Entrevista a Xosé Manuel Beiras. Segunda parte.

Logo da primeira parte da entrevista deixamos aquí a segunda e última, ademais dun breve cuestionario rápido.

P: Perdeuse a ideoloxía coa nosa inmersión neste voraz capitalismo?

R: Se penso que se perdeu? Non, non se perdeu. O que pasa é que hai unha motora hexemonía do pensamento único. Polo tanto, da hexemonía do pensamento dos zombis.

P: Ou incluso do non pensamento. Iso de: non hai verdade. Só hai corpos e linguaxe.

R: Si, claro. Pero porque estamos nunha fase de involución, historicamente. Estamos nun período de transición sistémica. Os períodos de transición son varias correntes que se encontran. A que vai por riba é a corrente do réxime e do sistema que está esmorecendo, pero que se defende e que aínda ten moitísimo poder. Sobre todo, poder do capital diñeiro. Polo tanto, da ideoloxía que difunde o estupefaciente, que digo eu.

Logo está a corrente que está máis por abaixo, que está mudando cara o futuro. Iso é o que se ve. E o que aínda está dominando é aquilo que marca unha gravísima involución, e o desenlace é o que está por ver. Por exemplo: a historia do neoliberalismo, que non é neoliberalismo; é ultraliberalismo e actualmente non é que sexa neoliberalismo, e que é fascismo. É unha metamorfose do fascismo.

O que quero dicir é que incluso na esquerda non se está chamando ás cousas polo seu nome para identificalas ben, porque se pensa que o fascismo é algo que ocorreu nunha etapa histórica determinada –primeiro terzo do século XX até a Segunda Guerra Mundial– e que remato,  e non. Ou que o fascismo son os brotes neonazis, neofascistas moi minoritarios. Non, o fascismo é a maneira na que se está exercendo o poder no Estado español. É fascista.

Entón, a reacción que hai por debaixo é a reacción que, por unha banda, manifestan as loitas dos anos 90, con fenómenos como –por exemplo– o zapatismo, como o proceso dos movementos andinos, dos pobos orixinarios, etc. E que logo se pon de manifesto no proceso dos Foros –o primeiro decenio do século XXI–, que é moi importante. Iso expresa a corrente que cambia de sistema.

Dentro de todo iso está inxerido o proceso de activación de sectores da cidadanía que se autodefende porque comproba que non os están defendendo os representantes electos. A que ten que organizarse en plataforma de autodefensa, xa sexa: pola sanidade, pola educación, polos desafiuzamentos, polas preferentes, etc.

Ocorre porque, precisamente, o que está obsoleto, o que está en descomposición, son as ferramentas creadas nos procesos democráticos historicamente: para iso son os partidos. Ou, a nivel social, a ferramenta de defensa de clase: os sindicatos. Os dous están descompostos.

Iso é o que dá un salto que di: non teño que defenderme só na sociedade civil, no tecido social, nos movementos e organizacións sociais. Non, teño ademais que dar un salto a ser protagonista na sociedade política, nas institucións. Teño que autorrepresentarme.

Iso é o que dá lugar aos procesos latinoamericanos. Por exemplo: Bolivia, Ecuador, Brasil, Venezuela, Honduras, Paraguai… Son novas formas de relación entre as cidadáns e institucións políticas. É o que aquí acaba eclosionando a partir do famoso 15M, e dando lugar ao que estamos vivindo.

Que ocorre? Que hai poderes moi potentes e hai espazos sociais e xeográficos, digamos no mundo, onde esta dialéctica dáse en formas, ritmos diferentes e secuencias distintas. Por exemplo, en Europa comeza moito máis tarde. Empeza antes na Europa do sur que na Europa do norte. En cambio comezou antes en Latinoamérica, pero agora resulta que alí veu unha contraofensiva brutal. En Honduras, por exemplo. Os golpes de Estado encubertos, que logo son cubertos, ou Paraguai, ou agora no mesmo Brasil, ou no Estado español o golpe de Estado que se acaba de cociñar entre o 20 de decembro e outubro.

