Branco granito azul

Baixo polo bulevar inzado de cor. Viro á esquerda, de súpeto un raio azul clausura a ancha e curta rúa. Granito reviricocado, rocaille, enmarcando o azul cerúleo dos azulexos que recobren a cachotería, en contraste co purpúreo da balconada e portas de acceso, e o branco das dez fiestras que abren o edificio á luz. Construída en 1754 pola imaxinación barroco-miñota de André Soares para un comerciante  enriquecido en México. Brillante a recente restauración.

14962421_10202668299544568_1020762225_n

Casa do raio. Braga

Apampado polo azul lostregazo, camiño pola ampla e curta rúa. Á esquerda unha caixa de aceiro corten agocha a Fonte do Ídolo, seguramente dedicada á deusa Navia, a das augas que corren. Á dereita unha moderna librería co cuño da Bertrand. A rúa do Raio sintetiza Braga.

A Bracara capital de conventus noso, do Gallaici Bracari, en absorción da urbe castrexa de Briteiros. Din, os que saben daqueles tempos , que a difusa demarcación imperial collía polo Verdugo, agatuñaba pola serra do Suído ata o empate do Miño co Sil, ou deste co primeiro, para seguir logo pola cunca do que trae a auga.[1] Así a terra medieval de Turonio era parte do territorio difuso da administración bracarense

A Bracara cabeza de reino organizado en parroquias deseñadas por Martiño dende Dume mentres elimina residuos  pagáns, corrixe rústicos priscilianistas, funda mosteiros, resiste contra Toledo e asenta a devoción polo seu tocaio de Tours para que o celebremos cando a castañeira[2]. No labor fundacional terá continuidade o Dumiense en San Fructuoso, do Bierzo, e agora podemos gozar da capela a el dedicada que lembra, perpiaño a perpiaño, a Santa Comba de Bande e a San Miguel de Celanova; aínda que a igrexiña das beiras do Cávado, encetado na serra do Larouco, luza marmóreos fustes reciclados da época imperial.

Estes dous santos varóns que inspiraban séculos despois o pensamento e a inacción fidalga doutro home bo, santo e decimonónico, aquel don Bernaldo, tío de Adrián Solovio, trasunto de don Ramón Otero Pedrayo cando este andaba a dar voltas arredor de si. Aquel frade, na súa vellez, remexía nas gabetas comestas pola couza das que tiraba poeirentos e traizoados escritos:

“Quixen erguer o sentimento cristián en Galicia. Xuntar todo o esforzo dos galegos para fundar un Reino (…) Voltar a un cristianismo sinxelo guiado polos grandes taumaturgos do bo tempo: san Martiño de Dumio, san Froitoso, san Rosendo (…) Unha nación toda labrega e mariñeira, inimiga da riqueza, unha nación que cantase na fermosas lingua dos campos (…)”[3]

A Bracara nosa, sé metropolitana da Gallaecia escindida en, e pola, competencia soricida coa Compostela de Xelmírez que lle roubou, con nocturnidade e aleivosía, as reliquias de San Frutuoso, e outras, para maior gloria da súa catedral[4]. Un Xelmírez que preferiu a grandeza do arcebispado á unidade galaeciana. Na disputa perderon as dúas capitais relixiosas, a lucense e a bracarense, que seguen unidas, malgre lui, por unha lingua común e unha historia compartida, tamén nos desencontros. E polo granito: robusto e sobrio, o compostelán; requintado e adobiado o bracarense.

A Braga actual, romana, sueva, barroca, decimonónica e comercial, é tamén, nunca deixou de selo, unha activa cidade de cultura. Na Centésima página  acudín, hai pouco,  a unha presentación ben especial. Os baixos dunha desas casas braguesas enfeitadas de granito enribirichado e revocado nos entrepanos acolle esta fermosa libraría. A Casa Rolão,  tamén construída, entre 1758 e 1761, polo arquitecto André Soares,  en plena Avenida Central. Despois de baixar unha caneca na Brasileira, dirixinme ata a libraría  para manxar unha frugal e saborosa “salada de frango” e agardar ata a hora determinada, as nove e media da noite, isto é as dez e media polo hora berlinesa que nos deixou en herdanza a alianza de Franco co III Reich e  cuxa modificación consideran algúns un atentado contra a unidade da patria española, común e indivisible. Cousas do “corral nublado”, diría don Ramón María.

