Corpos literarios

Cando lemos unha novela imaxinamos os personaxes: os seus trazos faciais, a forma dos seus corpos, a cor do cabelo, os ollos… Máis alá da descrición que faga a persoa que escribe o texto, nós configuramos nas nosas cabeciñas unha imaxe que pode evolucionar ao longo dun relato, unha novela ou unha saga. Xeralmente as primeiras lecturas que facemos adoitan estar ilustradas, polo que non fai falta imaxinar tanto. Vaia, si que imaxinamos, abofé. Énos ben fácil pensar en dragóns, unicornios, sereas ou apalpadores sen maiores problemas.

En certo modo, a imaxe dos personaxes vénnos dada, mesmo cando se trata de seres humanos. Os meus primeiros recordos de lecturas con persoas como protagonistas son os cómics de Astérix e de Mortadelo e Filemón, obras onde os personaxes son caricaturas de si mesmos: un home gordo e outro miudiño; un calvo con nariz desproporcionado e outro máis anódino con dous pelos na cabeza. Xa o primeiro libro de narrativa do que teño recordo é O rei Túnix, de Mira Lobe. O volume inclúe ilustracións de Roser Ríus, debuxante catalá especializada en libro infantil. Aquí os corpos aparecen descritos, pois son importantes para a trama. Algo similar pasa con Rapazas de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Miguelanxo Prado: nalgún dos relatos é relevante xa non só a feitura das persoas, senón as expresións dos seus rostros, ou mesmo a actitude e postura corporal.

Outras lecturas desa época teñen descrición dos personaxes, pero a un nivel menor: é o caso de Manolito Gafotas ou Flanagan, o detective adolescente barcelonés creado por Andreu Martín e Jaume Ribera. O libro Mecanoscrito da segunda orixe, de Manuel de Pedrolo, non conta con ilustracións, mais comeza identificando e describindo xa na primeira páxina os dous personaxes principais: “Alba, unha rapaza de catorce anos, virxe e morena”. “(…) Non o queremos onda nós porque é negro”.

Despois lin Os dous de sempre de Castelao. As ilustracións non definen, senón que comple­mentan, acompañan a lectura. Son trazos sinxelos que perfilan os personaxes, mais non os determinan. E despois xa pasei a lecturas sen debuxos, onde cómpre darlle á cachola para acadar a recompensa de visualizar e idealizar os personaxes. Porque en xeral, cando se escribe un relato a persoa autora ten algo en mente, pero sempre deixa portas abertas. Ao cabo, hai teorías literarias que defenden que unha obra non está completa ata que é lida. Pois pode ser. É. A cultura en que nos criamos determina a nosa imaxinación. Así, boa parte do que lin está protagonizado por xente de trazos caucásicos, polo que me custa máis imaxinar personaxes negros (como nas novelas de Cheser Himes, ambientadas no Bronx) ou asiáticos, por poñer dous exemplos.

E a partir de aí, todo. Desde a literatura erótica, onde a existencia dos corpos é importante aínda que non se describan, até a novela policíaca, onde un mínimo detalle do corpo dun cadáver pode ser determinante. Quizais as maiores dificultades para imaxinar estean -desde a miña experiencia lectora- na ciencia ficción. Aínda que non son moi seguidor deste xénero, lin varias novelas de Arthur C. Clarke (a saga de 2001, ou Cita con Rama), e é interesante o esforzo para imaxinar xa non só seres humanos, cos que nos podemos identificar en maior ou menor medida, senón espazos e seres vivos extraterrestres nos que debemos focalizar a nosa atención.

A libre interpretación dos personaxes provoca moitos chascos coas adaptacións cinematográ­ficas de obras literarias. Desde A historia interminable, que se reestreou nas pantallas recentemente, até grandes producións como O señor dos aneis ou Harry Potter, ou mesmo a louvada versión da novela A esmorga que se estreou en 2014. Certamente, o tema das adaptacións cinematográficas -e televisivas- dá para outro post!

Adrián Estévez Iglesias

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s