Entrevista a Roberto Oliveira

Roberto Oliveira é un músico feito a si mesmo, que foi tallando o seu estilo como un luthier fabrica un instrumento. Aquí deixamos a súa entrevista:

14231191_10210182021047635_5173326605157704068_o1

Pregunta: Nunha entrevista afirmas que foi duro para os oídos dos teus pais que escolleras un instrumento de percusión. Por que non a guitarra, o piano ou o saxofón? Que provoca que sintonices coa percusión?

Resposta: Sinceramente, non teño unha lembranza sólida de por que comecei coa percusión. Aos 7 anos comecei a estudar solfeo, e xa case á par empecei coa batería. Xa na banda empecei a descubrir máis cousas que me facían tilín”. Cando chegei ao Conservatorio aquilo xa foi a explosión dos soños. O que si lembro con moita nitidez (risas) é que os domingos os meus pais ían de paseo e eu quedaba só na casa, e aproveitaba para darlle caña a batería. Caían os cadros das paredes!

P: A túa infancia decorreu en Salceda de Caselas. Como pensas que influíu Galicia na túa música?

R: A miña máis profunda influencia en Galicia, sen dúbida, transcorreu na Banda Cultural de Salceda. Daquelas, a xeración de “Cataventus”, un grupo que tiñamos no seo da banda, eramos inseparables: Aníbal Sousa, Tino, Cesar, Michi, Edu… Estabamos todo o día no local da banda a estudar, meténdolle horas e máis horas. Xa máis en relación coa miña estilística actual, en Galicia non tiña ningún referente de música electroacústica, todo o que empezaba a descubrir viña de Holanda ou doutros países.

P: Que provoca que te propoñas vivir da música?

R: A verdade é que penso que, como o resto de músicos, pouco a pouco dende a infancia te vas metendo ata que espertas sendo un músico profesional. Teño que dicir que hai varias formas de vivir da música. Dende o meu sumo respeto, creo que a o futuro da música no noso país está baseado nunha praza do estado, estamos un pouco afuncionariados. Este termo non é para nada despectivo, simplemente que a efectos de cupo de plazas, non todo o mundo nas próximas décadas vai poder acceder a ser funcionario, e se queren vivir da música van ter que buscar outras alternativas.

No ámbito artístico, necesitamos máis creadores. Novas músicas, novos productos con identidade propia. Temos un sistema que non invirte en espertar a creatividade nas novas xeracions, e para crear un novo producto, unha nova personaxe, necesítase manter vivo o neno que todos deberiamos ter ainda, con mente aberta, imaxinaria, sen límites.

P: Visitaches países como China, Irlanda, Alemaña, etc. De que xeito che marcan esas viaxes persoal e musicalmente?

R: A verdade é que grazas á música teño viaxado bastante. Cada país, cada cultura, sempre asombran, e máis cando viaxas totalmente aberto a empaparte, a probar todo tipo de sensacións e vivencias. De tódolos xeitos, a min pásame algo curioso. Xa podo ter visitado unha cidade oito veces, que me excita coma se fora a primeira vez.

Holanda e máis Irlanda durante unha década foron a miña residencia. Irlanda para min foi un país que definiu a miña personalidade como artista. Sendo músico clásico, xa tiña claro que necesitaba tamén crear o perfil artístico que é hoxe Robertoliveira, pero Holanda… Holanda foi meu “Big Bang”. Imaxina a un rapaz de 20 anos, con ganas de ver todo, solto en Centroeuropa, coa tradición musical e a vida cultural de Holanda e países limitrofes….unha loucura. Aí foi onde empecei a descubrir a electroacústica e onde personalmente tiven a inmensa fortuna de vivir todo tipo de situacións con dous grandes nomes da música como son Ton Risco e Juan Collazo (os que nos coñecen estarán encarallando a rir).

P: Seguro que che ten pasado algunha anécdota curiosa

Uffff…. Moitas!!! Nos meus primeiros meses en Holanda o nivel de pronunciación de inglés xogoume unha mala pasada. Recibindo unha clase de percusión, o meu mestre preguntoume que ía facer na fin de semana. Eu quedara cuns amigos para ir a praia. Dada a cercana pronunciación en inglés de praia e puta, o que lle dixen o meu mestre foi directamente que ía ir de putas toda fin de semana. O home alucinado e eu, aínda por enriba, insistindo, ata que xesticulei que nadaba. Ahí foi onde o homiño quedou tranquilo…

P: En que cambiou o Roberto Oliveira que aprendía no Conservatorio de Vigo co actual?

