Entrevista a Xesús Alonso Montero, presidente da RAG

Citámonos con Xesús Alonso Montero na praza do Toural, no vieiro que nos conduciría a ver a exposición: 80 anos. Santiago 1936, na Fundación Eugenio Granell. Dende alí camiñamos até unha cafetería da contorna, mimando ás neuronas para que estiveran espertas ante un home que viviu moito, e por tanto puido borgoriñar, expresar, enfatizar e relatar múltiples experiencias amparadas por un vasto coñecemento. Velaquí o resultado.

Pregunta: Na presentación do libro de Xosé Neira Vilas Contos vellos para rapaces novos asegurou que a cultura debe ser estar por riba da economía e da política. Por que non se dá esa circunstancia?

Resposta: Supoño porque non lle interesa aos políticos, e supoño que ademais hai políticos que non teñen idea clara de que é a cultura e cal é o papel da cultura.

Por outra parte, o que eu pretendía dicir, e que o digo sempre que teño ocasión, é que non é que a cultura sexa superior á política ou á economía, senón que a cultura é previa, polo tanto unha persoa é culta e cando é culta resulta que ten unha actitude e unha conciencia ante a realidade que non teñen as persoas que non teñen cultura.

Cando unha persoa é culta é esixente ante a sociedade, e polo tanto os responsables das inxustizas, os responsables das desigualdades e os responsables das eivas que haxa na sociedade son os políticos. Se os políticos, dende o franco da cultura, non se atopan asediados pola esixencia crítica dos intelectuais non farán nada, en todo caso ambicioso. Por aí era por onde eu levaba o meu planeamento.

P: Ten dito que o galego é a lingua dos pobres. Na relación entre o galego e o castelán impera a loita de clases?

R: Eu teño dito iso, está en traballos meus de hai sesenta anos, cando realmente a situación era, nalgunha medida, doutra maneira. Precisamente onte que a administración xubilou a un amigo meu catedrático de sociolingüística -Mauro Fernández, da Universidade de A Coruña- nunha breve disertación de despedida, eu dixen que a gran lección de sociolingüística que eu recibín na miña vida foi no ano corenta e dous ou corenta e tres, empezaba o Bacharelato en Ribadavia, na provincia de Ourense. Daquela aínda non se creara a disciplina nas universidades do mundo, pero eu recibín unha gran lección de sociolingüística. Nun balcón asomaba un neno, de dez ou once anos, e viu pasar un grupo de xitanos descalzos, mal vestidos, fedorentos… con signos de que eran pobres. Mirando cara dentro, quizais porque a súa nai estaba na cociña, dixo “¡mamá, mamá! Son pobres y hablan en castellano”. Quen non entenda esta lección de sociolingüística non entende daquela a situación do galego, a problemática, e tampouco hoxe.

P: Que diferenza hai entre falar galego na ditadura e agora?

R: Na ditadura o galego, en determinados ámbitos, non estaba prohibido. Eu falábao coa miña familia e nunca vin a Franco na miña casa, á hora do xantar, para que me prohibira falar galego cos meus pais; aquí hai un pouco de ironía.

O que pretendo dicir é que había espazos no uso da lingua nos que o galego non estaba prohibido. Onde o estaba era: na escola, no instituto, na universidade, no púlpito, na administración de xustiza e noutras administracións. Daquela, levar o galego á tribuna, levar o galego ao periódico era un acto dunha certa valentía, dunha certa coraxe. Hoxe polo feito de dar unha conferencia en galego, ou un artigo en galego no periódico non implica ningunha valentía.

P: Nunha entrevista na Vanguardia afirma que España está educada por Belén Esteban.

R: As cousas sempre as hai que coller de quen veñen, no caso de min. Estou facendo un libro sobre Belén Esteban, eu son un especialista en Belén Esteban e en Telecinco. O que quero dicir é que Telecinco, e fundamentalmente Belén Esteban, educa máis á xente que as cincuenta facultades de letras que hai en España, desgraciadamente, infelizmente. O discurso de Belén Esteban prende máis que outros discursos que ou non se emiten, ou se emiten minimamente, porque isto que eu digo aquí nunca o dixen en Telecinco, nunca o dixen na Televisión Española, nin na Televisión Galega, porque nunca me levan alí a falar destas cousas. Dende que son presidente da Academia vou bastante á Televisión Galega, pero pregúntanme sobre Rosalía, que naceu no 1837 e iso sábeo todo o mundo, está nos libros de texto.