O que falta por saber é se vai haber un período de apoxeo no que toda esa capacidade de enerxía que xurdía da cidadanía consciente, en principio en termos cuantitativos minoritarios, pero que eran os que movían todo e tiñan moita credibilidade cada unha das plataformas que se montaban.

Iso é moi importante, algo que recordo que, ceando alá polo 2003, con Ramonet e con James Petras. Foi pouco antes de que en Francia se dese o combate contra o referendum da Constitución Europea e gañara o non. E o Foro Social de París foi nese momento. Eu estiven alí, pero antes en Pontevedra dicíanme: unha forza de esquerdas que queira chegar a gobernar, transformar as cousas, ten que deixar de facer un recetario para todo. Hai que escoller catro, cinco ou seis cuestións axiais, que por unha banda sexan percibidas pola xente como cruciais e por outra sexan posibles de levar á práctica co apoio da xente. E logo, outra serie de cousas que son, fundamentalmente, o que hai que escoitar aos movementos sociais e plataformas que só traballan e combaten nun tema, pero a posición deles sobre ese tema ten unha credibilidade enorme na cidadanía. Hai que incorporalos e integralos.

Iso foi o que intentamos facer. Eu iso aprendino moi ben, o que pasa é que: quen non o aprende? Os cadros políticos que están na vella cultura política e pensan que os cerebros dos cadros políticos son os que saben as cousas, e non.

Esa eclosión da lugar a que haxa un momento no que haxa a oportunidade de que isto se catapulte e que lle deamos a volta á coalición das forzas das institucións. Iso ocorre entre o 2011, 2012 e agora.

O ensaio de AGE vai nesa dirección, a aparición de Podemos expresa iso a nivel de Estado, as eleccións europeas tamén. As mareas, despois, xa é a que máis claramente expresa esa nova forma de entender e entón xorde a oportunidade de dicir “agora podemos darlle a volta nas cortes”, e o 20 de decembro prodúcese, realmente, un cambio total da coalición de forzas. Pero que ocorre? Que ese proceso deu lugar a que a xente que estaba traballando nas mobilizacións se retardase porque os esforzos foron ó combate político e institucional e desactivouse o de abaixo. A fin de contas, houbo unha derrota.

Primeiro: cando se forzou unha obstrución, os que provocaron un colapso institucional, que foron o PSOE felipista, o PP e os José Antonianos de Ciudadanos. Todos dirixidos pola Troika e manexando a Pedro Sánchez, que non tivo coraxe. Se chega a facer en xaneiro ou febreiro o que fixo en outubro as cousas serían distintas. Non quixo asumir que lle ían cortar a cabeza.

Eses que obstruíron iso, acusan aos demais de que están obstruíndo porque non aceptan as súas condicións e provocan unha convocatoria de novas eleccións en condicións de que hai uns culpables de iso, o que desmobiliza a unha parte do electorado que apostara polo cambio, xa que este electorado sempre é máis fráxil. O electorado de esquerdas sempre é un electorado que se entusiasma moito, pero logo… Durante seis meses está o estupefaciente con avionetas: “aquí os culpables son os nacionalistas, os independentistas cataláns… Nosotros somos los buenos. Los que queremos que haya gobierno”. Estás loitando contra cócteles molotov e divisións Panzer.

Non se tivo o suficiente talento de ver as cousas con visión de máis alcance. Houbo falla de nivel nos cadros políticos máis importantes. A tódolos niveis.

Nalgún momento dicíalles a algúns: isto que está pasando aquí, estas discusións estúpidas, son como aquela fábula do XVIII dos galgos e os podencos. Están discutindo “son galgos”, “non, son podencos”… Son cans, hostia! Que máis da que son galgos ou podencos. Son cans e vante devorar.

Isto que significa? Que acabou ese ciclo, e agora que se fai? A oportunidade histórica pasou. Eu en primavera, tal como ían cousas, xa tiña claro que a oportunidade histórica non se ía dar.

P: Entón agora que se fai?