R: Calquera carreira profesional é un traxecto, é un proceso que vai ligado, evolución persoal e máis evolución profesional. Un músico cando aínda está no periodo de aprendizaxe, debe beber, empaparse de calquera referente existente para despois, ao rematar, ir definindo pouco a pouco e poder desembocar en alguén con nome propio, alguén con algo que contar.

No Conservatorio de Vigo tiven a sorte de ter de mestres a Carlos Castro e Marcos Vázquez, que fixeron un traballo impecable e me abriron moitísimo os ollos. Para min xa foi xente que me inculcou unha parte artística brutal, porque eles estaban e siguen estando moi activos. Marcos daquela andara cos Resentidos, Carlos Núñez etc, Carlos Castro… Carlos está en todo. Todos os percusionistas galegos permítenme dicir que Carlos Castro é omnipotente. El estivo, está e estará metido en todo o que pase no mundo da percusión.

Dado a explosión que xurdiu en min en Holanda, eu pensaba que Holanda fora a que me volveu unha persona máis aberta, soñadora, incorformista, e artisticamente insaciable, pero non. Eles todos, dende os colegas de Cataventus, pasando por Vigo, Holanda, etc, foron os que me moldearon así.

P: Considéraste un músico distinto? Por que?

R: Non, para nada. A única diferencia que teño con outros músicos é o meu producto, o meu repertorio, que eu atopei o meu discurso. Non me gustan nin as etiquetas nin as comparacións e menos no mundo da arte.

P: Deixas atrás o antigo concepto de concerto de música contemporánea. Que significa facer música multisensorial?

Partimos da base de que o tipo de música que fago non e música de disfrute nun formato disco. Creo e penso que quitando os profesionais do sector, non hai moita xente que escoite na súa casa ou no coche música contemporánea.

A música contemporánea vai ligada de por si a sensacións no momento da súa representación. No meu caso, a definición multisensorial está baseada en que nos meus concertos. Trátase de ter todo pensado e coidado ao detalle, auditiva e visualmente. Auditivamente, tanto coa parte das electrónicas como coa parte acústica dos instrumentos de percusión, e visualmente as proxeccións sincronizadas coa música. Está tamén a parte máis curiosa: como toco os instrumentos, ou que instrumentos non convencionais utilizo (algunha pedra, auga soplada..). Hai obras nas que toco un bombo de concerto con dedais de costura…Todo ese tipo de detalles activan unha curiosidade engadida ao propio concerto.

P: Non só empregas instrumentos para a interpretación das túas pezas; tamén elementos como a auga ou as pedras. É un intento de naturalizar a música?

R: Si e non. No caso das obras nas que utilizo eses elementos, é porque está pensada así a morfoloxía das obras e utilizalas si vai naturalizar a obra. Por outra banda, se un músico non crea unha linguaxe natural, penso que ainda non atopou, ou ainda non madurou, o seu producto. No meu caso penso que encontrei a miña linguaxe; percusión, electrónica e arte visual, pero non son eu o que debe dicir se a miña linguaxe está a conseguir esa madurez, esa naturalidade que busco.

P: Experto no comisionado e estreo de obras? Como lle explicariamos isto a alguén que non estea familiarizado con estes termos?

R: Moi sinxelo. Comisionado quere dicir que eu como artista, como intérprete, preciso ter un repertorio. O que fago é encargar obras a compositores que me parecen atractivos, partindo da base na que eu, a nivel morfolóxico da obra, xa teño claro que instrumentos vou empregar, que estilistica vai ter a obra, que temática, etc. En case tódolos casos eu colaboro activamente, sobre todo na confección das electrónicas, e despois eu confecciono toda a parte das proxeccións. As miñas obras son estreadas por min, non as estrean outros intérpretes. Tamén é un repertorio que, posteriormente a súa estrea, só interpreto eu.

