Entrevista ao Clube da Lingua

 

Acudimos ao IES Marco do Camballón de Vila de Cruces para entrevistar ás rapazas e rapaces  do Clube da Lingua. Falamos con Séchu Sende, o coordinador de dito clube, con Julieta Penas en representación do proxecto Tattoos da Galiza, Marcos González que tratou o tema das regueifas, Vicente que nos falou do proxecto Modernízate, pom boina,  Mario que nos contou a Lenda da Espada de Brandomés e Nerea representando o proxecto FIFA a nosa lingua é internacional.

DSC_0396 (3).JPG

Ringleira superior: integrantes do Clube da Lingua. Ringleira inferior: coordinadores Ciloxénese Expresiva.

P: Que é o Clube da Língua?

Marcos: Naceu porque por lei en todos os institutos deben ter un equipo de normalización lingüística. Nós démoslle ese nome para facelo un pouco máis informal. Nel traballamos os proxectos de: tatuaxes en galego, as regueifas, modernizate, pom boina, a lenda de Brandomés e o proxecto FIFA a nosa lingua é internacional.

P: Pertencedes todos ao mesmo curso?

R: Non

P: Entón dividides as actividades entre os compoñentes de distintos cursos?

Nerea: O proxecto das boinas lévano en terceiro da ESO aínda que tamén participa algunha xente de cuarto. En cambio, no proxecto do FIFA só somos algúns de cuarto.

P: Podedes falar un pouco máis a fondo de cada proxecto en particular?

Nerea: Nós estivemos pensando en por qué non meter a nosa lingua nos nosos aparellos tecnolóxicos? Entón dixemos: xogamos ao FIFA, poñámolo en galego, en portugués, que ven sendo o mesmo.

Mario: A lenda da espada de Brandomés apareceu un día porque Séchu mandounos recoller lendas de todas as parroquias de Vila de Cruces e o avó dunha alumna contoulle  que existía a lenda, que no río de Brandomés había unha espada. Hai distintas versións: unha, por exemplo, conta que é a espada dun guerreiro e que a tirou ao río, outra di que dita espada é de ouro.

A partir disto empezamos a traballar sobre a lenda e empezou a colaborar xente con nós coma un arqueólogo submarino chamado Luís Abella, que foi con nós a ver o lugar onde se di que está a espada e deu unha conferencia no festival de Nadal, aquí no Marco do Camballón. Seguimos traballando nisto, a ver se conseguimos que un grupo de mergulladores veña a explorar o sitio.

Vicente: No proxecto Modernízate, pom boina levamos relativamente pouco tempo, pero xa fixemos moitas cousas. Fomos ata o programa Luar, acudimos a un desfile a EASD Mestre Mateo, saímos no telexornal no programa Boas Tardes e entrevistáronnos para a RNE. O proxecto trata basicamente de promover o uso deste simbólico complemento, xa non só nas persoas maiores do rural, senón tamén na mocidade e nas cidades. Xunto con iso tratamos de promover tamén o uso do galego, que é o que sempre intenta este clube.

Marcos: Coas regueifas tratamos de reforzar a cultura galega e a posición das regueifas, que ultimamente aínda que existían, non se practicaban tanto. Nós tentamos sacalo máis á luz e que máis xente o coñeza e xa levamos feitas varias cousas; entre elas un concurso de regueifas aquí no instituto, o auditorio, e a verdade que saíu moi ben porque participou moita xente e pasámolo moi ben. E a cousa é esa, que aparte de que estás practicando a improvisación, pásalo moi ben. É importante conservar as regueifas no mundo actual.

Julieta: Eu son a única pertencente a primeiro de bacharelato, e continúo máis ca nada porque o ano pasado iniciamos o proxecto das tatuaxes no que pediamos que a xente nos enviase por internet imaxes das súas tatuaxes en galego ou relacionadas coa cultura galega. O proxecto segue adiante e estamos a piques de sacar o libro, aproveito para dicir que o podedes mercar*. Buscamos tatuaxes en galego porque vimos que non había moito movemento nese ámbito en galego, pero a verdade é que o proxecto tivo moita aceptación e participación. Sorprendeunos a todos e estamos moi contentos.

Séchu:  O funcionamento do Clube da Lingua baséase un pouco en intentar que haxa grupos de traballo de rapazas e rapaces e a partires deses grupos organizar unha dinámica a partir dun tema para que se constrúa unha rede social, entón cada un destes proxectos ten unha rede social diferente. O proxecto das boinas, por exemplo, parece que lle gustou moito aos medios de comunicación e por iso entrou moito na televisión  e na radio. Ao mesmo tempo tamén entrou en colaboración outra xente como o alumnado do ciclo de fotografía e deseño de moda do ESAD Mestre Mateo ou Sandra Vilas, que a raíz deste proxecto, foi a primeira artesá en facer unha boina no século XXl. O proxecto das tattoos por exemplo, reuniu a máis de duascentas persoas que enviaron fotografías e grazas a esa xente conseguimos activar un crowdfunding para conseguir os 2200 euros necesarios para publicar o libro. En canto ao mapa dos tesouros de Vila de Cruces a idea era activar un pouco a relación do alumnado coas familias para que de todo o concello chegasen historias sobre lendas con tesouros. Tivemos a sorte de que aparecera a lenda da espada de Brandomés, que era unha historia inédita e con moito valor cultural.  Temos moita sorte porque hai moita xente colaborando co Clube da Lingua a parte de xente do instituto: profesionais da arqueoloxía, profesionais do mundo da moda ou dos medios de comunicación… entón, en certa maneira, o Clube da Lingua é interesante porque consigue activar xente que se preocupa pola lingua dunha maneira moi divertida, porque ao mesmo tempo que aprendemos pasámolo ben. Está ben sobre todo porque hai resposta entre a xente de aquí, do instituto, que procura vivir esas experiencias diferentes no medio dun curso que é duro, pois hai exames, traballos, etc.