R: Volver a empezar. Hai unha realidade, a composición hoxe das cortes non é a mesma que hai dous anos e estase vendo. Agora a cuestión está en utilizar adecuadamente iso para facerlle a vida imposible, para desacreditalo constantemente e para retroalimentar a capacidade de combate na sociedade. Pero é duro. É difícil. Sobre todo porque se colleu o hábito e hai moitos habitantes das institucións ou inquilinos das institucións –incluso na oposición– que en realidade teñen unha contextura moi análoga aos inquilinos habituais de antes. Por que? Pois porque o proceso de translación de todo o que eran os colectivos organizados máis ou menos espontaneamente logo fóronse organizando na sociedade civil. Nos combates que deron lugar a Podemos, ás mareas en candidaturas municipais, para a alternativa no parlamento.

No canto de dar lugar ao repertorio de cadros elixidos para facer iso, de ser absolutamente todos dese tipo de loitas e esa mentalidade da nova concepción, hai moitos que ou están polo “garbanzo” ou por algo parecido, e ese é o problema. O problema é a condición humana, o factor humano. Que vimbios hai? Esa é a cuestión. Pero sempre foi así na historia. O que é importante é que cambiou o proceso nas cortes. Depende de como se utilice iso para enlazalo cun proceso de reanudación dos combates intelixentemente na sociedade civil.

As cortes actuais para pouco máis valen que as cortes franquistas, por exemplo o que estamos vendo nos medios. Investiron ao goberno –o PSOE investiuno–. Agora fan proposicións non de lei e chega o goberno e pásaas polo Arco do Triunfo, que non son de obrigado cumprimento. Iso xa o sabiamos todos, pero unha cousa é que non sexa de obrigado cumprimento e que, polo tanto o deixen pasar e non o apliquen e outra que se lo pasen por los cojones. Iso é a hostia! Pois iso é o que facía o franquismo. Iso é unha posición absolutamente fascista do poder político, e ademais ten a mesma idiosincrasia que o fascismo. Hai un libro fundamental para entender o fascismo, é dun francés dos anos 30 que se chama Daniel Guérin e se titula O fascismo e o gran capital.

Todo o que eran os financiadores de fondo, que era o capital monopolista a nivel de Estado da gran industria, porque entón a capital industrial era hexemónica. Dentro das formas do capital –comercial, industrial e bancario–, segundo as etapas do capitalismo, hai un que está en posición dominante. No século XVI era o capital bancario. No século XVII era o capital comercial, as grandes Compañías de Indias, e a partir da revolución industrial o capital industrial.

Bayer, Faber, etc, eran os que financiaban aos nazis. Agora son os magnates das finanzas, pero é a mesma historia. O Eurogrupo, que son os que controlan o do euro, nin sequera teñen existencia formal. Non teñen regulamento, como denunciou Varufaquis. Poden tomar as decisións como lles parece o que permite que leven a cabo o de dicía Schäuble xa en Grecia: “votaron mal. Non vamos a cambiar a política porque haxa un país no que votaron mal”. Como votaron mal aplicaron a doutrina dos ianquis en Latinoamérica. En Honduras tamén votaron mal, escolleron a Zelaya. Se votasen ben todo está en orde, se votan mal: fora. Nos los cargamos e levamos a cabo un golpe de estado. Ao besta, ou ao suave ao principio e logo ao besta. E isto é o que está ocorrendo aquí.

En Grecia os gregos votaron mal. A esquerda emerxente gañou as eleccións, formou un goberno, e entón o que tiña que facer esta plutocracia de merda e os seus sicarios foi cargarse o goberno. Acosar o goberno até facelo claudicar. Curiosamente, quen non claudicou foi o pobo, porque cando se convoca o referenfum sobre o memorándum que foi iniciativa de Varufaquis. Os gregos en Estado de sitio, cun golpe de Estado financieiro, mediático, o Banco Central Europeo pechando os bancos. Os gregos cun 60% dixeron que non lles daba a gaña de aceptar o memorándum, pero en cambio claudicou o goberno. Curiosamente, o único ministro que dixo: “aí vos quedades”, era o misnistro que non era un político profesional, senón Varufaquis, e que pasaba por ser o máis moderado de todos e o máis negociador. Aquí, esa esquerda equivalente non gaña as eleccións. Non dá o sorpasso sobre o PSOE para ser o líder da esquerda. O que fixo a Troika foi impedir que se formase un goberno para ese lado, e así comezou a chantaxe e o campo de minas.