P: A continuación ímosche dicir uns nomes para que nos diga o que suscitan:

O río Miño

A única fronteira física que nos vai separar dos queridos veciños. Un río de auténtica beleza, dende a Serra de Meira ata A Guarda.

Malher e Shostakovic

Foron dous dos meus compositores favoritos, pero a miña evolución foi cambiando de gustos. Sen dúbida van para o saco dos “grandes”

Xabier Macías

Un agridoce descubrimento, e moito me queda por coñecer. Non consigo entender como poidemos ter un dos máis grandes compositores de música contemporánea aquí en Vigo ao lado da casiña, e non saber nada, absolutamente nada del.

Odaiko

Época de moitas aventuras e sobre todo de moita amizade entre os membros fundadores. Ton Risco, Juan Collazo e máis eu, musicalmente e persoalmente eramos moi distintos, o que facía unha mistura atractiva e moi explosiva tanto arriba como abaixo dos escenarios. Sen dúbida unha etapa brutal das nosas vidas.

Dublín

Amigos, moitos e grandes amigos. A definición da liña artística que quería seguir.

Diáspora

Novo disco que está a piques de sair. Un proxecto de novas músicas galego-arxentinas que para min é moi emotivo pola temática, e pola pequena homenaxe aos emigrantes.

P: Como encaixa o teu estilo en Galicia? Somos un pobo demasiado conservador abríndonos a novos estilos?

R: Neste aspecto gustaríame ser un pouco menos severo, pero, e obviamente nunca o que digo é xeneralizado, pero Galicia ten unha tendencia cara o de sempre e o de fóra, sobre todo nos profesionais que se dedican a programar. Despois aínda temos o valor de dicir que sempre se fai o mesmo, que non hai nada diferente.

Galicia ten máis cousas que sota, cabalo, rei. Por nomear un estilo concreto de música dos que maior nivel temos en Galicia, é o mundo do jazz. O mundo do jazz en Galicia ten un nivel galáctico. En menos dun segundo véñenseme á cabeza bastantes nomes de primeira liña (Abe, Pin, Risco…). O do jazz en Galicia é xenial, artistas galegos de nivel internacional, con proxecto propio… Con moito que dicir.

P: Que lle inspira Galicia na súa obra?

R: Pois si é certo que moitas obras están baseadas en tématicas puramente galegas, caso concreto a obra Akompaña, que fixen con Andrés Álvarez sobre a Santa Compaña. Pero a inspiración vén xa de moitos lados.

P: Hai vangarda sen tradición?

R: Non o sei con certeza. A día de hoxe penso que sen tradición, sen unha base sólida é complicado. Primeiro hai que traballar en ter unha paleta de traballo o máis ampla posible para despois poder embarcarte nunha aventura, pero: a que lle chamamos vangarda, cando penso que case todo esta feito?. Robertoliveira fai electroacústica, toca o vibráfono con arcos, dedais, etc. Ferruccio Busoni, John Cage, Edgard Varèse xa facían electroacústica, investigaban novas sonoridades a principios do s.XX.

P: En que proxectos traballas actualmente?

R: Aparte dos concertos que teño en axenda, estou remantando de grabar e mezclando o disco DIÁSPORA que ten que saír á luz en breve. Como un non se pode pechar a traballar nunha soa cousa, vaise facendo como se pode. En abril estarei tocando cun peso pesado da electroacústica, o arxentino Daniel Schachter na Fundación Phonos de Barcelona.

A nivel composición estou traballando unha nova obra de Antón Alcalde de Rianxo, e bueno… o mundo Enrique X. Macías estame a enganchar máis e mái. Sigo buscando e recopilando máis cousas sobre el, xa que me parece moi interesante súa obra.

Cuestionario rápido

Unha película?

Cinema Paradiso.

Unha canción?

Wonder Year Theme, Joe Cocker.

Un libro?

Diario de Ana Frank.

Un referente?

Declinarme por alguén en concreto sería inxusto para a miña larga lista. Dende Varèse, Zappa, ata Macías pasando por Prodigy, Le Poème Harmonique, Klimt, David Hockney, Rachmaninov etc….

Un lugar?

Illas Cíes.

Unha utopía?

Igualdade racial.

Unha palabra?

Soñar.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s