Entrevista a Carmen Pomar

Nun día deste atípico outono acudimos ao despacho de Carmen Pomar a realizarlle unha entrevista. A través das súas respostas amósase unha muller que conxuga traballo e paixón, que atopou a súa vocación e que transmite tolerancia, reflexión, amplitude de miras, sensatez, crítica…

Seguiriamos describindo as nosas impresións, mais non lle queremos impedir ao lector a oportunidade de elaborar as súas propias opinións acerca da educación e de tantas outras cousas.

15368819_10155543223683135_841075344_o

Carmen Pomar. Fotografía de Fuco Reyes

Pregunta: Como é o alumnado con altas capacidades?

Resposta: Difícil. É un alumnado que ten puntos en común, pero que despois é igual de heteroxéneo. Non hai un patrón único, sobre todo a nivel de desenvolvemento emocional, social e afectivo. Nin sequera a nivel de personalidade. De feito, os puntos en común que teñen, normalmente, están descritos polo que sería o desenvolvemento cognitivo e intelectual. Si que é certo que son alumnos e alumnas que aprenden dun xeito distinto. Primeiro porque aprenden máis rápido, e polo tanto en adquisición de coñecemento van por diante dos demais, pero non só porque aprenden máis rápido, ou teñen unha maior capacidade de aprendizaxe, senón porque utilizan os coñecementos dunha maneira distinta. Creo que é máis unha diferenza cualitativa e cuantitativa. Non é que teñan máis cantidade de coñecemento almacenado, senón que empregan ese coñecemento dun xeito que non estamos acostumados de ver nas aulas. Nese sentido é certo que teñen unhas capacidades por riba da media, pero ademais utilízanas dunha maneira, un pouquiño, desequilibrada.

Utilizan as capacidades para os temas que máis lles interesan a eles, e non as utilizan, ao mellor, para temas que son un pouco máis sinxelos e academicamente máis populares, pero xustamente non lles interesan, ese é o problema do alumnado con altas capacidades.

P: É o mesmo altas capacidades que superdotado ou sobredotado?

R: Altas capacidades realmente abrangue todo, a propia terminoloxía o di. Dentro delas temos os superdotados ou superdotadas, que non é unha palabra demasiado bonita, nin soa moi doce ao pronunciala, pero é a que empregamos. As persoas superdotadas son as que terían un perfil máis homoxéneo, teñen unhas capacidades por riba da media en tódalas áreas de coñecemento –outra cousa é que as utilicen ou non–. Estatisticamente son minoría, falariamos de entre dous e tres nenos de cada cen. Despois estarían os talentos, que xa é un perfil moito máis heteroxéneo. Son rapaces que teñen unha superioridade en certas áreas, pero logo noutras están ao mesmo nivel ou mesmo por debaixo do resto do alumnado. Tamén poderiamos falar de precocidade, que son aqueles rapaces que evolutivamente van moi rápidos no desenvolvemento nos primeiros anos de vida. Esta precocidade prosigue máis tarde nalgunhas áreas, polo que estes cativos son potencialmente talentosos ou superdotados. Polo tanto é importante detectalos a tempo e facer un seguimento axeitado. Logo hai outras casuísticas que non manexamos tanto como serían o prodixio ou o xenio porque xa non atinxe tanto ao que sería o contexto académico.

P: Está concienciada a sociedade co tema as altas capacidades?

R: Non. De feito, é un tema relativamente novo. Dentro a psicoloxía educativa van probablemente catro décadas traballando este tema. A nivel absoluto corenta anos é moito tempo, pero a nivel relativo, se o comparamos con outros estudos, pois realmente é pouco tempo. Aínda é moi difícil atopar que a conciencia social sexa a axeitada, entre outras cousas porque se tende a crer que a persoa con altas capacidades ten moitas garantías de facer as cousas ben tanto no contexto académico coma despois no laboral. Hai moitos estereotipos sobre o que é a alta capacidade e aínda dalgunha maneira o interpretamos coma un privilexio. Pode ser potencialmente un privilexio, pero moitas veces non pasa diso porque non acada os resultados esperados. Pensamos que son rapaces que carecen de problemas, de dificultades, que non atopan ningún obstáculo e a realidade non é así.