No xardín posterior  á  casa repasei as follas inzadas de África da novela que se ía presentar. Cando observei que o comprimido espazo entre andeis comezaba a se encher de persoas erguinme para asegurarme unha cadeira. Atinei. Ao pouco por entre os libros asomaban cabezas, ollos e orellas que querían ver e escoitar o escritor branco moçambicano, a Mia Couto falar da segunda entrega da súa triloxía As areias do imperador[5].

14959081_10202668299024555_2032633158_o

Casa do Rolão.

Co libro acabado de saír do forno entre as mans  aprestámonos a atender a conversa con extrema atención a fin de acostumar canto antes o ouvido á fonética portuguesa. Mais a sorpresa comezou pronto. A presentadora, moçambicana, profesora na Universidade do Minho, repasou como pluma no ar a obra do Mia Couto e aínda notándoselle o seu sotaque académico foi perfectamente comprensible para un galego do “conventus  lucenses” cinco séculos afastado da lingua construída en común; a sorpresa avanzou tanto cando falou o autor nun portugués que eu diría máis próximo na súa fonética ao galego que ao  culto falar lisboeta, e esta afondouse cando entre as persoas asistentes interviñeron tres brasileiras, unha delas de Minas Gerais, que confirmaron eses sons  galego-portugueses en contraste cos dicires do representante da editorial Caminho que, tanto polo seu xeito persoal de falar como polo seu estilo lisboeta, fíxoseme difícil de seguir.

Foi este ultimo quen salientou a dimensión da triloxía miacoutiana e indicou que era a primeira vez que na literatura en portugués se afrontaba tal tarefa e nesa actitude papaleisona co mundo español, digo eu… que de seguro que o editor non participa desa actitude, sinalou que tampouco lembraba ningunha triloxía en castelán, mesmo solicitou a axuda do público para recordar. Mais ninguén lembrou. Calei, quizais por estar demasiado presente Los gozos y las sombras (El señor llega. Donde da la vuelta el aire. La pascua triste). Ambas tríades dunha dimensión semellante, arredor das mil cincocentas páxinas. Ao mellor é que as periferias teñen moito que contar.

Son dos que pensa que as dificultades actuais do noso idioma teñen, aínda que de xeito marxinal, que ver coa irracional disputa normativista entre isolacionistas e reintegracionistas, cada banda cos seus matices, tendencias ou manías, nalgúns casos mesmo agochando intereses espurios. Que se , na altura, houbese algo máis de sensatez,  de ausencia de servidumes ideolóxicas ou perversas e de sentido patriótico…  puido non  desbordarse a canle do natural desacordo e evitarse o espectáculo fratricida, soricida, cainita que tanto pracer suscita nos dexenerados “odiadores” da nosa lingua e cultura, ao tempo que  reduciría esa absoluta indiferenza, esa inexplicable ausencia de toda caste de irredentismo entre as nosas xentes de tras das raias. Son dos que pensa que algo máis se podería facer e quizais fose máis efectivo convidar ás aulas universitarias ou aos centros culturais as xentes da cultura moçambicanos, angolanos, brasileiros ou portugueses en vez de que uns cantos dos nosos intelectuais de referencia fagan algunha que outra paradiña no Brasil no tempo que lle queda libre despois da turné polo Río da Prata.

Os tempos mudan que é unha barbaridade e argumentos  que aos da miña quinta nos servían para identificarnos coa lingua minorizada (ser maioritaria no país; ser a dos nosos pais; ser a dos de clase baixa, ser a que rexeitaba o franquismo…) hoxe carecen de valor para a mocidade que observa unha lingua que xa non é maioritaria, nin a dos seus país, nin a das clases baixas, nin a do franquismo que exactamente, que era?. Para que asuman a lingua como forma de conciencia teñen que procurar outros camiños, descubrir outros argumentos e un moi poderoso é o do multilinguismo. Dicíallo eu ao meu alumnado, co español que sabedes, falando ben o galego – portugués e chapurreando un chisco desa lingua franca que é o inglés podedes andar polo mundo. Este argumento era eficaz. O fillo dun veciño fixo uns cursos de post-grao sobre cultura chinesa, foi facer as practicas a Taiwan e ficou en Taipei dando clases de inglés; agora escríbelle dicíndolle que anda á procura dun traballo mellor no sector da importación-exportación coa esperanza de que entre o chinés, o inglés, o castelán e o galego-portugués teña a sorte de atopar algo mellor. Corremos o risco de diluírnos nesa globalización papaleisona pero o retorno á aldea-feliz é a inacción de don Bernaldo contra a que reaccionou Adrián Solovio.