P: Vostede aseguraba que había que ir camiño a un proceso constituínte e agora En Marea dixo que se están preparando para as eleccións do 2020…

R: Porque é un grupo parlamentario.

P: Pero antes das estatais vostede dicía que loitaba porque non houbese autonómicas.

R: Pero eu non son deputado nin estou no grupo parlamentario. Unha cousa é o grupo parlamentario e outra cousa é o que agora hai que construír ben: a organización para traballar na sociedade.

Mira, cando naceu Anova foi como consecuencia dunha situación de deterioro do nacionalismo organizado, do BNG, etc. Nace Anova como un proxecto estratéxico. Nace cunha como unha cousa moi aberta, moi heteroxénea, moi plural. Demasiado heteroxénea, pero había que darlle tempo a esa heteroxeneidade se fose facendo mestizaxe.

Os mestizos sempre son de segunda xeración. Un mulato ou unha mulata, filla dun negro e unha branca ou dun branco ou unha negra nace coma un mulato, pero os pais non son mulatos. Un é branco e outra é negra. Hai que agardar a que naza o mulato e ese é o mestizo, e aí é onde está o bo, pero mentres tanto non. Nisto pasa algo polo estilo.

Non coñezo na historia ningún caso no que –nunha organización– un proxecto estratéxico se leve a cabo nas institucións. Anova nace, pero hai que combater tamén nas institucións. E ante a convocatoria de anticipadas fai a proposta da fronte aberta, imos pasar a fronteira.

Cal é o eixe primordial? Hai dúas grandes cuestións que combater: a cuestión nacional e a cuestión de clase, a social, de desigualdade. Actualmente está predominando a cuestión social, e a nacional tamén hai que metela por aí. Así, o éxito dá lugar a AGE, o grupo parlamentario, con xente que viñemos de sitios moi distintos e que non é fácil que nos entendamos perfectamente. Ademais, resulta que ten que dedicarse todo ao traballo á institución e non á sociedade. Entón o que tiña que facer Anova era traballar na sociedade. Traballando coa xente que está mobilizada en grupos dende Valdeorras ata Muxía e en vez de facer iso dedicámonos á política do Parlamento, despois as europeas, despois as municipais. Anova, en vez de facer o traballo social, foi a matriz do que foi enxendrando despois, pero o cambio estratéxico na sociedade non se fixo. Hoxe en En Marea o que non existe apenas é o contacto coa xente. Unha cousa é a política parlamentaria e outra cousa o que ten que facer En Marea –e Anova dentro diso–, de ser realmente unha ferramenta que teña na sociedade e é a que marca a liña do proxecto estratéxico.

Mira, cando eu era Portavoz do Bloque, nos anos 90, na súa fase de ascenso, eu era por unha banda, portavoz do BNG, non era secretario xeral –non tiña eses poderes–, e ao mesmo tempo cando había eleccións era candidato á presidencia da Xunta.

Entón había un problema. Por unha banda, eu tiña que ser o portavoz do proxecto estratéxico. E o seu proxecto estratéxico cal era? A autodeterminación. O BNG dicía que esta constitución non nos vale, queremos institucións propias, ruptura co réxime. Ese é o discurso do portavoz do BNG en canto a organización política dun proxecto estratéxico de emancipación. Por outra banda, era candidato á presidencia e tiña que falar de maneira que fose asumible para a xente. Compañeiros meus que levaban cuestións de imaxe –xa cando o BNG superara ao PSOE, gobernando en cinco das sete cidades, cun escano no parlamento europeo– dicíanme: “ti tés que ter discurso de presidente da Xunta”. Replicáballes: “teño que ter o discurso dun proxecto estratéxico que é rupturista, e cando falten seis meses para as eleccións ao Parlamento de Galicia terei que ter discurso de presidente no marco da constitución do Estatuto”.  Aí empezou a clave do que pasou despois. Isto témolo que ter claro.

