Fante vs. Bukowski (II)

ALTER EGOS

A obra narrativa de Fante e de Bukowski ten unha forte carga literaria. Mentres que Bukowski usou case sempre o alter ego de Hank Chinaski, Fante variou os nomes dos seus protagonistas. Dunha banda está a tetraloxía de Arturo Bandini (nunha das novelas sobre a infancia di que se sente mal por ter un apelido acabado en vogal, e que desexaría ser un Smith ou un Jones); doutra banda están os textos onde o protagonista é Henry Molise, xa adulto e guionista; e un texto singular é a novela Full of Life, escrita cos nomes reais del, a súa muller, os fillos e os pais.

 

CINE

Os dous traballaron na industria cinematográfica de Hollywood. Fante fíxoo como guionista e só como un traballo para gañar as lentellas, sen estar xamais a gusto. Chegou a visitar París e Roma á procura de ambientacións, e coñeceu toda clase de estrelas do cinema. Viviu de primeira man a época da caza de bruxas de McCarthy. Bukowski fíxoo xa de maior, cando era recoñecido, e case por diversión, nunha adaptación sobre a súa vida que protagonizou Micky Rourke, co título de Barfly (1987).

Os dous escribiron as súas experiencias en Hollywood: Bukowski nunha novela que se titula precisamente así, Hollywood (1989), narrada en primeira persoa pero cos nomes dos personaxes cambiados aínda que moi identificables. Por exemplo Francis Ford Lopalla, Jon-Luc Modard, Jean-Paul Sanrah (Sartre)… Pola súa parte, Fante escribiu Full of Life, publicada en 1952, cando estaba a traballar aínda na industria, pero Hollywood aparece só como trasfondo, pois a obra fala do nacemento do seu primeiro fillo. Á súa vez, esta novela foi levada ao cine en 1956. Por outra banda escribiu Dreams from Bunker Hill (1982), que forma parte da tetraloxía de Bandini, e a pesar de que fala dos seus inicios como escritor e na industria do cinema, foi escrita xa de maior, estando cego e ditándolla á súa muller.

 

En 1956 fíxose a adaptación de Full of Life, dirixida por Richard Quine e con Richard Conte e Judy Holiday como protagonistas. En 1989 Dominique Deruddere dirixiu Wait Until Spring, Bandini, con actores como Joe Mantegna, Ornella Muti, Faye Dunaway ou Michael Bacall. En marzal de 2006, Paramount Pictures lanzou Pregúntalle ao vento, dirixida por Robert Towne e protagonizada por Colin Farrell, Salma Hayek e Donald Sutherland. En 2001 Jan Louter dirixiu un documental sobre a súa vida, chamado A Sad Flwer in the Sand. Amais, levouse ao teatro unha obra súa, 1933 Was a Bad Year, co título de 1933, estreada en Denver en 2001.

De Bukowski adaptouse a película Factotum, dirixida por Bent Hamer e interpretada por Matt Dillon, pero non me gustou porque en vez de estar interpretada a mediados de século, cando Bukowski era novo, está ambientada na actualidade, no Los Angeles de 2005. Amais desta película, en 1987 rodouse Barfly, con guión do propio Bukowski e interpretada por Micky Rourke, que posteriormente inspirou a súa novela Hollywood, que narra as súas vivencias durante a rodaxe. Marco Ferreri rodou unha película sobre a súa vida en 1981, Tales of Ordinary Madness, e John Dullaghan rodou o documental Born into This, que inclúe entrevistas a coñecidos do escritor, como o actor Sean Penn ou o músico Tom Waits.

Amais de adaptacións ao cinema, o famoso debuxante Robrt Crumb levou ao cómic algúns dos relatos de Bukowski, que saíron publicados nunha recompilación moi chula. Á parte, existe unha gra­vación en vídeo dun dos seus recitais de poesía que é moi curioso. A el non lle gustaba particularmente recitar, por iso adoitaba ir borracho. Pero o que si lle gustaba eran os cartiños que lle pagaban, e que ademais nos recitais adoitaba ligar. A pesar de ter xa os seus anos (o último recital deuno con 60; a partir de entón xa os dereitos de autoría lle daban cartos abondo), servíalle para pórse en contacto con xente nova que o admiraba, e en ocasións marchaba con rapazas mozas.

 

Algo que me parece moi curioso é a relación cos pais, Nicola e Henry. Os dous teñen unha relación de odio, pola incomprensión dos pais cara á idea de seren escritores. Porén, John Fante remata conciliado con el, na novela A irmandade da uva. Bukowski sendo novo sofreu maltrato por parte do seu pai.

Fante naceu nun ambiente de familia católica, e de novo foi moi relixioso. De feito o seu primeiro conto foi “Altar Boy”, (acólito). Por outra banda, Bukowski foi sempre ateo. Isto reflíctese na súa relación co sexo: Fante sufre cando de adolescente ten pensamentos impuros e cando se masturba, e entende a infidelidade como un pecado grave. Fante estivo casado sempre coa mesma muller, Joyce, á que adica os seus libros (aínda que é protestante), e fala do arrepentimento cando ten unha aventura extraconxugal.

Pola súa banda Bukowski nunca tivo reparos á hora de ter relacións promiscuas, sen dar nin esperar fidelidade. Con todo, tamén tivo os seus amores. Quizais o máis destacado foi con Jane, por ser o primeiro, que deu pé aos personaxes de Betty en Servizo de Correos, amais de Laura en Factotum e Wanda en Barfly. Estivo casado con Barbara, e tivo algunha relación longa, como con Linda Lee, coa que casou xa sendo maior. Á parte, tivo unha filla, Marina, froito dunha relación con France. E tivo moitas mozas e amantes. Cos homes tiña relación de amizade, especialmente con outros poetas, como o canadense Al Purdy, e con John Martin, o seu editor, que o animou a adicarse por completo á literatura.

Bukowski quería con loucura e devoción a súa filla, que naceu en 1965, a pesar de que non lle adicaba todo o tempo que debería. Ela foi un dos motivos que o levou a seguir diante, pois a pesar de ser un suicida compulsivo, falando en multitude de ocasións da idea de matarse de vez, di que algunha vez non o levou a cabo pensando na súa filla. De feito morreu de vello, de leucemia, con 73 anos. Fante morreu por problemas de diabetes ao pouco de cumprir 74. Fante tivo cinco fillos, un dos cales -Dan- foi tamén escritor, e na súa obra deixou pegada sobre a relación que tivo co seu pai.

 

De momento hai poucas traducións ao galego das obras de Fante e Bukowski. Deste último hai dúas novelas traducidas: Servizo de correos, que foi a primeira novela que escribiu, foi publicada cando tiña 49 anos, e nela nárranse feitos acontecidos ao longo dunha década, mentres traballou como carteiro. Pan con xamón foi traducida por Eva Almazán e publicada por Factoría K en 1999, e narra a infancia de Bukowski, durante a Gran Depresión. Amais, Edicións Positivas publicou en 1993 un volume de poesía de Bukowski, Toca o piano como se fose un instrumento de percusión ata que os dedos empecen a sangrar, con tradución de José García Sendón.

Adrián Estévez Iglesias

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s