Entrevista a Belén Bermejo

Nesta ocasión xuntámonos para conversar con Belén Bermejo, xestora cultural na empresa Sirgo Torcendo e integrante do grupo de música antiga 1500.

DSC_7228 (2).JPG

 

Belén Q., Belén Bermejo, Yasmina C., Xosé Carlos C.

 

P: Que é Sirgo Torcendo?

R: Esa é unha pregunta bastante difícil, porque conceptualizar o que é unha empresa de xestión cultural hoxe en día é complicado. Facemos moito de todo e moito de nada.

Naceu coa vocación de ser unha empresa de xestión cultural para desenvolver proxectos relacionados fundamentalmente coa música, fai agora oito anos. A partir diso foron aparecendo tamén outros proxectos, non tan relacionados coa música, senon co patrimonio histórico ou con exposicións. Levamos a cabo unha actividade bastante aberta.

P: Quen podería contratar os seus servizos?

R: Son servizos culturais que, na sociedade na que vivimos, van destinados fundamentalmente ás administracións públicas, aínda que tamén clientes particulares que queiran programar algunha pequena actividade cultural musical. Pero fundamentalmente os nosos servizos son contratados por administracións públicas ou fundacións que son os que programan eventos deste tipo, non coma os particulares que, como moito, pagan por unha entrada ou algo así, pero non contratan estes servizos.

P: E de proxectos coma o salón filosófico ou as narracións de Charo Pita , que nos podes contar?

R: Eses son pequenos proxectos que andan por aí, orbitando. Con Charo Pita levo xa moitos anos traballando, máis ben como representante dela e tamén en pequenos proxectos. Estamos traballando agora cun contacontos que ten coma protagonista ao órgano.

O salón filosófico foi un proxecto que naceu hai agora un pouquiño máis dun ano, botou a andar, pero por imposibilidade, por outros proxectos que hai que atender con máis urxencia, este ano non se puido seguir, pero está aí, na recámara, e esta primavera intentaremos sacar algunha actividade. É un proxecto co que desexo volver canto antes porque quedaron pendentes moitas cousas que prometen e é un proxecto ao que lle temos moito cariño.

P: Van oito edicións de Espazos Sonoros alá, vai haber máis?

R: Parece que si, pero destas cousas ata que están ultimados todos os detalles, non se pode dicir nada. Esperemos que este ano haxa unha edición máis, estes últimos anos, a pesares das dificultades económicas e demais trabas que hai no mundo da cultura,  da música na actualidade, fomos sacando adiante o proxecto a base de moito traballo, de moito esforzo e tamén grazas á xente, ao público. Este ano parece que as cousas non melloran, pero seguiremos, si, polo menos un ano máis.

P: Hai quen di que a crise é un problema e hai quen di que é unha oportunidade. No ámbito da cultura para onde tira máis a balanza?

R: A crise, ou a precariedade económica nunca é unha vantaxe. É dicir, traballar en condicións precarias non é bo, o feito de que a pesar de todo se saia adiante, se busquen outras solucións, se traballe con menos medios, que ao final se faga non quere dicir que sexa o ideal e eu nunca defenderei que a crise agudiza o inxenio, eu creo que con medios todo se fai moito mellor.

P: Que hai detrás de traballos coma o seu?

R:  Todo o que é organizar algo agocha moito traballo detrás, que moita xente nin sequera intúe. Organizar cousas é algo moi laborioso, hai que ter moitos datos e moitos detalles na cabeza, hai que coordinar moita xente, moitos  equipos. No caso de Espazos Sonoros hai que coordinar os espazos cos grupos e as viaxes, os desprazamentos son unha parte importante do traballo, pero sempre gostosos se o resultado é bo.

P: É difícil atopar eses espazos?

R: En Galicia hai moitísimos. O problema non é atopalos, é máis dificultoso acceder a eses espazos, que estean equipados para poder facer concertos neles ou a propia dispoñibilidade dos espazos. Dificultade en atopar non, afortunadamente aquí temos moito patrimonio, moi infrautilizado, en moi mal estado en moitas ocasións, pero atopar atopas debaixo das pedras, nunca mellor dito.

P: É complicado traer os músicos? Porque algúns veñen de Europa ou América.

R: É complicado e cos anos cada vez máis. É moi complicado porque vivimos nunha rexión periférica onde voar é moi caro. Traer grupos estranxeiros dende calquera parte de Europa, xa non digo do mundo, a Santiago de Compostela é tres veces máis caro ca fai dez anos. Por outro lado hai problemas incluso fiscais, de cómo facturarlle a un grupo estranxeiro, hai complicacións moi grandes á hora da xestión económica dos concertos. O bo é que os grupos veñen moi gustosos a Galicia, non só veñen, senon que queren voltar.

P: Por algún motivo?

R: En xeral atópanse ben e a experiencia resúltalle agradable. Non tiven nunca unha mala experiencia cun grupo estranxeiro, é máis, cando se lle fixo unha segunda invitación sempre estiveron dispostos a volver, incluso en perores condicións.

P: En que maneira axudan estes eventos ao coidado do patrimonio e á valorización da cultura?

R: Directamente no coidado non, pero si contriubuimos á valorización, á difusión, a que a xente coñeza, ao que se chama protección preventiva. É importante porque descubrimos valores en elementos do patrimonio que se descoñecen ou non se recoñecen o suficiente. Nese sentido creo que si axudamos, pero estaría ben que tamén as administracións fixeran algo máis a prol da protección porque o patrimonio está en xeral moi desatendido.

P: O público responde ben?