P: Quen se encarga de diagnosticar?

R: A min a palabra “diagnose” non me gusta demasiado porque ten unhas connotacións médicas demasiado grandes. Ben é certo que somos herdeiros dun modelo médico. Na psicoloxía clínica isto é lóxico, pero na psicoloxía educativa e evolutiva non estamos realmente detectando enfermidades, polo menos non no caso da alta capacidade.

Gústame máis falar de identificación, valoración, avaliación… Na identificación hai dous procesos, un anterior no tempo ao outro. O primeiro sería a detención e o segundo a identificación ou a valoración propiamente dita. A detención tena que facer a familia e os profesionais que están en contacto co cativo ou cativa dende os primeiros anos de vida. Falo incluso dos pediatras, que cada vez detectan máis casos –e é realmente unha boa noticia–, tamén os mestres de infantil e primaria. Estes deben estar sensibilizados co tema e coñecer cales son as características e os primeiros indicios que de algunha maneira teñen que chamar a atención. Despois o proceso máis formal de valoración xa o terían que facer os profesionais formados para elo, tanto psicólogos coma psicopedagogos, que xa teñen unhas ferramentas e instrumentos máis obxectivos e a formación necesaria para elaborar un bo informe de identificación.

P: Proxecto QVO, Talento 3.0, Ronsel do Campus, Proxecto Piteas… En que consisten eses proxectos?

R: De todos eses, o primeiro no tempo foi Ronsel do Campus, que xa ten dúas décadas.

Estes proxectos foron evolucionando. Os primeiros que diriximos dende a Unidade foron, un pouco, para tratar de encher ese espazo baldeiro que había no sistema educativo ordinario. É dicir, é un pouco “parchear” dalgún xeito as lagoas que hai no sistema. Fixémolo dende un principio grazas a programas de enriquecemento extracurricular, que teñen como obxectivo que un día á semana ou cada certo tempo os rapaces e rapazas de altas capacidades se xunten e leven a cabo distintas actividades en formato de obradoiros. As actividades teñen un obxectivo específico máis intelectual, creativo… pero o máis importante é o carácter transversal. Todo o que ten que ver co desenvolvemento social, afectivo e emocional nas altas capacidades que como psicólogos son as partes que máis nos preocupan. Tamén traballar dende os intereses e preferencias dos rapaces, que no sistema educativo, a maior parte das veces, non se fai. De aí xurdiu Ronsel. Logo o QVO que é moi similar, mais cunha dinámica distinta porque son menos rapaces e é un proxecto máis multidisciplinar, no que os rapaces van rotando por distintas disciplinas, mentres que en Ronsel pasan un tempo longo traballando na mesma disciplina e co mesmo profesor. En QVO mestúranse disciplinas e docentes.

Noutra liña están os programas de formación ao profesorado. Arrancan co programa Talento 3.0, que é en colaboración da Fundación Barrie e coa Unidade de Altas Capacidades.

Foron tres anos de Talento 3.0 e este cuarto ano. Logo dunha análise e unha avaliación construtiva do que ocorreu nos anos anteriores coidamos que era preciso dar un salto cualitativo e, ademais de formación ao profesorado galego, estamos a facer un programa de avaliación para coñecer, no progreso, o nivel de satisfacción no profesorado, no nivel de competencias de todo tipo –non só curriculares. Falamos do desenvolvemento intelectual, da creatividade e da motivación–. Ver un pouco, en catro anos, nun proxecto lonxitudinal a evolución de alumnos e alumnas que traballan no sistema ordinario co mesmo formato dos programas que falaba antes. É introducir o enriquecemento nas aulas ordinarias porque ao final os rapaces poden ir unha vez á semana ou dúas veces ao mes a un proxecto fantástico, extracurricular, de obradoiros moi estimulantes, pero onde pasan a maior parte do tempo é nas aulas. A idea é formar a docentes para que introduzan o enriquecemento como unha dinámica na aula ordinaria.

