Entrevista a Xosé Manuel Beiras. Primeira parte.

Sentamos nas cadeiras e asentamos, na mesa, a tecnoloxía para gravar. É a primeira entrevista que concede dende as eleccións. Parolamos sobre iso e outras cousas antes de empezar.

Van xa 80 anos dende unha República que o veu nacer e que desembocou na ditadura de Franco, na transición e no período que agora vivimos. Xosé Manuel Beiras Torrado hospeda un ronsel de experiencias nas súas costas. Ten memoria por ter vivido e analiza a actualidade con perspectiva. Moitas persoas falan del como o presidente que soñaban ter, algúns aínda agora.

Por mor da lonxitude da entrevista decidimos dividila en dúas partes. Aquí deixamos a primera parte.

Pregunta: Miguel Anxo Fernán Vello escribe:

“Vinte entrar nos espellos do tempo

Con esa arte das raíces que escriben

para que brille a terra.

E traías aceso o idioma dos nosos mortos

como brasa do tempo

contra a sombra.”

Como influíu a súa familia, e as súas amizades na súa conciencia de defensa da cultura e na súa definición como nacionalista?

Resposta: Durante toda a infancia e adolescencia foi decisiva porque a miña infancia decorre na etapa máis dura do fascismo franquista, o que se chama o nacional-catolicismo. Eu nacín no 36, polo tanto cando empezo a ter as primeiras letras, aos cinco anos, era no ano 41, nun ambiente horroroso.

A miña familia, por parte de meu pai, era do partido galeguista e miña nai estaba identificada con el. Polo tanto, dalgún xeito, na infancia estiven moi protexido. Vivía nunha especie de cápsula, aínda sendo dunha familia da cidade, da clase media, non alta –meu pai era un empregado de comercio–.  Aprendín a ler ao mesmo tempo en galego e en castelán. Meu pai tiña unha moi boa biblioteca de todo o que se publicara en galego ata a sublevación franquista. Liamos poesía de Rosalía, de Pondal, de Curros, de Cabanillas e incluso teatro do tempo das Irmandades da Fala.

As veces, os nenos faciamos cousas na casa cos meus pais. Por exemplo, os domingos se estaba mal tempo quedabamos na casa e faciamos esas cousas, ou cantabamos mentres miña nai tocaba o piano. Se estaba bo tempo iamos de excursión. Todo iso influíu enormemente. Foi unha protección. Ademais eu non fun á escola pública nin fun á escola de curas. Meus pais e uns amigos contrataron a un mestre republicano represariado polo franquismo, que se quedara sen escola, e montaron unha especie de preceptoría pequena que foi medrando. Despois examinabámonos por libre no instituto.

Este home, don Xesús Pereira, era un home encantador. Unha boísima persoa e tiña a formación dos mestres da República, a pedagoxía da Institución Libre de Ensinanza. Polo tanto medrei, por unha banda, sen ningún tipo de adoutrinamento e a existencia de Galiza, a existencia dunha  literatura galega, dun idioma propio era algo que ía impregnándonos,  porque se vivía, porque se practicaba na casa.

O idioma incluso. Nós eramos bilingües, pero curiosamente cando empezamos a ir por fora o idioma no que nos escribiamos as cartas era sempre en galego. E por outra banda, cun mestre republicano e polo tanto demócrata. Cunha maneira de ensinar totalmente distinta. Iso foi o que ocorreu ata a adolescencia e claro que si. Claro que foi decisivo.

P: E de que forma foi importante a música?

R: A música foi importante porque meu pai adoraba a música. Gustáballe moito. O meu avó paterno, o meu avó Hixinio, era músico. Tocaba o violín e o violonchelo. Acórdome de velo de pequeno, aínda que morreu cando eu era moi mozo, cando tiña cinco anos, pero gardo moitas imaxes del. Incluso de ir á catedral cando existía o coro.

Na casa era músico, aínda que logo tivo que vivir de representacións comerciais porque de músico non se gañaba a vida. A miña nai, que era de Vigo, estudara a carreira enteira de piano e tocaba. Aos poucos anos de estar meus pais casados, en Santiago, cando eu debía ter catro anos, mercaron un piano de segunda man da radio de Vigo. Non sei  por que o vendían. Supoño que na República interesaba a música e co franquismo o piano para que se quería? Para cantar “Cara el sol” non valía.