R: Si, o público responde moi ben. Despois de oito anos o público xa se consolidou, temos un público moi moi fiel, que repiten de ano en ano. Incluso nas actividades paralelas sabemos que hai certa xente que vai a ir, porque son sempre  os mesmos aínda que se vai incorporando nova xente. Significa que si, hai boa resposta.

P: Que actividades paralelas hai?

R:  Pois temos diferentes actividades. Facemos obradoiros, temos visitas guiadas ou roteiros, o que chamamos “roldas a prol das paisaxes urbanísticas” das que levamos, creo, cinco edicións onde, imos percorrendo diferentes órganos de diferentes zonas de Galicia nunha xornada de excursión. Coa axuda dun organista podemos escoitar eses órganos e esas roldas son dos espazos máis exitosos,  a pesares de que son prazas limitadas porque hai que acceder a espazos restrinxidos como coros de igrexa. Despois tamén nos obradoiros de achegamento á música antiga, aí tamén temos sempre o cupo cheo.

P:  Hai algún lugar especial que lle guste visitar ou para  facer os concertos?

R:  É moi difícil. Houbo moitos, se me fas escoller un métesme nun compromiso, tería que pensalo moi ben. Sería facer un demérito aos outros sitios. Realmente hai lugares interesantes para coñecer e tamén para escoitar música neles.

P:  De onde xurde a idea de montar unha empresa de xestión cultural?

R: Nestes traballos hai moito de vocacional porque senon é suicida meterse nunha cousa así. Eu son de formación xurista, veño dun ámbito que non ten nada que ver  con isto. O que sucede é que eu na Universidade traballei no ámbito de do patrimonio histórico, foi no campo no que eu fixen o meu doutorado e polo tanto non é algo totalmente alleo a miña formación. Tamén é certo que na Universidade hai procesos nos que tes que organizar, nese sentido tamén aprendín cousas que me serven agora para afrontar este traballo.

Eu creei esta empresa cando deixei a Universidade, alá no no 2004 e comecei, non con esta empresa como está agora, senón como autónoma e uns anos máis tarde creei una SL que é o que teño agora. Tiña intención de levar á práctica todo aquelo que aprendera facendo a miña tese. Quería sacarlle algún rendemento práctico a toda esa teoría. A música xa tiña moito que ver comigo, xa daquela me dedicaba á música antiga, xa tocaba nalgún grupo e xa coñecía un pouco ese mundo e confluíron aí varias cousas e pensei que sería bonito montar unha empresa onde poidera desenvolver todos eses ámbitos.

P: Segue a tocar no seu grupo? É difícil de compaxinar?

R: Non, bueno, hai que andar a salto de mata pero é propio deste traballo. Temos ensaios de maneira máis ou menos regular sobre todo se hai citas importantes de concertos, pero é levable. Ademais levámonos ben entre nós.

DSC_7234 (2)

Belén Bermejo interpretando unha peza co seu organetto.

P: Que espera o futuro?

R: Espero moitas cousas e desexo que cambien moitas outras, non para min persoalmente, senón no ámbito no que traballo. Neste país, e non hai moi boas novas respecto a iso, non hai moitas expectativas de cambio. Está todo moi morto, moi decaído, a xente non ten ánimo e en xeral as perspectivas non son moi boas, por moito que se diga, non hai máis cartos para a cultura. Non sei que pasará, eu agardo seguir, poder seguir facendo o que fago.

P: Un pilar sobre o que construír cultura?

R: Iso necesita unha análise moi profunda. Necesítanse moitas cousas e é fundamental tamén cambiar o ánimo da xente, o espíritu. Comeza tamén por aí,  a parte de que melloren tamén as condicións, claro está. Hai dinámicas moi perniciosas no ámbito da cultura que ás veces as persoas que traballamos nela tamén as fomentamos ou as deixamos pasar e non reivindicamos ou non facemos notar e polo tanto non mudan. Iso leva a que a xente vaia aguantando ata que non aguanta máis e, cando non aguanta máis, abandona. Hai unha gran inestabilidade no sector, os proxectos están pero desaparecen, non hai nada que cree unha base estable, que fundamente o sector, e iso é un problema moi grave.

P: Hai cultura musical en Galicia?

R: Depende como enfoquemos á pregunta. Hai un gran talento musical, pero quen pode vivir dese talento? Hai talento musical que non se explota.

Probablemente non somos o país europeo con máis cultura musical porque o ensino, aínda que mellorou en relación a cando eu estudaba no conservatorio, segue sen estar ao mesmo nivel ca outros países. Eu creo que en certos ámbitos mellorou moito, non en todos, de feito en algún ata creo que retrocedeu. O consumo, polo menos no ámbito que eu me movo, na música clásica, por exemplo. O interese  e o consumo é menor e tamén o número de persoas que fan proxectos dese estilo e non creo que fose pola crise.

P: Para rematar imos a facerlle un pequeno cuestionario rápido. Un libro?

R: A montaña máxica, de Thomas Mann

P: Unha obsesión?

R: A  lóxica

P: Un soño?

R:  Fóronse cumprindo todos, facerme maior arrodeada do agarimo da boa xente que unha vai topando no camiño.

P: Unha paixón?

R: A música

P: Un lugar?

R:  Teño  dous e non podo elixir entre pai ou mai, Compostela, dende logo, e o gran amor da miña vida, a cidade de Innsbruck.

P: Un lema.

R: Naturalmente, disposta, sempre disposta!

P: A quen lle gustaría que entrevistaramos?

R: A Encarna Otero, muller, independente e librepensadora.

*Fotografías: Yasmina Casal
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s