P: Estarías a favor de separar aos nenos?

R: A favor e en contra. Nese sentido son bastante ecléctica, que non escéptica. Refírome a que, penso, que todo debería estar máis normalizado do que realmente está. É certo que noutros países como Estados Unidos ou Francia existen centros especiais para nenos con altas capacidades. Non estou a favor nese sentido porque penso que a sociedade é diversa e que a aprendizaxe non consiste única e exclusivamente en aprender conceptos a nivel de coñecementos, tamén hai unha aprendizaxe social, de respecto aos demais, de habilidades que temos que poñer en práctica para ser máis tolerantes, para desenvolver valores…

É dicir, creo que o sistema educativo ten que ir máis aló do que é unicamente curricular. Non me gustan os centros especiais, pero creo que non pasaría nada por ter algún tipo de programación especial dentro do centro ordinario. Non só para nenos e nenas de altas capacidades, senón para todos aqueles que teñan un centro de interese común, e que nese centro de interese poidan acadar máximos porque temos un sistema educativo que vai moito a mínimos, pero realmente non hai estándares máximos de alto nivel para aqueles rapaces que nalgunha área son quen de rachar coas expectativas. Creo que, así como existen programas deportivos especiais ou doutra natureza, podería haber programas intelectuais.

O que pasa é que temos unha sociedade na que é moitísimo máis popular, máis politicamente correcto, xogar ben ao fútbol que escribir poesía, por exemplo. Nese sentido estamos moi desequilibrados na balanza; hai cousas que están moi ben vistas, e que os pais non teñen ningún reparo en dicir que un rapaz está nun centro de alto rendemento deportivo, pero hai outras cousas que teñen peor prensa. Nese sentido, creo que se poderían normalizar especiais, e en todo caso, independentemente disto, o que si penso é que debemos apostar por unha escola que atenda á diversidade e que suficiente marxe para aquel alumnado que destaca por enriba.

P: Howard Gardner no seu libro Intelixencias Múltiples aseguraba: “A mocidade que é marxinal dentro da súa cultura, os que son ambiciosos e tenaces, os que poden ignorar as críticas e “continuar nas súas trece” arríscanse a unha vida creativa; mentres que os que se senten cómodos formando parte do grupo, e avanzan na súa especialidade con pouca sensación de presión ou de asincronía, probablemente diríxense –ou se lles envía- a unha vida de expertos” Que opinas desta frase?

R: Estou bastante a favor do que di Howard Gardner na maior parte das veces, aínda que dicilo así semelle algo prepotente: “estou a favor do que di Howard Gardner”, parece que sería case pecado non estalo.

Opino que se lle coñece moito pola teoría das Intelixencias Múltiples, pero detrás do que el di. Detrás de moitas das súas obras, algunha das cales non é tan coñecida como a de I.M., hai unha filosofía educativa. É unha persoa que di as cousas con moita solidez e cunha perspectiva moito máis social do que parece. Se foi Premio Príncipe de Asturias ás Ciencias Sociais non creo que sexa tanto polas Intelixencias Múltiples como pola proxección social que teñen as cousas que di.

Estou totalmente de acordo en que temos unha sociedade que separa. Na que hai moitas persoas que non entran nos canons que se esperan, sobre todo en determinadas idades. Estou a falar da nenez, da adolescencia e da xuventude. Temos un termo que define isto dun xeito como moi ligth, que é friki. A palabra friki, que é unha palabra postmoderna, pasou de definir a determinados grupos de xente a case empregarse en todos aqueles que non encaixan nun sistema ou nun canon determinado. Si creo que a creatividade está, nese sentido, deostada na nosa sociedade e que incluso a xente preparada e brillante a nivel de competencias non ten porque ser creativa. De feito, considero que estamos a atoparnos, e isto pasa en EEUU dende hai xa tempo, con grandes expertos nun tema pero que logo non teñen: nin competencias emocionais, nin saben traballar en grupo, nin son diverxentes no seu pensamento. Aí creo que hai un gran erro porque tendemos moito a ese perfil de experto nun eido determinado. Hoxe escoitaba pola mañá o baixo nivel que hai en EEUU en primaria ou en secundaria comparado con países europeos. Despois, en cambio, na universidade cando queres traballar única e exclusivamente nun tema, pois evidentemente son as universidades estadounidenses as que son punteiras. Aí está un pouco o punto de inflexión e temos un sistema educativo que non axuda a que a xente máis creativa, a xente que non encaixa en determinado perfil véxase reforzada. É todo o contrario. Os nenos e adolescentes que son moi creativos ou que teñen un pensamento crítico maior é como que están un pouco apartados.