A música estaba na casa. Como dixen, xuntabámonos os domingos na casa e aprendiamos cancións galegas e non só, porque meu pai viaxaba –era apoderado do  almacén de paquetería de Estevez, do pai do que foi alcalde nos 90– e ía un par de veces ao ano a Barcelona a facer compras directamente cos fabricantes e sempre traía partituras. Traía partituras cataláns, vascas, de cancións populares de toda a península, portuguesas e sobre todo galegas. Aprendiamos a cantar esas cousas e logo eu dende os cinco anos empecei a estudar música.

Todos os irmáns maiores comezamos a estudar música, logo algún seguiu e outros non, pero os catro maiores fomos estudando ou violín ou piano. Eu fixen piano, aos doce anos examineime de sexto de piano, pero despois no bacharelato era máis complicado. Era aquel famoso bacharelato enciclopédico, coa reválida de sétimo onde te examinaban de latín, de matemáticas, de redacción, cun tribunal de letras, un tribunal de ciencias, etc. Era tremendo. Boísimo, pero tremendo. Moi difícil. Aí xa tardei tres anos en examinarme de sétimo de piano e de oitavo nunca cheguei a examinarme.

Tamén iamos aos concertos que había en Santiago. Dende pequeniños iamos ao teatro principal, a unha pratea, á número sete. Había un amigo de meu pai que sempre dicía “esa pratea é a arca de Noé” porque sempre estaban meus pais cos nenos todos, cos animaliños. Polo tanto si, a música sempre formou parte de tódolos irmáns.

O primeiro de xaneiro –meu pai era Manuel- facíase unha festa moi ampla con todos os irmáns del e os sobriños, e sempre se facía música e cousas desas. E seguímolo facendo, aínda despois de morrer meu pai, vivía miña nai. E aínda despois de morrer miña nai seguímolo facendo por quendas na casa dalgúns dos irmáns que tiñamos máis espazo para podelo facer até hai pouco. Nese sentido fomos uns privilexiados.

P: Sentiu algunha vez a presión do legado dos Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo?

R:  Non, a presión non. O compromiso con todo o que iso representaba, co que eles defendían, si, dende novo. Imos ver, eu ingreso na Universidade aos dezaseis anos e fago dereito por exclusión. A min o que me gustaba era máis arquitectura, pero non podía ir estudar fóra de Galiza. Non había medios económicos. Tampouco tiña eu unha maneira de ser para dicir “voume” e ir á aventura.

Xa nos últimos cursos do bacharelato, nós tiñamos un grupiño de rapaces que iamos moi na liña do galeguismo cultural dos anos 50. Tamén a relación con Ramón Piñeiro, que o coñecín cando eu tiña 13 anos, cando saíu da cadea porque veu pola nosa casa. Polo o meu tío Antón, Beiras o oculista, que tamén era nacionalista e de esquerdas.

Eu non pasei pola mesa camilla propiamente, pero na universidade xa había grupo. Todo iso era un activismo, pero un activismo da política cultural. Que faciamos? Organizabamos ciclos de conferencias, eu montei un coro de cámara pequena, cunha ducia de voces nada máis, de rapazas e rapaces universitarios que interpretabamos cancións galegas. Pero a conciencia de  compromiso con todo o que significaban os ancestros, por suposto que a había, pero tampouco foi o meu caso que eu dixese “eu teño que facer isto así”, non.

Eu fun ao estranxeiro, niso tiven sorte. Déronme unha axuda privada da xente do círculo de Galaxia para ir a París, e despois para ir a Madrid. Por aquel entón eu quería facer economía, quería facer o doutoramento, quería facer a carreira docente. Fun bastante aventurado en todo iso.

En cambio, cando se produce a ruptura dun sector da xente moza da miña xeración e próximas coa liña exclusiva de galeguismo cultural, de Piñeiro –para entendernos– ou da editorial Galaxia, é cando se convoca o Consello da Mocidade. Alí había dúas tendencias: os que non van para adiante e os que din “hai que actuar en política na clandestinidade”. Iso dá lugar a que se funde o PSG no 63 e a UPG no 64. A partir de aí si, a partir de aí xa é un compromiso político, pero non é que houbese un peso enriba, do que falabas ti, de Bóveda e Castelao. O que había era unha posición de que era necesario contribuír a acabar co réxime fascista do franquismo. Había que lograr un réxime democrático e republicano, e Galicia tiña que ser un nación que exercese como tal, non necesariamente independentista, pero si nunha liña soberanista. Todo o que realmente viña do Partido Galeguista, das Irmandades, de Castelao, etc, e das formulacións daquela época.

