Entrevista a Ismael Ramos

Nesta ocasión acompáñanos Ismael Ramos, que ven de publicar o libro Os fillos da fame, na editorial Xerais, logo de gañar no ano 2015 o premio Johán Carballeira de poesía. Velaqui o resultado.

Pregunta: Como definirías a túa poesía e Os fillos da fame?

Resposta: É moi complicado, para comezar o libro non ía levar ese título. Deuse a casualidade de que cando xa estaba rematando de escribilo saíu un que levaba o título que eu tiña pensado para o meu, entón tiven que cambialo e iso fixo que tamén cambiara a orde dos poemas. Engadín poemas novos e cambiou o libro totalmente. Tiven que voltar ao libro cando a editorial che deixa un tempo para corrixilo e dinme conta de que non tiña nin idea de que trataba en si.

Os fillos da fame fala do que fala a maioría da poesía que eu escribo. Fala moito da familia e de todo o que é evidente, pero ten unha contraface: interpelar ao evidente. Isto fai que moita xente diga que se entende moi fácil, pero eu sempre busco darlle unha volta, retorcelo un pouco, desvialo.

P: Cres que escribir é unha forma de cambiar o mundo?

R: Non podemos pensar que porque eu escriba un libro vaia cambiar o mundo, pero a literatura é un axente máis. A literatura pode facer que xurda unha determinada polémica, ou pode poñer unha nova cuestión sobre a mesa. A literatura pode mudar moito, senón o mundo, si ás persoas.

P: Dicía Rimbaud que o poeta naceu para soliviantar os infernos. Soliviantaron Os fillos da fame os teus avernos particulares?

R: Si, todos os libros soliviantan un pouco, pero non creo na literatura como terapia, na escritura como desafogo, mais ben todo o contrario. Escribir é un traballo, tes que pensar, escribir, revisar, ordear… Aínda que, realmente, como sempre acabo pensando en cousas que me preocupan si é un xeito de chegar a algures con esas preocupacións. Contradicir a Rimbaud é moito, pero tampouco estou totalmente de acordo con el.

P: A poesía debe brillar ou iluminar?

R: A poesía debe iluminar. Incluso che diría que debe iluminar e non deslumbrar, nin exceder. Eu son partidario de que non se debe desbordar. Hai que facerse con ela, aínda que eu, a verdade, non penso nada no lector cando escribo.

P: Alguén dixo de entrada que poeta non é un substantivo senón un adxectivo e o outro é un título que se hai que gañar. Compartes esta visión?

R: Si e non. É que dicir que si sería como dicir que Van Gogh é un mal pintor porque, vivo, non vendeu ningún cadro. O poeta empeza e remata nun mesmo. É un oficio que che toca.

P: Consideras que se está a facer boa literatura na actualidade?

R: Si, claro. Hai bos poetas e moi boa poesía. Temos a sorte de que en Galicia o público consume boa poesía. Tamén me parece que, como lector, o teatro é máis escaso e en narrativa hai moi poucas que me chamen especialmente atención. Creo que habería que reler máis a xente moi boa da que se da por suposto que todo o mundo leu, pero non é así. Eu, por exemplo, non lin todo Cunqueiro, e gustaríame facelo. Tamén Xohana Torres, que lle teño unha especial reverencia porque creo que foi unha muller moi adiantada no seu tempo polo xeito no que escribía. O mesmo Ferrín.

P: Falabas no teu blogue da pintura, de Hopper e dunha pregunta que el se plantexou que dicía: “Pode ser que non sintamos a franqueza de Brueghel con tanta forza porque hai tempo que a súa linguaxe nos é moi familiar?”

R: Gustoume moito esa frase de Hopper, que xa me gustaba moito como pintor e un día dei cun libro con moi pouquiños escritos del. Gustoume moito a pregunta porque me daba a sensación de que hai unha determinada linguaxe, que quizais por simple ou común pasa máis desapercibida e que ao mellor non está tendo, nin tivo, toda a presenza que debería no canon. Eu intento buscar unha linguaxe simple, intento saber ben do que falo, o cal non quere dicir que presente o poema e sexa o único que hai. Detrás do poema hai moitas cousas e doulle a oportunidade ao lector de que vaia a por elas. Ao mellor a simpleza dun poema fai que nos pase desapercibido, como por exemplo con Xohana Torres, que é un caso de inxustiza. Tamén pasa con Helena de Carlos, o seu último libro foi unha elexía potentísima. Son nomes que ao mellor pasan desapercibidos por esa sinxeleza, e é totalmente inxusto.

P: Se tiveses que crear a túa árbore xenealóxica literaria cal sería?

R: No meu caso meu pai sería meu pai e miña nai miña nai. Escribo moito sobre a familia. Penso que nestes casos se din demasiados referentes literarios. Eu considero que cambian constantemente.

P: Entón o teu círculo social é importante para a túa escrita?

R: Inflúe todo. Hai un poema, en concreto, no libro que é o resultado de sentarme unha tarde nun bar e darse a casualidade de que estaba alí naquel momento, e non noutro. Naquel bar e non noutro e esa xente e non outra.

Imos a facer un breve e rápido cuestionario:

P: Unha película?

R: Teño devoción por moitísimas, ademais ultimamente interésame moito o cine e a influencia que o cine pode ter na literatura. Se tivese que dicir unha diría The Hours, que está baseada nunha novela marabillosa de Michael Cunningham.

P: Un director?

R: Kieslowski, que está agora en Numax.

P: Un filósofo?

R: Cuxo pensamento máis me interesa diría Alain Badiou.

P: Un pintor?

R: Hopper, sobre todo porque plasma a realidade filtrándoa a través de si.

P: Un poeta?

R: Repítome, pero Xohana Torres.

*Fotografía de Manuel Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s