P: A popularización deste tipo de contido contribúe á menosprezar a cultura?

R: Creo que contribúe á indecencia nacional. Admitir, aplaudir, tolerar, pagar un fenómeno como Belén Esteban, que hai moitos, proba que a sociedade é como é. Non esquezamos, acaba de gañar en España o partido da corrupción. Polo tanto, o que hai é unha indecencia mental que tamén vota á corrupción.

P: Como é a relación da RAG co goberno galego?

R: Como relación institucional é boa. A relación persoal da directiva cos diferentes dirixentes é tamén cordial. Agora mesmo imos ter, o día dezaoito, unha entrevista co señor Feijoo, que pode ser importante para o porvir da Academia economicamente.

Os dirixentes da Xunta de Galicia neste momento son do Partido Popular. Un partido que na súa filosofía, na súa concepción, no seu ideario non é, precisamente, que teña como espiñazo dese ideario o compromiso coa lingua galega. Estou convencido de que no Partido Popular hai persoas comprometidas coa lingua galega, pero eu diría que o partido e os dirixentes teñen un compromiso limitado, moderado e en moitos casos inferior ao que me consta que teñen algúns conselleiros. O que pasa é que hai un número elevado de militantes do Partido Popular en Galicia, que cando Feijoo na Coruña, ante certos empresarios e fala galego, carraspexan. Polo tanto, Feijoo está entre eles e nós.

P: Que funcións ten como presidente da RAG?

R: O que ten o presidente de calquera institución, pero quede claro que quen máis traballa é a quen máis lle debe a Academia, dende que estou de presidente –só me quedan nove meses dos catro anos que dura a lexislatura- é ao secretario Henrique Monteagudo.

P: Vai presentarse á reelección?

R: En principio non. Teño máis de corenta anos.

P: Algúns estratos da sociedade aseguran que o galego que se fala agora é inventado, que o uso do galego oficial non corresponde ao da súa realidade, á que se falou na súa casa. Así é que clasifican dous tipos de galego: o seu e o normativo. Inflúe nisto que a norma é recente? Mudará co tempo?

R: En primeiro lugar, non convén que cada ano haxa unha norma distinta. Esa aseveración que se me fai daría para un curso de lingüística. Cando era neno, na miña aldea, eu non falaba máis que o galego. E incluso en galego, no galego que eu vou utilizar,  namorei a unha adolescente da que aínda sigo, en parte, namorado. Entre outras cousas porque non me fixo caso, só ao principio.

Que quero dicir con isto? Que nunha función tan importante da miña vida como é a de ligar, que daquela era un verbo inexistente, utilicei o galego. Pero eu dicía “jueves”, e dicía “o ghato subiu pola ghramalleira”. Felipe González, cando fala cos seus amigos, di “jozú”, pero escribe “Jesús”. Polo tanto, toda lingua, e non digamos unha lingua emerxente, unha lingua que acaba de acadar o seu Estatuto de Cooficialidade, polo tanto ten a primeira normativa ortográfico e morfolóxico. Toda lingua ten un nivel culto, un nivel literario, un nivel formal, un rexistro culto e logo resulta que hai outros rexistros populares. Cando vivía a finada da miña nai eu falaba con ela e recordo que sendo eu pequeno, unha vez, xa acontecera na lareira unha cousa moi graciosa e dicíalle “mamá, acórdaste cando o ghato subiu pola ghramalleira?”, pero ese mesmo día ela foi a unha conferencia miña en Vigo e eu, evocando á mesma cousa, dixen “o gato subiu pola gramalleira”.

P: Á hora de elaborar a norma, que aspectos se teñen en conta? E para modificala?