A min o que máis me interesaba. No que eu máis me centraba era en que para iso había que analizar a economía social. todas as eivas e todos os andacios permanentes e ver como se podía atallar. De aí que eu me dedicase a iso.

Cando estou tres anos en Madrid –do 60 ao 63– recadando un material de maneira tremenda, porque non había fotocopiadoras, nin máquinas de calcular, nin nada diso. Por exemplo, os censos de poboación –para ir ás fontes orixinais, á biblioteca do Instituto de estatística– tiña que tomalos a man.

Entón imaxinade a un rapaz que chega a Madrid despois de ter estado en Francia, incluso en Inglaterra nunha pequena saída no verán, e se presenta a catedráticos do máis liberal que había entón, que non coñecía persoalmente de nada. Chega este rapaz galego de 23 anos e lle di “eu quero facer unha tese sobre os factores de desenvolvemento económico de Galicia”. “¿De que hablas?” Era a contestación, e aínda así foi o que empecei a facer, porque a min iso era o que me interesaba. Había precedentes, claro: as aportacións de Bóveda ao consello de Facenda dende Brañas, as aportacións de Gallástegui –o director da Misión Biolóxica sobre a cultura–, os libros publicados en América.

Eu coñecía a Gallástegui dende neno porque tiña un piso na rúa da Toia, en Santiago, moi pretiño do da miña avoa. Eu ía alí co meu pai e falaban e logo eu aos 13 anos ía alí e preguntáballe a cuestión do cooperativismo. Foi o primeiro que me falou sobre como se podía remodelar toda a política gandeira en Galicia, a cuestión da provisión do gando mantido sobre a produción vexetal das propias terras, ou a rexeneración do castiñeiro. Todo o contrario do que se fixo despois na política franquista.

Eran cousas das que eu oía falar dende a adolescencia. Escoitáballas a Gallástegui ou ao vello Rof Codina, que foi o gran propulsor da reforma gandeira en Lugo nos tempos da República, pai de Rof Carballo, o médico e ensaísta autor do libro Mito e realidade da Terra nai, editado por Galaxia. Tamén a Xaime Illa, a Valentín Paz Andrade, que fora profesor da FAO en América Latina. Na casa chegaban publicacións dos exiliados. Dos primeiros exemplares que chegaron do Sempre en Galiza, un deles chegou á miña casa.

Entón eu chego a Madrid, xa con ese proxecto, pero claro… Hai que poñerse a investigar en barbeito, a rozar. E paso tres anos facendo iso.

P: Volveuse independentista cando coñeceu a Castelao?

R: Eu non coñecín a Castelao.

P: Refírome á súa obra, cando chegou o Sempre en Galiza.

R: Non. Cando chega a noticia da morte de Castelao, a indignación polo que aquí se dicía deu lugar a que eu escribira polas noites unha especie de notas, de cadernos, como fai moita xente moza na adolescencia. Recordo ter escrito algo así como “aquí non hai outra solución que a independencia”. O que pasa é que logo, na práctica política, eu nunha practiquei o independentismo por unha razón. Eu percibía que iso era un salto no baleiro, que non había condicións para dalo, o que había era que dar os pasos que foran creando as condicións para que se puidese chegar a el.

Pero non foi a lectura de Castelao propiamente. Antes de ler a Castelao, antes de publicarse Sempre en Galiza, eu xa lera a obra de Risco, ou a de Villar Ponte –non de Antón, senón de Ramón, das Irmandades da Fala–. É dicir, eu xa lera cousas de teoría política. Xa coñecía, por exemplo, o Manifesto da Asamblea Nacionalista de Lugo de 1918, a primeira proposta de artellamento institucional e político de Galicia. Souben despois, na Fundación Galiza Sempre, como estabamos moi en relación polo Galeuska cos catalás e cos vascos, a finais dos anos 90, que o orixinal dese manifesto saía a subasta en Barcelona. Quedamos en que o mercaban eles e logo vir con el, e tróuxose. Está no Museo do Pobo Galego.

