Díxolle un xefe a un subordinado

 

  • Podería darnos a roupa de inverno ao meu compañeiro e a min?
  • Acabade o traballo e póñovos a cargar caixas. Xa verás como vos pasa o frío.
  • Vale…

Esta conversa invernal sucedeu na empresa X. O contrato do traballador era temporal. Comezara no verán, cando a roupa sobra.

Non é o único exemplo no que a “autoridade” dun xefe quedara patente nesa empresa. As linguas do lugar contan que un rapaz non puido ir ao hospital a despedirse do seu pai por non recibir autorización dun encargado. Si, ese rapaz perdeu a oportunidade de escoitar as últimas palabras dun pai, que finou antes de que o seu fillo rematara a xornada. Tampouco é digno de mención o xeito de chamar a moita xente; emprégase a “xenial” técnica do asubío, coma se foran cabalos.

O medo a unha reacción, ás malas referencias unha vez o contrato do traballador remata, ou simplemente o bloqueo emocional ante esas faltas de respecto impiden que ese mal xefe reciba unha amoestación apropiada.

Poderían os sindicatos axudar? Se eu falara dos sindicatos… Existe certo medo ao encargado ou encargada sindical, que máis que representante dos traballadores acaba sendo unha extensión dos superiores da empresa, o que provoca que en vez negociación colectiva vivamos na negociación de esmolas.

Estas situacións son unha mostra do que podemos atoparnos por aí. Un problema local, mais o universal non é máis que o local sen muros, como ben diría o escritor portugués Miguel Torga. Esta vivencia do xefe fillo de puta pode repetirse con calquera cidadán, por iso é fundamental intentar entender esta problemática.

Como? Dicía Albert Einstein que se tivera que resolver un problema nunha hora empregaría cincuenta minutos en buscar a pregunta axeitada.

Por que pode actuar así? Porque existe un poder que llo permite.

Quen lle outorga ese poder aos encargados? A empresa na que traballa, que con cartos merca tempo das nosas vidas para que desempeñemos unha función. Este poder, ás veces tamén é outorgado por padriños. Ascender por méritos é, en moitas ocasións, utópico.

Quen lle outorga ese poder á empresa? O capital do que dispón. Nesta sociedade na que o diñeiro é o noso Deus supremo, o desenrolo económico prima sobre o social, individual e persoal. A nosa sociedade tamén permite que, habitualmente, coa escusa de producir máis se vulneren os nosos dereitos.

De novo o diñeiro. Unha ficción creada polos seres humanos posta por diante das persoas. É responsable un sistema económico que obriga ás empresas a entrar nunha espiral competitiva. A que non entra queda fóra, que significa desaparecer.

Por que ninguén se enfronta ao xefe? A maioría dos empregados carecen dun contrato fixo. Poderían queixarse, protestar e sindicarse (de verdade)?

Pois esas accións poden ter dúas consecuencias: non renovar o contrato ou prexudicar a confianza do padriño, que non sempre ten que ter moito poder.

Tamén é nocivo negarse a facer horas extras, a vir días festivos ou incluso pedir as vacacións que corresponden por contrato.

Por que non se unen os traballadores? Existe unha cultura do “sálvese quen poida”. Que as institucións e certos líderes sindicais non defendan aos traballadores provoca que vivan na lei do máis forte e na submisión. Tampouco axuda que sexan poucas as forzas políticas con conciencia social, que ademais non contan co apoio dos agredidos.

A lexislación e a situación económica actual acentúan o medo e o medo é o músculo dos tiranos.

Por que as empresas non despiden as persoas que oprimen e explotan?

  1. Por todo o descrito con anterioridade moitos dos representantes non impiden que o traballador se negue a acatar as esixencias da empresa, aínda que non respecten os dereitos fundamentais ou a ética máis básica. Fican indefensos.
  2. Non sei se é porque os cargos de maior responsabilidade descoñecen eses feitos ou porque existe unha ausencia de empatía. Non sei se será que as cúpulas políticas defenden esa metodoloxía na que navegan, da que forman parte e da que se lucran. Só sei que son os de abaixo, os ninguéns, que diría Galeano, os que mudan dinámicas, os que cambian as cousas.

Esperar agasallos é esperar esmolas ao bo submiso, mais non é reclamar os nosos dereitos como cidadáns. Non é exercer a dignidade. A escravitude é a ausencia de dereitos e liberdade. Se violan ambos: que somos?

Lémbrome ao escribir isto de Ramón López Facal, un mestre da miña facultade que nos explicaba o que era o respecto. Dicía que non todas as ideas o merecen, pero si que o merecen todas as persoas. Que se unha idea vai en contra da dignidade deixa de ser respectable. Este artigo vai diso.

Xosé Carlos Carracedo Porto

*Imaxe de portada tomada de internet. Autor: López.
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s