Volvendo ao  rego.  O caso é que o noso autor Antonio Emilio Leite Couto (abondoso entre nós, ben como apelido ou como topónimo) relátanos, como en todo romance que se prece, unha historia de amor, inzada de dificultades, como os grandes dramas amorosos, entre unha rapaza, case unha nena, Imane, da nación VaChopi, e un sarxento portugués, Germano de Melo. Ora o drama desenvólvese nos derradeiros días do Imperio de Gaza, contra o remate do século XIX. O grande estado erguido pola nación VaNguni, no sur de África, estaba, na altura, dirixido polo emperador Ngungunyane, segundo escribían os ingleses, ou Gungunhane como lle dicían os conquistadores portugueses. Derrotado, deportado, primeiro a Lisboa, despois a unha illa dos Açores onde faleceu, alcohólico e marxinado, en 1906. Catro anos antes morrera o seu vencedor, Joaquim Augusto Mouzinho de Albuquerque convertido nun grande heroe e símbolo da grandeza imperial durante o Estado Novo.

Cando Moçambique proclamou a independencia, o presidente Samora Machel insistiu, e logrouno en 1985, en facer retornar os restos de Ngungunyane. A lenda di que os portugueses non sabían moi ben onde estaban os restos do defunto emperador de Gaza e encheron o féretro con areas dos Açores. De aí o título da triloxía, aínda incompleta, As areias do imperador.14914502_10202668297784524_1465722507_n

Mia Couto ofrécenos un romance histórico, un documentado relato no que reconstrúe a historia do seu país, dunha África que nada ten que ver coa fantástica realidade imaxinada polos racionalistas europeos na procura de argumentos da súa superioridade xustificadora da expansión colonial. Hegel era quen de escribir:

“En África atopámonos co que se ten chamado a “idade da inocencia”, na que se supón que o home vive en acordo con Deus e a natureza. Nese estado o home non é aínda consciente de si mesmo …, este estado natural primitivo é en realidade un estado de animalidade. O paraíso era un parque zoolóxico no que o home vivía nun estado animal de inocencia.”[6]

E mesmo de privar de liberdade a eses pobos “sen historia”:

“A única diferenza que se aprecia entre os pobos de África e os Asia, dunha banda, e da outra os gregos, os romanos e o mundo moderno, consiste en que estes saben por que son libres, mentres que aqueles sono sen saber que o son e, polo tanto, sen existir como pobos libres”[7]

Desa visión hegeliana participa un dos personaxes secundarios da novela cando afirma:

 “Os pretos são um fantasma que nos persegue, mas não têm existência própria. Quem está por detrás deles são os ingleses. Esses são os nossos verdadeiros inimigos.” (V. 1 p.123)

Mais os que non existen como pobos libres, os establecidos nunha idade de inocencia para outro personaxe, os que

“Não usam as espingardas que lhes são entregues. Dizem eles que é próprio de um cobarde combater à distância. Essa gente tem confiança é nas mezinhas, nos amuletos que acreditam imunizá-los contra as balas” (v 1, p.119)

Eses son os que para o mesmo personaxe:

“Havemos de ser mortos com as mesmas espingardas que colocamos nas mãos deles. E a ordem de matança será dada em português, na língua que colocámos na boca deles.” (V 1, p.121)

Porque esta é a historia do Estado de Gaza, pero tamén da guerra da independencia, da guerra civil entre as nacións do actual Mozambique, da guerra da escravitude na que as xente dunhas nacións prendían as  doutras para vendelos como escravos . Mia non é só un romancista, un narrador, senón tamén un pensador, un científico de rigor, aínda que sobre todo, ou cando menos iso é o que entendín  de varias das  intervencións das persoas asistentes, un  poeta, un gran poeta. Interpretación esta da súa extensa obra que non desgustou ao autor. Esa reflexión que permite establecer as diferenzas:

“A diferença entre a Guerra e a Paz é a seguinte: na Guerra, os pobres são os primeiros a serem mortos; na Paz, os pobres são os primeiros a morrer.