Pois todo iso xa o coñecía: a obra de Brañas, non só o rexionalismo, senón a proposta política no discurso de apertura de curso do ano 1892, onde Brañas pega o salto. Nada de rexionalismo, todo o que di o PP é unha mentira porque ocultan iso. Onde hai unha proposta de que en Galicia a autonomía que el defende, por exemplo: o Dereito Civil e Mercantil ten que ser galego, os tribunais de xustiza, todos, ata o Tribunal Supremo de Galiza, sen pasar de aí –non hai Tribunal superior español para asuntos civís nin mercantís–, institutos armados propios –policía–… Dáste de conta? Que Rexionalismo é ese? Todo iso coñecémolo. Con todo iso, era consciente de que si se quería formular unha alternativa política, esta tiña que ter a capacidade e saber que había que facer neste país no plano lingüístico, cultural, da economía…

Aí era onde eu traballaba. O que pasa é que como volvéronme a me deixar a lúa de Valencia no ano 73, en Madrid, porque o catedrático que realmente me amparaba a min, que me apoiaba para facer a tese –aínda que dicía “eu diso non sei”– dábame apoio para buscar fontes, para dar entrada en bibliotecas ou en sitios así, mais outro personaxe moi curioso. Era un vello solteirón, pero que se sabía todo: Prados Arrarte. Era moi noviño cando obtivera unha Cátedra en Santiago, no 36. Estivo na Guerra e logo estivo no exilio traballando na Cepal (Comisión Autonómica para América Latina) das Nacións Unidas, en Chile. Era onde se formou a famosa escola latinoamericana de economistas da Cepal. Os que realizaron primeiro as relacións de intercambio: Osvaldo Surke, Aníbal Pinto, Raúl Prebish, Celso Furtado, etc.

Resulta que –no ano 62, 63– aquel famoso contubernio de Munich, que fora unha reunión de toda a oposición ao franquismo, apoiada por poderes estatais europeos para acabar con franquismo, pero logo deron marcha atrás os americanos e non o deixaron caer. Pois á volta quedei sen tutor. Por riba, montamos unha mobilización dos estudantes para protestar, porque ademais querían aproveitar para darlle a Cátedra a non sei que enchufado. Non me lembro como se chamaba. Logramos evitalo, pero a cambio quedamos fichados.

É cando volvo para Galicia e acabo a tese aquí. Despois, todo o que tiña recadado para analizar a evolución da economía campesiña, as estatísticas anuais das producións agrícolas dende 1905 –que andaban por aí perdidos e que eu investigaba–, as primeiras series de todo iso viña por provincias… Pois con iso foi co, cando convocan un premio, da Casa de Galicia en Nova York, no 1965, creo, preséntome e gaño. Ese premio estaba dotado con mil dólares –daquela cotizábase a 60 pesetas o dólar, 60.000 pesetas–. Con eses cartos, mais algo de aforro, merquei o dous cabalos, un Citroen. Con el funme a Francia outra vez, xa casado e con un fillo a traballar no ISEA (Institut de Science Economique Apliquée) con Perroux, que era unha das personalidades da economía francesa; o inventor dos polos de desenvolvemento, dos polos de desenrolo.

Entón, a Casa de Galicia decide financiar a edición do traballo, que é un libro que eu publico, que se chama El problema del desarrollo de la Galicia rural. Todo iso viña dos materiais recollidos no 63. Vai seguindo o proceso acumulativo, e posteriormente da lugar a que desemboque no momento en que eu, despois das loitas do primeiro semestre do 72, xa sendo eu catedrático, que gañei a Cátedra contra pronóstico no 70, con 33 anos, case 34.

P: Estaba nese tribunal José Luis Sampedro?

R: Si, e estaba o vello Valentín de Andrés Álvarez, que viña do tempo da República. Era moi boa xente. Logo eu alí fixen oposición moi, como che diría… Eu era moi tímido, pero collín e dixen: hai que botar o resto. Fixen a oposición moi ao ataque, estilo do Beiras que logo se falaba. Incluso trinquei a un membro do tribunal. Era en Somosaguas.

O que logo foi decano e rector da Universidade Complutense en Madrid, Carlos Berzosa –discípulo de Sampedro– estaba rematando el e os compañeiros dese curso. Contábame que eles estaban alí, e un dos que se presentaba era un profesor deles da Facultade. Correuse a voz de que Beiras estana trincando a Fulanito, e viñan todos en masa. Parecía unha asamblea aquilo.

