O que mal empeza, mal acaba. E acabou

Dicía Miguel Delibes, algo así como que a política é unha tentación comprensíbel, porque é unha maneira de vivir con bastante facilidade. Posibelmente, se Delibes vivise a noite electoral do pasado 25 de setembro e todo o que veu despois, mudaría o seu concepto de“facilidade”, pois coido que facer unha análise en termos electorais do xa pasado domingo 25 e da situación política actual, non semella unha tarefa nada doada. E non é doado a principalmente por dúas razóns:

Por unha banda, porque no escenario do teatro estatal, estase a representar unha obra nunca vista até o de agora e na que participan actores e actrices que, case un ano despois da estrea, aínda non foron quen de se poñer de acordo sobre o seu desenlace. E digo que non foron quen porque, ainda que dende hai unhas horas e despois de máis de trescentos días de “obra en funcións” temos desenlace, en absoluto iste é froito dun consenso. Ante os nosos ollos pois, unha realidade política excepcional.

E, por outra banda, despréndese a dificultade de termos nas mans dous resultados, un vasco e un galego, que son en gran medida opostos pero que tamén poñen de manifesto conclusións semellantes. E, neste sentido, tanto as diferenzas como as semellanzas, deberán ser explicadas nun contexto que, repito, asume unha complexidade descoñecida.

Na man dereita, temos a un Partido Popular coroado cunha maioría absoluta en Galicia que non lle é en absoluto descoñecida. E, sen me atrever a dicir man esquerda, temos doutro lado a un Partido Popular abrazando unha última posición que, por certo, tampouco lle é descoñecida no País Vasco. Con estes resultados xa nas mans e tendo en conta que as eleccións galegas non se agardaban para antes de novembro, haberá quen pense que o empeño de Núñez Feijóo por fixalas no mesmo día que as vascas, responde a unha estratexia que permite aos e ás populares compensar os resultados: repartir a vitoria e suavizar a derrota. E máis se cabe, tendo en conta que estamos ante un panorama estatal incerto que, en escasos seis meses, sacou as urnas dúas veces e que non da pé a que ningún partido perda máis do que xa o fixo. E non culpo a quen pense así, fose ou non unha estratexia, tivo o seu efecto.

Con todo, e a pesares de que tanto a maioría absoluta de Núñez Feijóo como a última posición no País Vasco, non son ningunha novidade para as e os populares, é importante incidir na excepcionalidade da situación, en especial para aquelas e aqueles que se apuran en outorgar o éxito galego ao conxunto estatal. Neste sentido, hai que ter presente que, Galicia é a única autonomía que conta cun goberno resultante da maioría absoluta do Partido Popular. Polo tanto, extrapolar estes resultados, non é prudente; en primeiro lugar por ser algo descoñecido no resto do territorio e, en segundo lugar, porque de facelo non deberíamos esquecer os (malos) resultados vascos. O berro entón debera ser de prudencia e xuízo e non tanto de vitoria.

Do mesmo xeito que hai quen se apresura en cederlle a Génova o mérito de Núñez Feijóo (si, mérito de Núñez Feijóo, non do Partido Popular Galego), moitas e moitos buscan unha explicación aos malos resultados do PSOE en Ferráz. Dos resultados galegos e vascos despréndese a xa realidade de que, mentres para o resto dos partidos a preocupación se concentra en atender ás condicións dun novo ciclo na política estatal, autonómica e local, as e os socialistas deben atender ao peche do seu propio ciclo como partido: o PSOE xa non pode dar un paso sen llo consultar, e mesmo sen lle pedir permiso, a outros partidos políticos. E para mostra, un botón e a dimisión definitiva como Secretario Xeral e como Deputado nas Cortes de Pedro Sánchez.

Máis aló do que ten que traballar o PSOE a nivel interno, asistimos a un tempo triste para unha militancia que, en menos dun ano, viu como a súa vontade se diluía ante os intereses do Partido Popular. Así é que, tanto as últimas eleccións autonómicas coma as estatais de hai uns meses, traen canda elas unha mensaxe clara para o PSOE: renovarse ou morrer.

Biparti, que?

As últimas eleccións estatais de xuño, sacaron a relucir unha cuestión que, dende a irrupción dos chamados novos partidos ou partidos do cambio, xa estaba sobre a mesa: o bipartidismo segue vivo ou xa quedou atrás?

