Manifesto da Cicloxénese Expresiva

 

“O mar florece cando os nimbos choran. As ondas derrétense nunha cume de auga que delira espuma. E alí está a nada, nas cicloxéneses máis agudas, onde se expresa o silencio e a condición humana”

Cita dun aturuxo do vento de compoñente leste.

 

Nós nacemos pretendendo darlle voz ao silencio, porque o mundo fica mudo, sen expresión, abatido polo relevo que non chega a cambiar o que xa murchou. Inspirámonos nos nimbos, xa que eles fórmanse dende as particularidades até o universal. Nós queremos ser como eles; ser locais, porque o local é o universal sen muros, que diría Miguel Torga. Ser Galegos neste mundo diverso para poder ser auténticos. Ser nós mesmos. Existir moldeando o molde.

A nosa pretensión é ouvir as catacumbas do mundo para poder expresar as pautas da condición humana dende tódolos ángulos posibles. É unha pretensión ambiciosa, mais así son os soños: retallos que viven no noso maxín porque probablemente nunca serán reais. Devecemos expresarnos dende a vangarda, entendendo que non hai vangarda sen tradición.

Pensamos en ser ese aturuxo de compoñente cultural, forte e vivo. Queremos empapar mentes, procurar ovellas negras, sementar grelos artísticos, ver ollares que non estean cegos para poder deformalos e observar a realidade no espello cóncavo de D. Ramón. Querémolo todo e non buscamos nada máis que atoparnos a nós mesmos. Aí está toda a condición humana que podemos abarcar.

Quizais somos demasiado ambiciosos, quizais deliramos demasiado alto, quizais a onda que nadamos está a piques de espallarse, quizais non somos ninguén, seguro que non somos ninguén. A quén lle importa? Cunqueiro escribía no Sinbad: “parecían nación de lanterna sorda”. Quizais nós tamén o semellemos. E se só queremos contar unha historia errada? E se non escoitamos o silencio? Por que o coiote nunca capturou ao correcamiños? É demasiado complexo e amplo coñecer tódolos dilemas existentes? Non sei se contestaremos algún día as dúbidas que plasmamos.

Somos coetáneos do movemento feminista porque é un aturuxo de sentido común. Tamén pertencemos á época das persoas escaparate, da promiscuidade pseudointelectual, do politicamente correcto como forma de vida, das modas escravas, da exclusión das emocións por carecer de importancia, do rexeitamento do ser humano como animal por mor da persoa-tecnolóxica. Desprezamos esas actitudes porque así nolo transmiten os nimbos, que non teñen nada que ver con Deus, xa que non buscamos a súa amizade.

Que somos? Unha harmonía vital. Seres con paixón e con talento sen xulgar que queren vivir unha vida plena. Somos revoltosos porque cremos na vida. Cada un ao seu xeito, de forma diversa. Queremos revalorizar a vida porque sen vida non hai cultura e sen cultura non hai vida -como dicía o vello mestre Sampedro: “O tempo non é ouro, o tempo é vida”-.  E sobre todo, non queremos o que nos ofrecen porque nos indigna. Somos Cicloxénese Expresiva: persoas que mudan de opinión, polo que poida que este manifesto se apague. Somos uns rapaces de aldea, uns ninguéns.

“Que as bágoas que me traen eses nimbos esperten a primavera”

Réplica dun aturuxo de compoñente oeste.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s