Pois cando eu, despois, me quedo de decano en funcións –porque a Suárez LLanos o levan á Universidade de norteamérica nunha especie de viaxe– é cando remata a situación do primeiro semestre do 72, e a folga de Ferrol, os mortos da ponte das Pías e os cristos da Universidade na Facultade de Fonseca que pechabamos por dentro. Nós controlabamos a policía e aos grises. No meu despacho había un piquete contra a policía e había relevos. O despacho que nos daban estaba no aparcadoiro de San Clemente. O que faciamos era pechar as portas da Facultade cando avisaban de que había movementos. Conseguimos que dimitira o rector. Era un animal absoluto. Gañamos a batalla.

Detiñan estudantes e claro. Ao principio, plantábame na consellería e dicíalles que os avalaba e quedaban tan desconcertados que os soltaban. Despois consultaban con Madrid e dicían que non, que había que pagar fianza. Entón poñía cartos meus, e recadábamos máis. Dende o rectorado dicían, entre outras cousas, que Beiras recadaba cartos para as multas dos estudantes e quedábase con eles.

Ao remate diso é cando digo: non, necesito respirar. E con todo o proceso mental é cando –en xuño do 72– desconecto, só fago os exames. A final de mes voume para Bueu e, entre xuño e xullo, dunha tacada, escribo O atraso económico de Galicia con todo o que había detrás. O atraso é un punto de chegada de todo un proceso que arrinca nos anos 60.

Todo iso. Que sentido tiña? A min parecíame que se se quería ter unha alternativa política, non podía dicir unicamente: queremos un Estado propio, queremos non sei que… E que vas facer? Cae o fascismo, chegas ao poder e que sabes? Vas coller a receita que tiñan os partidos de esquerda para Galicia, que non entendían nada? Aquilo que dicía Castelao, cando estaba exiliado en Badaxoz: está moi ben isto para os xornaleiros, pero en Galicia non hai xornaleiros, hai pequenos campesiños.

Eu cambio completamente, o que podemos chamar, as bases epistemolóxicas do estudo da economía no plano dos sistemas económicos da estrutura económica e a metodoloxía. Eu introduzo, por unha banda, as categorías conceptuais do pensamento económico da esquerda dende o marxismo. O marxismo non escolástico, o marxismo propiamente dito e, por outra banda, dos economistas terceiromundistas, da escola da Cepal e dos novos marxistas dos países africanos. Tamén aquilo que permite interpretar a estrutura socioeconómica da Galicia de entón. De aí ven o que está no atraso e iso métoo na miña docencia. Incluso nos cursos xerais, nos de Sistema Económico, Estrutura Económica. Iso só se facía nalgunhas aulas das facultades de económicas do Estado: en Barcelona, en Madrid –na Complutense–…

Neses anos primeiros dos 70, en primeiro curso de Económicas, podían estar matriculados máis de catrocentos estudantes. Deses, unha porcentaxe importante eran de fora –asturianos, leoneses, salmantinos– porque nin en Salamanca nin Valladolid –empezou despois–, nin Oviedo había facultades. Entón ían a Santiago e eu explicaba en galego e non había problema. Dicíalles: senón entendedes interrompede ou repítovos a clase para vós en castelán. Non fixo falta. Que pasaba? Viñan moitas rapazas e rapaces que eran: de historia, de filosofía, de filoloxía, de matemáticas, de bioloxía.

En cambio, no plano político atraían máis outros proxectos máis radicais: estaba o Frente de Liberación Popular, o PC, a UPG. Eu lembro que no curso seguinte a gañar a Cátedra viñeron á miña casa falar comigo un fato de estudantes, da primeira ou segunda promoción de económicas, creo. Propoñían formar un partido liderado por min. Díxenlles: “mirade, non. Eu non son un Tierno Galván.”

Esa xente, que dicía que Beiras inventou o “beirismo” estiveron na miña casa para propoñerme e eu díxenlles que non. Estaba Emilio Pérez Touriño, Alberto Meixide, Xaquín Álvarez, Ánxel Viña. Xente que estivo logo no PC, no PSOE.

A cuestión é esa. Eu non disociaba o que era o traballo de análise. De estudo da economía de Galicia, pero estudalo non dunha maneira descritiva. Estudaba aplicando esquemas teóricos que viñan do pensamento da esquerda heterodoxa, da economía, e de encaixalo no contexto.

Para continuar coa segunda, e última, parte prema aquí.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s