperar a asociación do Cruceiro Rock que había antes. Logo, nos primeiros anos estívonos axudando a Asociación das Minas de Fontao e O Vello dos Cornos, daquelas que nós aínda non estabamos constituídos coma asociación.

E temos unha vinculación especial cunha asociación de Trazo. Son uns rapaces, irmáns tamén coma nós, aos que se foi sumando máis xente e que levan a cabo un festival exactamente igual ao noso, Asociación Aldraba se chaman.

P: Se mirades cara atrás como vedes a vosa evolución? Credes que avanzastes e seguides avanzando ou notades algún tipo de estancamento? Credes que a xente cada vez se involucra máis e participa das vosas actividades  ou non?

(Risas)

Martin: Eu creo que hai que salientar o factor “falta de tempo”, porque temos ganas, seguimos a telas, non hai estancamento nese tema. O problema é que non  dispoñemos do tempo preciso para realizar todas as actividades que podemos chegar a idear e entón si pode parecer que estancamos.

Álex: Si, é que antes eramos todos estudantes, entón tiñamos moito tempo, os veráns eran eternos e dedicabámolos ao festival e demáis actividades.

A nivel social si vemos que a xente vai respondendo. A calquera tipo de actividade que organizamos nestes anos acudiu moita xente, sobretodo actividades relacionadas con cativos. Por exemplo o propio día do festival, pola tarde, facemos actividades de estilo circense e este último ano tivemos entre corenta en cincuenta nenos.

Carlota: Si, eu noto que cada vez ten máis presenza a asociación grazas as actividades que foi facendo, principalmente ao festival do Cruceiro, pero tamén por todas as actividades extra. Eu creo que si hai mellor e maior resposta por parte da xente.

Alex: Si, os seráns, por exemplo,  tiveron moi boa acollida.

Nerea: Si, porque era algo novidoso, aquí non se facían nunca seráns e ese ano quedamos supercontentos porque acudiu moita xente con ganas de folk, de bailar, de troula.

P: Cal é o leimotiv do Cruceiro Rock?

Nerea: A defensa da lingua, promover a cultura en Vila de Cruces, que está bastante morta. Nós intentamos revivila e vós tamén con isto que estades facendo. Basicamente é iso, a defensa da lingua e tamén dar a coñecer a música que se fai no país, que non é só a tradicional, que a min gústame e deféndoa, de feito eu formo parte dela, pero queremos tamén que a xente vexa que hai moita máis variedade de música boa en galego.

P: Credes que hai algunha relación entre a arte e a política?

Todos: Si, claro.

Álex: Penso, que sobretodo no ámbito no que nos movemos, van unidos, van da man.

Carlota: Ao vivir en sociedade todo é política. A nosa asociación non é unha asociación política propiamente, pero si ten moito que ver; o noso Cruceiro é activismo lingüístico e social. E cultural tamén. Está moi relacionado todo.

P: Se vos parece, imos a pasar a unhas preguntas máis persoais e ídesme contestando cada un individualmente. Un escritor-a  favorito-a?

Martín: Escritor non, pero libro o de Sexo, língua e rock ´n roll, que non está feito por escritores coñecidos, a maioría son rapaces, pero fixérono tan ben coma un profesional da escrita.

Álex: Pois eu direi, por quedar un pouquiño ben, Séchu. (Risas) Queiras que non é unha persoa coñecida, que participa activamente no noso proxecto e moi involucrada nos mesmos ámbitos ca nós, cultura, idioma, terra. Témolo sempre de man.

Nerea: Si, os seus libros están moi vinculados co que nós facemos, activismo pola língua e cultura do país.

Carlota: Pois eu vou dar o cantazo, pero a min gústanme os rusos, a min gústame Dostoievski.

Iago: Walt Whitman, por dicir un estranxeiro.

P: Alguén relacionado coa música?

Nerea: Pois eu vou falar de Bocixa Rei, cantante de Zënzar. Para min é un tipo caralludo que se move pola nosa cultura e a nosa língua, só hai que ler as súas letras e que se portou ben con nós, comigo especialmente. Ademáis gústame moito a súa voz e a súa posta en escena.

Martín: Eu tiro máis para Ruxe Ruxe, xa estiveron aquí e para min son xeniais.

Álex: Eu collo un pouquiño cara o que dixo Martín, pero centrándome máis no cantante, Vituco. Con el descrubrín o rock en galego, foi parte do que me fixo tirar polo Cruceiro. Foi seu o primeiro CD en galego que tiven, de Ruxe Ruxe, e sempre lembrarei as súas cancións. Ademáis colaborou con nós, tocou aquí, para min foi un soño telo no festival, incluso participou no libro Sexo, língua e rock ´n roll. Tamén levaba  o Planeta Furancho, un programa xenial  que miraba polos mesmos valores que intentamos  inculcar nós a través do Cruceiro.