Se Anova só existira no Parlamento, tería que ser En Marea quen faga o discurso rupturista e o grupo parlamentario ten que facer o traballo do grupo e apoiando todo o que a xente desfavorecida fai. De maneira que a xente saiba que ten unha voz no Parlamento de Galicia que a defende.

P: Quedoulle a espiña cravada de non ser presidente da Xunta?

R: Que va. Eu nunca tiven interese en ser presidente desta merda. O que pasa é que se había que facelo, había que facelo. Eu sempre dicía, se eu son presidente duro seis meses. Agora, nos seis meses farei todo o que tarden seis anos en desfacer. E dicíao cando chegou o Bloque ao Parlamento.

Pasamos anos falando do engedello todo, da administración paralela, de Fraga. E se entramos hai que entrar con un machete como os exploradores na selva. Se intentas meterte acabas engedellado, e pasou con La Voz de Galicia, cos medios de comunicación… Non pode ser. A min non me interesa ser presidente de nada, nin da asociación de veciños.

P: Que futuro percibe para Galicia política e culturalmente?

R: Estamos en perigo de extinción.

P: E extinguirémonos?

R: Depende de vós.

P: Se non facemos nada, si?

R: Ou se se fai mal. Depende de que a xente exerza como cidadáns. A xente ten unha responsabilidade. Facede algo. Hai xente que está no paro e non se implica en nada. Entonces que pasa? Estás a ver se outros cho resolven? Se outro cho resolve é un mesías ou un caudillo. Virá un Hitler que cho resolva, virá un Aznar que cho resolva.

É o concepto de cidadán. Exercer como cidadán significa estar no tecido da cidadanía. Se eu son estudante teño que estar en algo que contribúa, en relación con outros, a que a propia Universidade sexa como debería ser a Universidade. Non se trata de dedicarse á política, nin de facerse militante, nin liberado de non sei que organización. Eu sempre lle dicía aos meus compañeiros: “a ver se os políticos vos dades de conta, porque eu non son político, de que pensades que a política é para a xente como é para vós”.

P: Iso é a ética por riba da política?

A ética por riba da política é decatarse de que os cidadáns son persoas que teñen un traballo, mais ou menos normal. E ten unha moza, un mozo, ten unhas amizades… Ten unha vida que ten que desfrutar, e logo está a política.

 Para moita xente, o réxime o que quere é que a política sexa información sobre o que fan os políticos e agora tocan a corneta e hai que ir votar. E procuran que pase como cos iogures. Todo o mundo sabía que o mellor era o de Feiraco, se non o de Larsa. Non ten nada que ver cos demais, pero resulta que chegas ao supermercado e o spot que botaron pola noite, que era de Danone, entón merca o Danone. E esa é a maneira de como funcionan as eleccións, co cal os indecisos son os que deciden. Como podes dicir ti que o sistema electoral funciona cando a realidade é que sempre son os indecisos os que deciden? Ou deciden os que non deciden. Por exemplo, a cifra de abstención nestas eleccións de Galicia é moi superior á cifra de votantes do PP. Entón como din que o PP ten a maioría?

Por unha banda, o narcótico que lanzaron para votar a este enxendro, a este narcopresidente, a este miserable. E por outra, lánzano para que a xente diga: “non vale a pena votar”. Iso como se resolve? Que a xente sexa consciente. É necesario que simplemente que faga política no sentido de que estea comprometido dalgunha maneira: sexa unha asociación de veciños, sexa un sindicato… O que sexa. Esa é a cidadanía. E con iso están acabando. Logran, aquilo que se chama: a atomatización da sociedade.

Cuestionario rápido

P: Un libro?

R: Un mundo feliz, de Aldous Huxley.

P: Unha película?

R: Ciudadano Kane. Moi importante actualmente dado o fenómeno Trump.

P: Un referente?

R: Karl Marx.

P: Un lugar?

R: A Reboraina de Aguiar

P: Unha utopía?

R: Tomas Moro.

P: Unha palabra ou lema.

R: Non hai lemas. Unha palabra: fraternidade, que non é un lema. É un principio.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s