P: Ademais da investigación e de dirixir varios proxectos es profesora na Universidade. Que prefires? Cal é máis vocacional?

R: Eu son docente por vocación, non teño que pensalo moito. Moitas veces, o motor que me move a seguir no sistema universitario é a docencia. É certo que esta vocación tamén a levo ao que son os meus proxectos de traballo con profesores.

Como son docente por vocación, considero que a formación de docentes nesta sociedade é unha das claves fundamentais para mellorar o sistema educativo, pero a miña zona de confort é entre os alumnos, na aula, explicando o que humildemente lles poida aportar.

P: De moza tamén?

R: Si, dende pequena meus pais din que encantábame explicar ás bonecas na casa e contarlles cousas. Collía os meus libros do cole e facía de mestra… Logo no Bacharelato engancheime coa psicoloxía. Gustábame tamén moito a filosofía e penso que compaxino un pouco as dúas cousas.

P: Está sobrevalorada a empatía?

R: Unha gran pregunta… Creo que si. Están sobrevaloradas moitas cousas e estamos asistindo a unha especie de moda irresistible da educación emocional e está mal que eu o diga porque imparto clase de Educación Emocional na Facultade de Educación e Intelixencia Emocional na Facultade de Psicoloxía, pero non podemos perdelo norte respecto a isto.

Hai unha especie de decreto lei de ser perfecto a nivel emocional. De ser feliz, de ser empático, estar alegre todo o día, de ser unha persoa top. Creo que estamos vendendo unha empatía moi superficial. Vendemos que vai dar a receita da felicidade e considero que a empatía está mal entendida nese sentido. Temos que ser empáticos, pero na medida das nosas posibilidades. Hai persoas que son empáticas por natureza. Considérome dese grupo malia que teño moitas carencias, pero creo que son empática porque nacín, ou me desenvolvín, empática. Despois hai xente que aprende a ser empática.

P: Niso estamos algúns.

R: Claro. É a famosa controversia entre os modelos de trazo e os de habilidade da intelixencia emocional. É dicir: apréndese ou ven no pack?

Para determinadas profesións fai falla traballar a empatía. Na docencia é fundamental, que senón é innata hai que aprendela porque facilita moito o traballo cos rapaces e adolescentes. Agora, insisto en que procuramos un perfil de persoa que é artificial e dáme moitísimo medo o tema da educación emocional mal entendida.

P: Con nove décadas enriba José Luis Sampedro aseguraba ser un aprendiz de si mesmo. Dicía que dentro dun está todo e que a liberdade é como unha cometa, voa porque está atada. É posible controlar as emocións sen coñecerse?

R: Non. Aparte de que Sampedro encantábame e como afortunadamente temos o seu legado podemos seguir lendo cousas del, creo hai que coñecerse. Que todo esta aí, pero é importante facer introspección, que é o que dicimos os psicólogos. Vivimos nunha sociedade que fai pouca introspección. A xente ten moito de medo de atoparse consigo mesmo e isto vai na liña da pregunta anterior, é dicir: aprendemos comportamentos absolutamente artificiais e, en cambio, non nos paramos en coñecer máis como nos sentimos, como regulamos as nosas emocións. Penso que o autocoñecemento é fundamental e non pode haber intelixencia emocional sen autocoñecemento. Estou totalmente convencida.