Se ben é certo que non podemos chamar sistema bipartidista a un no que conviven sete grupos parlamentarios, tampouco podemos dicir que o bipartidismo esté morto de todo cando nestas segundas eleccións, se viron consolidados os dous partidos tradicionais: Partido Popular e Partido Socialista. Entón, que? Entón, estás eleccións, tanto as vascas como as galegas pero sobre todo estas últimas, veñen despexar un pouco a dúbida: tanto no País Vasco como en Galicia, prodúcese o sorpasso ao PSOE por parte de Elkarrekin Podemos e de En Marea respectivamente. Dende logo, si é que hai bipartidismo, non ten nada que ver co que coñeciamos ata agora. Do contrario, non estaríamos ante este sorpasso nin ante un PSOE que caba a súa propia tumba despois de entregar o seu corpo moribundo ao Partido Popular. Como digo, nada que ver con anos atrás.

E falando de partidos novos, que pasou con Ciudadanos? Pois se levamos a vista atrás, podemos ver que dende decembro, Ciudadanos non deixou de perder votos ata tal punto, que desta vez non entrou en ningún dos parlamentos que se xogaban cadansúa composición. E como se explica isto? Pois se estivésemos analizando uns resultados a nivel estatal, cómpreria falar do xa famoso voto útil. Isto ven sendo algo así como renunciar un chisco ás túas ideas con tal de evitar o que persoalmente consideras un mal maior. O uso en campaña do voto útil da man do Partido Popular en xuño, foi responsábel, en parte, de que Ciudadanos perdese oito escanos nas Cortes. Así e todo, coido que no caso de Galicia, non foi necesario apelar ao voto útil: unha candidata que, as veces que se decidiu a falar en Galego publicamente, descolocou todo o Dicionario da Real Academia Galega, unha campaña bastante pobre e derrotista, un máis que manifesto descoñecemento da cultura galega e un líder estatal que, de cada vez, está a un lado diferente do Congreso (mesmo se isto implica apoiar a un partido salpicado pola corrupción), foron suficientes como para que o Partido Popular de Galicia, por se non o estaba xa o suficiente, se acomodase nunha dereita que fica só para el. Como sempre ficou.

O feito de que exista unha dereita ocupada por un único partido, fai que a esquerda estea máis fraccionada. E de novo poderíamos referirnos ao voto útil. Se ben é certo que o Bloque Nacionalista Galego ten recollido algúns votos que se descolgan do PSdG e sendo recoñecido durante varios anos coma a alternativa de esquerda en Galicia, xa non é así dende a irrupción de AGE no ano 2012, e volta a non selo agora coa consolidación de En Marea liderando a oposición no segundo posto. Quizais unha campaña por parte da Marea enfocada ao voto útil, e tendo en conta que o seu programa alude claramente ao dereito á libre autodeterminación dos pobos, non sería complicado que puideran ter recollido algún voto nacionalista. E non foi así; O BNG fixo unha boa campaña e, En Marea tiña claro que o BNG non era o inimigo. Nin sequera o era o PSdG. E nesta liña, enfocou unha campaña, quizais pobre en propostas manifestas, pero cun obxectivo claro que ninguén descoñecia: evitar a maioría do Partido Popular. O fracaso na consecución deste obxectivo, está a facer que, obtendo un moi bo resultado (moi superior ao de AGE no 2012) e sen esquecer que apenas conta cuns meses a súa formación como partido instrumental, pareza que non o é. Máis aló do traballo que teñen por diante, a súa irrupción no Parlamento Galego no seu primeiro ano de existencia e coa forza que o fixo, non pode caer en van.

E entón, que pasa?

Cales son as conclusións agora que xa nos separa unha distancia prudencial do 25 de setembro? Pois pasa que, malia deixar unha pegada de corrupción alá por onde pisa, malia deixar a un lado a normalización lingüística, malia deixar á sanidade pública polo chan, malia ter recortado en dependencia, educación e política social, malia compensar ás minorías favorecidas e esquecerse da maioría social, malia ter un discurso de baixa intensidade política, e un sen fin de cousas máis, malia todo iso, temos un goberno do Partido Popular. E non temos un goberno calquera, non. Temos un goberno cunha máis que ampla maioría absoluta.

Non se trata agora de buscar culpables: a Marea non ten a culpa de que o Partido Popular estea onde está; o BNG non ten culpa de que o mar medrase e, o PSdG, non ten culpa, en parte, de ter perdidos tantos apoios. As e os que votamos, somos nós. E malia que algúns e algunhas se queiran esquecer da xente, é ela, a xente da rúa, a responsable de todo, para mal ou para ben. A análise que cómpre facer agora non é si o que acaba de pasar é un reflexo ou un bo augurio para o Partido Popular en Madrid. O que cómpre, é saber por qué a xente vota a quen a oprime. E a partir de aí, traballar para que non suceda.

Ángela Fernández

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s