Fante vs. Bukowski (I)

 

O escritor californiano Charles Bukowski adoitaba dicir que o seu deus literario era John Fante. Este texto pretende ser unha comparativa superficial das súas traxectorias vitais e literarias.

John Fante e Charles Bukowski son máis ou menos da mesma xeración, un nado en 1909 en Denver (Colorado) e o outro nado en 1920 en Alemaña. A obra de ambos os dous sitúase en California, especial­mente nos diferentes barrios dos Ánxeles. Bukowski chegou alí coa súa familia xa en 1922, con dous aniños, pero John Fante mudouse el por propia vontade.

Os dous comezaron a estudar na universidades, pero abandonaron a carreira para traballar como escritores. Mais aínda que Fante tiña moita fe en converterse en escritor desde un principio, chegando a malvivir con tal de ter tempo para aporrear a máquina, Bukowski inicialmente adicouse a ir tirando, era un vago. Fante comezou con relatos e xa de novo escribiu novelas, e despois pasou a ser guionista de Hollywood, pero Bukowski comezou con poemas e relatos, e a súa primeira novela non a escribiu até os 50 anos.

Os relatos dos dous narrando os seus comezos literarios teñen moitas similitudes, falando de como enviaban contos mecanografados ou mesmo escritos a man, tendo que pedir cartos para mercar os selos e comendo a base de laranxas ou pexegos, e falando de que cando lles aceptaban a publicación dun relato era un triunfo, gardando a carta dos editores.

Os dous adoitaron escribir a máquina a maior parte da súa vida. Bukowski escribía con moitas faltas de ortografía, que logo corrixía a man. Pero cando xa tiña 70 anos, en 1991, a súa muller Linda Lee regaloulle un Mac, e o feito de escribir en computador multiplicou de forma exponencial a súa produción poética, pois parecíalle máxico que o aparato detectase automaticamente as faltas de ortografía.

Bukowski escribiu moitísima poesía, pero Fante escribiu só relatos e novelas, por iso ao tratar a obra, voume centrar na narrativa. A nivel literario, os dous amosaron unha grande admiración por Dostoievski, e en xeral os dous falan de que frecuentaban as bibliotecas. No caso de Fante por devoción, por fame literaria, e no caso de Bukowski en ocasións por abrigo, por ir á biblioteca como lugar quente. Con­ta que de feito así foi como coñeceu a obra de Fante, nunha biblioteca dos Ánxeles, de casualidade, e que se sentiu atraído xa desde as primeiras páxinas.

Fante en xeral é unha persoa apaixonada, e Bukowski é unha persoa preguizosa. Bandini fai deporte, é namoradizo, chora, quere ser famoso. Chinaski só quere un trago de viño e un cu, quizais unha pelexa ou unha carreira de cabalos. Poderiamos dicir que Fante é soñador, pretencioso, e que Bukowski é realista, conformista.

A relación de Bukowski co alcohol é algo enfermizo, unha adicción. Pero Fante só narra dúas bo­rracheiras, creo recordar: a prea que colle co pai en A irmandade da uva, e en Dreams from Bunker Hill, por un desengano amoroso coa súa caseira. Mais o certo é que na vida real tamén tivo problemas co alcohol, como refuxio ante as frustracións persoais e os problemas familiares. De feito tivo un grave accidente de tráfico cando conducía bébedo, e ao final da súa vida quedou cego e sufriu a amputación das pernas por mor da diabetes, en parte polo abuso do viño.

ESPAZOS LITERARIOS

Parte da novela estadounidense canónica desa época ambientaba as súas tramas en dous espazos: ou ben a zona rural (O vixía no centeo de Salinger, De ratos e homes, The Grapes of Wrath e Tortilla Flat de Steinbeck ou The Postman Always Rings Twice de James Cain); ou noutras cidades (O Gran Gatsby de Scott Fitzgerald, en New York, ou A conxura dos necios de Toole en Nova Orleáns). Pero as únicas novelas ambientadas en L.A. até entón eran en boa parte pulps, novelas de baixa calidade, ou ben novelas negras consagradas, como as obras de Raymond Chandler (Dashiell Hammett en San Francisco).

Dous casos curiosos son os de Hemingway, que na súa primeira época procurou ir a París a culti­varse, pois Europa era aínda o espazo literario predominante, e Boris Vian, que escribiu unha novela am­bientada en L.A. sen ser de alí. Fixo ó contrario que Hemingway, escribir novelas ambientadas nos Esta­dos Unidos pero escritas desde París.

Fante e Bukowski foron dos primeiros en narrar a súa vida diaria na cidade. Se ben Chandler tamén falaba dos barrios baixos, das clases sociais baixas, máis ben movíase por barrios ricos. Por outra banda, dentro da novela negra, hai obras en ambiente rural como Pob. 1280, ou outras ambientadas entre as cla­ses baixas de NY, do Harlem, como as de Chester Himes, tamén con certa carga autobiográfica. Bukows­ki escribiu unha novela pulp, detectivesca, xa con 71 anos. Eu creo que esta novela foi un exercicio de diversión, pois é a menos autobiográfica: é unha parodia, con moitos trazos irreais, como a visita duns extraterrestres.

Por outra banda, Factotum de Bukowski ten un tropo moi importante, que podería considerarse unha novela de viaxe. E en parte ese tropo repítese en A irmandade da uva, cando Fante vai nunha vella furgoneta coa tropa que dá título á obra: o pai e os seus amigos, vellos traballadores italianos cantando vellas cancións e bebendo viño.

Retomando a Boris Vian, cabe falar da música. Así como Boris Vian sempre introduce o jazz na súa acción, un elemento moi importante na escrita de Bukowski, e refírome a cando fala de cando escribe, é a música clásica. Na radio como única compañeira. E outro dos elementos que acompañaba a Bukowski cando escribía eran os gatos. Mais Fante nunca fala da música. Que escoitaba Fante?

As súas obras serven para coñecer a sociedade estadounidense de mediados do século XX. Especialmente Bukowski, que percorreu os Estados Unidos de costa a costa traballando en infinidade de choios, pero tanto Fante como Bukowski traballaron nos Ánxeles coas minorías sociais, por exemplo Bukowski cos negros en Servizo de Correos, e Fante cos filipinos en The Road to Los Angeles. Estamos falando nun principio de traballos despois da Gran Depresión e durante a Segunda Guerra Mundial, con industria bélica e moito emprego feminino, e xa despois con baixo índice de desemprego. Ambos os dous son detidos por ‘vagancia’, pero cando queren son quen de conseguir un traballo da forma máis absurda, case sen querelo. De feito un dos propósitos que tiña Fante era escribir unha novela sobre os traballadores filipinos en California ao estilo de The Grapes of Wrath.

Outro aspecto que me parece moi curioso sobre a vida en California é a descrición dun terremoto, que fai en Ask the Dust.

Adrián Estévez Iglesias

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s