Iago: Eu así en galego, vou dicir Fuxan os Ventos, e mira que Maruxa me ten partido frautas na cabeza(risas), pois foi miña mestra de música na escola e daquelas non o valoraba, pero hoxe en día si o fago.

Carlota: Pois eu vou a dicir a Mini e Mero, que son dous grandes, dous tíos sabios, con retranca e que cantan de puta madre.

P: Algún-ha pintor-a ou artista plastico?

Nerea: Carlota. Carlota pinta moi ben. Tiñamos tamén bastante vinculación con Paco Lareu, pois acudía tanto ao festival coma ás presentacións.

Álex: Si, e tamén fora o deseñador da Landra Rock que fora coma o proxecto de deseño do logo do festival. Ademáis sempre estivo moi vinculado coas asociacións culturais.

Carlota: Si, Paco tamén, sen dúbida, levámolo no corazón.

P: Algún-ha artista relacionado-a  co mundo do cine ou televisión?

Nerea: Xosé Barato, que traballaba en Cuarto sen ascensor e Serra Moura. Tamén participou nunha curtametraxe que se chama 3-1=0 que me gusta moito e facía un programa que se chamaba Historias de Galicia.

Martín: Eu diría Luis Tosar, gústame moito.

Álex: Para min Miguel de Lira.

P:Un pensador ou pensadora?

Martín: Facal.

Carlota: A min gústame Schopenhauer, porque fai unhs análises moi inspiradores da música e a pintura.

Álex: Pois eu vou facer un pouco de trampa e vou dicir un cantante, que moi ben non canta, pero que te fai pensar coas súas letras, por iso eu o considero un filósofo da vida, e que é Yosi, o cantante de Los Suaves.

P: Houbo algún-ha artista que vos impactase, que vos inspirase de forma notoria?

Álex: Eu acábocho de dicir. (risas)

Carlota: Eu diría un home que era de Lalín, que non cheguei a coñecer en persoa, que lle chamaban Willy, que ten unhas esculturas desgarradoras e a min inspiroume moito.

Nerea: A min Mercedes Peón, porque eu son pandeireteira e dende moi pequeniña me fixei nela, en como tocaba. E tamén Topo, o meu profesor de pandeireta, el foime inculcando amor pola nosa música e me ensinou todo o que sei. El toca en Pandeiromos, o primeiro grupo de pandeireteiros homes da Galiza.

P: Para ir rematando, como pode a xente informarse do que facedes ou unirse á vosa asociación?

Nerea: A través de Facebook. Nós estamos abertos a toda a xente que queira entrar, que queira colaborar e aportar ideas.

Carlota: Parándonos pola rúa e falándonos tamén, que aquí, para ben e para mal coñecémonos todos.

P: Algunha mensaxe que mandar?

Nerea: Que veñades todos ao Cruceiro Rock, de balde, boa música, boa xente, feito con amor.

Álex: Eu diría que a xente non pode ter reparo a defender a nosa cultura e que se teñen algo polo que loitar que o fagan, porque o de agocharse non leva a nada.

P: Ben, pois imos rematar xa, queremos darvos as grazas por concedernos a entrevista e formularvos unha última pregunta, que será coa que pechemos todas as entrevistas, a quen vos gustaría que entrevistaramos no seguinte número?

Álex: Ao alcalde.

Nerea: Á LimighochaRosa que é un proxecto no que participa Carlota, podería ser unha boa entrevista sobre cultura nos colexios.

Carlota: Eu propoño aos nenos de Merza Brass Junior, que tocan instrumentos de metal- vento.

Alex:  A xente de aquí que se mova polo mundo artístico, pola cultura. A Pilar, por exemplo, que ten unha granxa ecolóxica e que loitou contra o vertedoiro de resíduos que querían facer en Camanzo.

Nerea: Xente interesante para entrevistar ides ter moita, porque mesmamente en Cruces, parece que non, pero hai moita xente que se xunta e fai actividades culturais e interesantes, o malo é que moitas veces a cidadanía non se implica.

Álex: Si, eu doume conta, por exemplo en Callobre, no concello de A Estrada, precisaban un campo de fútbol e movéronse todos para conseguilo. Tamén teñen un festival espectacular e fan moitas actividades porque traballan conxuntamente e aí da igual a idade e a ideoloxía.

Nerea: É que debería dar igual. De feito, na nosa asociación tamén hai xente que non pensa coma nós, pero defende a nosa língua igualmente, porque unha cousa non quita a outra.

Álex: Si, hai xente que non defende as mesmas cores políticas que podemos defender moitos de nós pero si defende a nosa língua, a nosa cultura e o noso país.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s