P: É posible ser libre sen autocoñecerse?

R: Todo depende do concepto de liberdade que teñamos. É unha pregunta moi complicada, introdúcese en profundidades submarinas.

Vou falar da miña experiencia persoal, para non dogmatizar. Segundo me coñezo máis son máis libre e máis escrava. O feito de coñecerte moito provoca que te sintas máis constrinxida, máis controlada por ti mesma, pero por outra banda coñecerte dáche unha madurez e penso que a madurez e a liberdade correlacionan. Proporciona a posibilidade de ver as cousas dende unha óptica afastada, e esa é unha das vantaxes de cumprir anos. Iso gústame traballalo cos alumnos, que son moi novos normalmente, e que carecen desa experiencia vital. Nese sentido, a madurez faiche ser máis libre.

P: Tonucci, nunha entrevista, afirmaba que non existe unha lei tan mala que poida facer malo a un bo mestre. Estás de acordo?

R: Si, estades falando dunha xente coa que teño que estar de acordo si ou si (risas). Sempre o digo cando acudo a unha escola, a algún instituto a dar formación. Creo máis nos mestres que nas leis e creo que todos, independentemente da lei, do goberno e incluso do réxime sempre lembramos bos mestres e malos mestres. Está por riba das leis. Se este exercicio o fas con xente de cincuenta, sesenta anos, que viviu no franquismo, sempre hai bos mestres na memoria independentemente do sistema.

P: Antes falabamos de modelos de persoas. Existe o modelo de docente?

R: Cada vez son menos de clasificar e facer modelos. Non todos os bos mestres son iguais. Cada un ten as súas virtudes e defectos. Para min o importante é que os rapaces desfruten aprendendo e que lles guste aprender. Aprender é moi fermoso. Está moi deformada o tema da aprendizaxe. Os rapaces deberían ir contentos á escola e non deberían querer saír de alí porque a escola ten que ser outra historia.

P: Van tristes…

R: Van tristes, van enfadados, preguiceiros. Non sempre van de boa gana e están desexando que cheguen as vacacións e é normal, porque a min encántame o meu traballo aínda ás veces tamén necesito descanso, pero deberían ir encantados ao cole. Ese sería a sinal que nos di que as cousas funcionan ben, e cando hai un bo mestre os rapaces van contentos á escola.

P: Falta de motivación?

R: Absolutamente.

P: Parece ser que estamos camiñando cara unha nova lei educativa consensuada por tres dos grandes partidos. Que lle pediría a esa lei?

R: Claro, aí voume ao meu terreo: creatividade, resposta ás diferenzas intelectuais dos alumnos e que non baseemos todo no rendemento académico, nas cualificacións, nos estándares… Penso que hai moitas máis cousas que temos que avaliar e ter en conta.

Un dos grandes baleiros é o da creatividade nas aulas. É a gran esquecida do sistema educativo. Despois, cando unha persoa se enfronta ao mundo laboral pídese xente nova, innovadora, orixinal e creativa, pero non nos ensinaron a ser así, ou non é que non nos ensinaran. É que o sistema educativo chega a un momento no que coarta ese pensamento máis creativo, máis diverxente. Non debería ser así.

P: Que opinas da polémica dos deberes?

R: Non sei como dicilo… Non creo que haxa unha polémica. De feito, cando escribo sobre este tema digo que é unha polémica mal entendida. Se a queremos facer polémica é porque, probablemente, existan uns intereses dun lado e doutro. Eu non a fago polémica, non lle outorgo esa categoría.

Penso que sempre debe imperar o sentido común. Non considero que un rapaz se traumatice por ter que facer un par de tarefas na casa, que dalgunha maneira incidan nunha aprendizaxe previa que tivo na aula, pero creo que non debemos converter os deberes nunha especie de tortura diaria na que os nenos e as familias teñan, un pouco, ata guerra declarada no fogar dicindo: pasamos aquí tres horas facendo deberes e enfadándonos polo tema.