R: Os aspectos que teñen en conta os lingüistas, aqueles que teñen sensibilidade lingüística. Eu publiquei hai moitos anos un traballo sobre as denominacións do que hoxe se chama literariamente vagalume, en portugués pirilampo, pero eu na miña aldea chamáballe “lucecú” e noutras aldeas chamábanlle “cagafogo” ou “caghafogo”. Sería un académico inepto se propuxese que se diga lucecú, porque a palabra “cu” xa ten unhas connotacións mais ou menos pintorescas, incluso negativas. Vagalume é unha das palabras máis fermosas do galego. O que fai falla é sensibilidade, para ante dúas opcións, ou tres, ou dez escoller aquela que é maioritaria, aquela que é máis eufónica, aquela que non planea problemas sociais, etc.

P: Que opinión lle merece o reintegracionismo?

R: Levo toda a vida loitando contra esa opción. O reintegracionismo, que dito dunha maneira un tanto simple, é propoñer nos usos cultos do galego algo moi próximo ao portugués, ou practicamente o portugués, nunha sociedade como a nosa hoxe, ou hai corenta anos, que xa había esta polémica. Á sociedade galega, propoñerlle como alternativa ao castelán o portugués… apaga e vamos. A alternativa ao castelán é o galego, non o portugués. Ademais o galego, non como alternativa do castelán porque, se queremos defender o galego, ninguén pode suxerir á sociedade galega que hai que prescindir do castelán. Podemos non prescindir do castelán e normalizar en tódolos ámbitos o galego. A alternativa do portugués é pechar a porta.

P: Unha cuestión que orixinou debate foi que a persoa escollida para ser homenaxeada no día das letras galegas teña que ter cumprido 10 anos do seu pasamento.  Algúns propoñen que se debería homenaxear a algunha figura viva. Que opina?

R: Hai moitas cousas que son opinables. Non está mal a medida da Academia, que non a inventei eu, de que pasen dez anos porque hai unha perspectiva. Homenaxear a unha persoa que morreu hai dous días… aínda estamos no universo dos afectos, da emoción. Pasados dez anos temos unha distancia para saber cal é a súa valía intelectual e literaria. Sigo crendo que está ben homenaxear aos que xa nos deixaron. Aos vivos hai que homenaxealos dándolle premios polas súas novelas, polas súas publicacións… pero creo que o día das letras galegas, e igual teño que revisar esta miña opinión dentro de vinte ou trinta anos, que non creo que vaia vivir moitos máis, pero non está mal o criterio que segue neste momento á Academia.

P: Morrerá a lingua ou durará mil primaveras máis?

R: Non estou de acordo con Cunqueiro. Eu sempre falo de dúas mil primaveras.

P: Que vai facer cando deixe a presidencia da RAG?

R: Teño catro libros que tiña empezados e algún case finalizado e quero volver a eles. Un libro é sobre un lingüista e gran fonetista español Tomás Navarro Tomás. Sobre todo polo comportamento que tivo na Guerra Civil, que sen ser revolucionario foi leal ao goberno da república. Logo teño un libro sobre Antonio Machado, que foi, quizais, o escritor que máis influíu en min. Máis que Rosalía de Castro e Carlos Marx.

P: Dos escritores actuais, ten algún favorito?

R: Se digo os favoritos, algúns que case o son e outros que o son pero que podería esquecer mencionar, igual mañá non me invitan a café, e unha das cousas que máis me gusta na vida é que me inviten a café. Sobre todo aqueles que non teñen a miña ideoloxía porque antes da ideoloxía está a persoa. Eu que son republicano, marxista e ateo os amigos que máis admiro e quero son sacerdotes. E quero que me conviden a café, e non sexa o demo, porque o demo creo que existe, que de súpeto eu estea mal de memoria e non mencione entre os favoritos a alguén que o é.

Cuestionario rápido:

Un libro?

O Quixote.

Un autor?

Cervantes, perdón Carlos Marx. Antes xa dixera Machado.

Unha película?

Casablanca.

Unha canción?

A internacional.

Unha utopía?

O socialismo.

Un lugar?

A muralla de Lugo.

Unha palabra?

Lóstrego.

Advertisements

3 comentarios en “Entrevista a Xesús Alonso Montero, presidente da RAG

  1. Medíocre entrevista, medíocre entrevistado. No futuro se verá que, se a língua galega sobreviver, terá sido polos ditos “reintegratas”, e por génios como Estraviz, que leva feito o que já é o maior dicionário (de qualquer língua) já feito na Península Ibérica.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s