A tribo de Anna Gabriel

Teño dúbidas, moitas dúbidas. Quizais son esaxeradas. Non o sei.

O outro día Anna Gabriel, deputada no parlamento catalán polas CUP, afirmou: “gustaríame ter fillos en grupo, en colectivo”. Opinaba que sería interesante que fose un conxunto de persoas as que educasen, no canto da familia tradicional, aos seus fillos. Desta forma, todo o colectivo tería influencia nos nenos, evitando que sexa unha ou dúas persoas as que leven todo o peso. “A concepción é que educa a tribo”, manifestaba.

Segundo o que me ensinaron na escola, cómpre analizar o que din as persoas antes de emitir un xuízo. O problema é que cando alguén con certa relevancia expón unha idea distinta do que está socialmente establecido prodúcese unha polarización (que é cando dúas opinións diferenciadas se radicalizan e, por tanto, chocan). Isto non quere dicir que ningún dos bandos teña a razón, tampouco que a razón estea na mestura porque cada un ten a súa verdade. Si quere dicir que temos problemas para razoar e tolerar. Anna Gabriel non obrigaba a ninguén a seguir o seu camiño, simplemente manifestaba un desexo. Unha modalidade de educación e de vida que ela vía con bos ollos.

Por que en vez de debater os “pros” e os “contras” dese tipo de educación, en contraste coa actual, a discusión se dirixiu ao terreo de: “é unha argumentación estúpida” ou “non é estúpida”? Que nos lexitima a afirmar que o noso modelo de vida é o correcto, por riba doutros que, a maioría de nós, ignoramos e nunca experimentamos?

Moitos pais e nais esperan que a escola eduque aos nenos. Outras parellas mesmo os internan en centros. Acaso non é a escola unha tribo? Sería tan malo que, por supoñer, tódolos pais desa escola tiveran potestade para educar ao resto dos nenos? Acaso non era o que faciamos os galegos séculos atrás? Non é un xeito de que saia unha civilización máis sociable e menos individualista? Acaso non estamos manifestando a nosa opinión como tribo ao dicirlle a Anna Gabriel a nosa verdade? Non estamos “educando”?

Considero que a historia está en continuo avance e que son as ideas novas, para ben ou para mal, as que provocan esa evolución. Se sempre fixésemos o mesmo seguiriamos a ser homínidos.

Reitero que teño moitas dúbidas. A máis grande é saber cales son as mellores ideas para propiciar o desenvolvemento individual das persoas na nosa cultura e, por tanto, na nosa civilización. O que teño claro é que sen cultura non hai civilización.

Xosé Carlos Carracedo Porto

 *Artigo publicado no Periódico

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s