Considero que non debería existir polémica. En todo caso, son polémicos aqueles mestres que non entenden ben este tema e que converten as tarefas nunha segunda escola. A casa non é unha segunda escola, aínda que non pasa nada porque os nenos teñan que repasar algo ou facer un exercicio.

Está claro que chegado un momento determinado, que pode ser xa etapa secundaria, hai unha maior exixencia individual polo traballo autónomo do rapaz na casa. Nese sentido, é importante o hábito de traballo. Como se adquire o hábito de traballo? Pois, ás veces simplemente con ler un conto, contestar unhas preguntas sobre unha lectura ou facer un par de exercicios. Aí está o sentido común. Por iso, para min non é unha polémica. Probablemente creouse pola presión mediática que gaña ao final a partida neste país.

P: Os paxariños de Cicloxénese Expresiva advertíronos de que estás traballando nun libro. De que tratará? É un ensaio? Unha novela?

R: Sempre digo: ter un fillo, plantar unha árbore e escribir un libro. Non sei que é máis difícil dos tres. Para min, non ter unha filla, porque tela é fácil, pero máis difícil é educala e criala. En todo caso é unha sinatura que teño pendente e son unha persoa que, non sei se porque son psicóloga, sempre teño mecanismos de defensa á man para escusarme de non ter escrito un libro.

Escribo moito en prensa, artigos. Sobre todo temas máis divulgativos porque é o meu estilo de expresión. Escribín moitos folios ao longo da miña vida, pero nunca me sentei a poñer en papel tódalas reflexións que levo nestes vinte anos no tema da educación, aínda que é certo que publiquei algún libro dun xeito máis académico. Supoño que o importante é sentarse e escribir a primeira páxina, iso xa está, a partir de aí e unha especie de reto que me propoño para o ano que ven.

A raíz de poñerlle o título a unha conferencia e falar acerca da incerteza, mesturando un pouco a física cunha canción de Ismael Serrano, que é un dos meus cantaautores favoritos, creouse, un pouco, a chispa de “vou a escribir un libro”. Aí estou.

P: Con tanto traballo… Quédache tempo para algo máis?

R: Menos do que me gustaría, pero sempre hai tempo. Penso que as persoas que traballamos moito valoramos mellor o tempo libre, sen dúbida. A xente que ten máis tempo libre, como o valora menos, fai menos cousas, pero gustaríame ir máis ao cine e a algún concerto de música clásica. Son as dúas cousas que boto máis en falta.

Cuestionario rápido

P: Unha película?

R: De cine clásico: Matar a un ruiseñor. De cine máis actual calquera das boas de Woody Allen, aínda que tamén me gusta moito Kent Loach. Era moi cinéfila nunha etapa da miña vida, sería moi difícil resumilo nunha.

P: Un/unha referente?

R: Meu pai. Non vou buscar unha personaxe histórica porque o meu referente intelectual é meu pai. Teño a sorte de dicir isto.

P: Unha canción?

R: E que escoller unha canción é moi complicado! Diría que calquera de Leonard Cohen.

P: Un libro?

R: O mellor libro é sempre o último que estou lendo. Estou co último libro de Ramón Gener que vai sobre o amor e estou moi emocionada coa lectura.

P: Un lugar?

R: En xenérico: calquera lugar de Galicia. Creo que por alá, polos acantilados de San Andrés de Teixido. Calquera lugar perdido de Galicia. Hai moitos lugares bonitos polo mundo, pero ao final a min tírame sempre a terra. Viaxei moito, pero o meu referente é Galicia.

P: Se preguntamos filósofo, dicimos Nietzsche?

R: Buf. Foi o meu filósofo de referencia. Quero dicir, eu engancheime coa filosofía con Nietzsche, pero hai moitos filósofos que tamén me gustan: Habermas, por exemplo. O tema de Nietzsche é que foi o meu punto de partida.

P: Un soño?

R: Vivir moitos anos para ver á miña filla medrar.

P: Unha palabra?

R: A palabra amor. Son unha persoa súper romántica e creo que a palabra amor resume moitas cousas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s