Retrato dun falso antroido

Imaxínense un barco sen rumbo. Un mar picado con ondas que non atendemos a controlar. A civilización vive enriba. Os paxariños cantan “desastre”.

Procúrase a solución do problema? Que va… Quizais unha minoría. Gran parte das elites dirixentes prefiren traballar no seu privilexio mentres o barco continúe coa forza precisa para manterse a flote, por iso manipulan o pensamento, e con el, as prioridades sociais.

Os seus inmediatos subordinados dedícanse a vivir acorde aos valores dos superiores. Se achan a posibilidade, volveranse elites.

Un chanzo menor en dereitos, e maior en obrigacións, é habitado polos que aínda poden xantar tódolos días. Afíncanse no traballo continuo ou no desamparo por non atopalo. Están preparados, mais non contan coa fortuna do sistema.

Máis abaixo, moito máis abaixo, están os que algúns días non comen. Debaixo da escaleira quedan os ninguéns.

A xente cando pode é feliz. Intúe o afundimento? Todos comparten intereses, mais a farándula que ocupa a parola do día a día disfraza a verdade.

Os dirixentes temen que se o barco muda de rumbo carezan do poder e influencia de conducilo. Temen a ausencia do privilexio.

  • O barco chámase caos ou barbarie? –pregunta unha conciencia.
  • Váleme calquera no que estea ao mando –replican dende arriba.

As elites gozan dos mellores alimentos, do mellor viño, do máis grato descanso. Algunha onda avisa, pero o barco non afundiu nunca. Por que ía facelo agora? Algún paxaro canta a catástrofe. É ignorado. Non existe a angustia da traxedia.

De cando en vez un motín asusta aos superiores: ás veces porque un dos seus compoñentes quere máis poder, outras polo desexo dunha parte do barco de mudar o rumbo. Hai pequenos grupos lúcidos, maioritariamente separados por guerras internas do poder da conciencia. Debaten que facer cando arranxen o barco. Non acordan nada, só unidos terían forza.

Cada vez avisan máis aves, algunhas extínguense. O barco da voltas. Cando afundirá?

Non son fotógrafo, tampouco pintor. Este é o retrato do sistema que podo elaborar cunhas cantas frases. Quen son? Un pequeno grumete que busca o seu lugar no mundo. Aquí deixo a miña visión subxectiva, local. Cuestiono se o sentido común desta aldea planetaria atopará o compás perdido. Non teño resposta.

Talvez, e só talvez, esquecemos os principios da condición humana. Talvez hai que volver ao comezo. Talvez debamos ser máis humanos, máis persoas, máis civilización. Talvez…

Xosé Carlos Carracedo

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s