Para nós, mulheres, há ainda uma outra diferença: na Guerra, passamos a ser violadas por quem não conhecemos” (v.1, 124)

E entre pobres e mulleres tamén están os pobos sen historia. Conta o sarxento:

“E partilhei então uma lembrança que trazia de Lisboa. Aconteceu na única vez em que assisti, levado pelo meu pai a uma tourada. A um certo momento, como o toure se encontrasse cansado e bonacheirão, lançaram para a arena uma meia dúzia de pretos, enfeitados com penas e montados nuns ridículos cavalos feitos de papelão. Este enfeite roubava-lhes mobilidade mas reforçava o tom de caricatura que empolgava a multidão. O touro arremeteu contra os pobres diabos e todos eles foram terrivelmente maltratados, para gáudio do público que, até então, reclamava contra a pobreza do espectáculo.

Levantei os olhos para Imani para avaliar o efeito daquele episódio. O seu rosto mantinha-se imperturbável.

Não era racismo. Ou tal vez fosse. A verdade é que também atiravam galegos para dentro das arenas.

Os galegos são negros?

Não. São como nós.

Nós quem, sargento Germano?” (V1, p. 364)

O dous volumes publicados seguen un esquema similar. Ao capitulo construído arredor dos dicires, contemplares ou pensares de Imane, séguelle unha carta enviada ou recibida polo sarxento Germano de Melo. O relato, en primeira persoa, da moza VaChopi altérnase coa misiva oficiosa aos superiores do militar ou a resposta destes. Esas comunicacións, en principio de formalidade castrense,  iranse convertendo en descritivos e coidados relatos e rematarán sendo, para o sarxento e os seus comunicantes, un fin en si mesmo que lles permite abandonar a soidade dos postos militares e a dun branco rodeado de cafres.

O esquema complétase cunha consideración que antecede ao capitulo. No volume primeiro, sen sinatura. No segundo as reflexións van identificadas por pensamentos dos personaxes, lendas, mitos locais, ou xenéricos, das aldeas ou nacións protagonistas. É aí onde se amosa o Mia Couto pensador que xa ten deixado magnificas mostras noutros libros de relatos da súa máis que considerable obra, non só en calidade, senón tamén en cantidade. Un estilo de meditación, no formal, moi pessoano  e de fonda tradición na literatura en portugués.[8]

Na agarda ansiosa da terceira entrega para 2017 na que o autor asegurou estar traballando cunhas palabras que soaban a que o labor xa estaba en fase de repouso poñemos fin a estes divagares braguenses reproducindo unha desas reflexións que encetan cada un dos capítulos; nesta ocasión atribuído a un proverbio da aldea de Imane:

“Tudo o que de grave tiveres que dizer a um inimigo deves dizê-lo na língua dele. Nenhum juiz pronuncia a sentença num idioma que o réu não possa entender. Ninguém morre a não ser na sua própria língua.” (V. 2, p.242)

[1] Arias Vilas, F. (1992): A romanización en Galicia. Historia de Galicia 4. Edicións A Nosa Terra, Vigo.

[2] López Carreira, Anselmo (1996): Martiño de Dumio: a creación dun reino. Edicións do Cumio, Vigo.

[3] Otero Pedrayo, R. (1930): Arredor de sí. Galaxia, Vigo, 2002.

[4] Armesto, V. (1994): Galicia feudal. Biblioteca galega, A Coruña (p. 221-229). Biggs, G.(1949): Diego Xelmírez. Xerais, Vigo, 1983 (p. 55-59).

[5] Couto, M. (2015): As areias do imperador. Mulheres de cinza. Caminho. Porto.

Couto, M. (2016): As areias do imperador. A espada e a azagaia. Caminho. Porto

[6] Hegel, G.W.F. (1830): Lecciones sobre la Filosofía de la Historia Universal. Madrid: Alianza Editorial, 2001. p. 172,183

[7] Hegel, G.W.F. (1833): Lecciones sobre la historia de la Filosofía. F.C.E., México 1995, p. 27.

[8] Pessoa, F.: Livro do desassossego. Asírio&Alvim. Ediçao de Richard Zenith. Porto, 2013.

Carlos Méixome

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s