P: Agora que xa sabemos de que trata, gustaríanos saber as dificultades que atopastes en cada proxecto e como foi evolucionando.

Nerea: No noso caso os coñecementos informáticos non supuxeron unha traba porque contamos cun rapaz no grupo que sabe bastante dese tema. O que máis difícil resultou puido ser atopar proxectores para todas as consolas, pero xa o temos solucionado.

Mario: No proxecto das lendas conseguimos facer un mapa bastante completo, pero na lenda da espada de Brandomés concretamente, nun principio intentamos obter máis información, que a persoa que nos contou a lenda nos dixese algo máis. Logo á hora de expandilo non houbo problema, houbo varias persoas do campo da arqueoloxía e demais que estiveron aí para axudarnos, mesmo viñeron dar algunha charla sobre o tema. O máis difícil probablemente foi conseguir que viñeran alí, a Brandomés, a mirar no sitio onde se di que está a espada, a facer un mergullo con especialistas para saber se realmente está, porque nós somos un grupo pequeno e non temos cartos para pagar iso. Solucionouse grazas a David Abella que aceptou a idea de facer un mergullo cando veña o bo tempo e as condicións sexan máis favorables. Ao mellor non atopamos nada, pero sería unha experiencia bonita.

Vicente: O da boina xurdiu por un día que a Séchu se lle ocorreu vir á clase cunha e quedamos mirando para el, e gustounos a idea. Ocorréuselle a idea de promovela e a nós gustounos a idea, porque os nosos avós levaban boina, e decidimos intentalo. Empezamos pouco a pouco pero logo se puxeron n contacto con nós os do programa Luar e partir de aí houbo coma un boom e xa se interesou tamén a radio e outros. Con respecto a difusión non tivemos problema, ao público chégase fácil, á xente parécelle ben. Quizais o maior problema é que algunha xente aínda te mira algo raro. Por exemplo, a semana pasada Séchu levounos a Santiago de Compostela a uns compañeiros e a min a facer unhas fotos para o proxecto, a maiores das que xa nos mandan a través de Facebook. Quixemos sacarlle fotos á xente de por alí, pola cidade, con boina, e a verdade é que había moita xente que se animaba, pero había outra que lle contabas o proxecto, e encantados, pero á hora de sacarlle a foto coa boina posta botábanse para atrás. Esa sería a única dificultade que atopamos e a verdade solventouse de forma sinxela, conseguimos un montón de fotografías e pasámolo moi ben.

Marcos: Coas regueifas non tivemos moito problema ata agora. Nun principio o máis difícil foi atopar xente que regueifara e quixera colaborar, pero iso foise solucionando e agora colabora moita xente. Agora estamos organizando unha excursión, traballando cos de Baio, para ir ao País Vasco e o problema vai ser o de organizar a viaxe, pero en realidade apenas xorden dificultades no proxecto das regueifas.

Julieta: Nós co tema das tattoos moitos problemas non tivemos en canto a atopar xente que participara. Ao principio tiñamos medo de que non participase a xente porque non tivera tatuaxes en galego, pois a primeira semana chegaron pouquiños, pero logo xa comezaron a chegar moitísimas imaxes xuntas. De feito eu era a encargada de ir subindo as imaxes ao Facebook e de acompañalas de verbas que animasen á xente a seguir participando e chegou un punto que xa non sabía que poñer para non resultar repetitiva. Pero iso non se pode considerar un problema, estamos moi contentos porque gústanos que algo que nós propoñemos guste deste xeito, que a xente se anime a participar en algo que non lle vai influír na súa vida, inflúenos a nós, eles participan só porque lles gusta a proposta.

Séchu: En principio a principal dificultade é botar a andar os proxectos, tanto aquí no instituto como por fora.  Intentamos facer actividades para que a xente reflexione e use máis a lingua galega. Iso en si xa é un conflito, é un problema ter que facer isto. En principio aquí, en Vila de Cruces, a xente nova fala galego con normalidade. Nos ámbitos cotiás son galegofalantes, mais hai outros sitios polo país adiante onde non. Sabemos que queda moito por facer; sabemos que non temos cine en galego por exemplo. Temos unha serie de ámbitos socias onde o galego non está presente; sabemos que quedan aínda moitos prexuízos, hai  moita diglosia. Todo isto serve tamén para que nós mesmos reflexionemos sobre iso dentro do instituto e cara fora, decatámonos de que aínda quedan moitos prexuízos. Probablemente o que comentaba Vicente que lle sucedeu co proxecto das boinas á hora de tomar as fotografías se debera a iso. Basicamente a complicación é dar con xente, conseguir a participación da xente, especialmente nun país onde hai pouco hábito de participación, de colaborar xenerosamente en cousas coma esta.

*A entrevista fíxose uns días antes de que saíra o libro Tattoos da Galiza, que saíu á venda o luns o 29 febreiro. Podedes mercalo no IES Marco do Camballón, na librerías: Alvarellos de Lalín e Lila de Lilith de Compostela.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s