Entrevista a Francisco Castro

Citámonos na libraría Couceiro de Santiago de Compostela para parolar con Francisco Castro, actual Director de Galaxia e escritor. Son moitas as historias que relata nas páxinas que escribiu. Pasa algo semellante con Galaxia, ese anaco de universo onde se hospeda a meirande parte da universalidade literaria do noso país. Talvez suceda como no ceo nocturno, no que as estrelas adornan e guían a nosa existencia, inmóbiles ante o paso do tempo. Galaxia é unha potente luz do ceo chea de tantos mundos como poida imaxinar o noso maxín. Un deles é o de Francisco Castro, que imaxina e soña para mudar o noso mundo.

dsc_0009-2

Pregunta: Que significa Galaxia?

Resposta: Imaxino que case que o mesmo que para o resto do país, co matiz de que son traballador de Galaxia e agora Director Xeral. Galaxia xuridicamente é unha empresa editorial, unha S.A. Na práctica é unha das columnas centrais do que entendemos por Galicia como país. Non é unha editorial sen máis; é un símbolo, unha historia, unha bandeira que nos envolve.

P: Que destacarías da dirección de Víctor Freixanes?

R: Víctor colle o tren en movemento, que era a editorial no tempo de Carlos Casares, e o que fai é poñerlle un tren de alta velocidade para tirar. Con Víctor entramos no século XXI, nunha concepción moi ampla do que significa unha editorial. Non só como unha empresa que fabrica e comercializa libros, senón como unha empresa de contidos arredor da literatura galega. Esa é unha das mellores cousas que deixa o seu legado, entender Galaxia como unha casa moi ampla na que caben moitas actividades diferentes.

P: Este ano é especial polo ano Casares.

R: Si. Todas as editoriais galegas facemos un esforzo enorme co persoeiro homenaxeado. Este ano, no caso de Galaxia, pois moito máis. Carlos Casares foi Director durante doce anos, cando entramos polo corredor e batemos cun retrato del. Moitos dos traballadores e traballadoras da casa foron compañeiros de Carlos Casares. Está moi presente o seu legado.

Toda a súa obra está na editorial Galaxia, polo tanto este ano estamos a facer, non un esforzo doble, senón triple ou cuádruple respecto a outros anos.

P: Podemos saber algún título dos que van saír?

R: Xa saíron os Toribio. Os títulos que el escribiu dese personaxe que vivía tantas aventuras. Carlos Casares era un autor que comprendeu que era necesario facer literatura infantil, entón inventou ese personaxe. Acabamos de sacalo nun formato álbum, non no formato pequeno que saíu orixinalmente. Ademais, vamos a reactualizar toda a súa obra; e así dun xeito inmediato –igual mañá ou pasado– entra no noso almacén a biografía escrita por Henrique Monteagudo. Un biógrafo excepcional de Carlos Casares, porque ademais de coñecer moi ben a súa vida e a súa obra foi o seu amigo íntimo. Creo que estamos ante unha biografía que vai marcar un antes e un despois dentro dos estudos da vida e obra de Carlos Casares.

P: Nunha entrevista aseguras que intentaredes publicar ao mesmo tempo libros en formato dixital e en papel.

R: Si, ese é o horizonte que nos propoñemos.

P: Non hai medo á piratería?

R: A ver, a piratería existirá mentres que as autoridades políticas non entendan que é necesario abordalo. Temos dúas opcións: frearnos porque iso existe ou facer como fan tódalas editoriais importantes do mundo que é, malia iso, intentar dar a batalla no dixital. É un horizonte. O horizonte é un lugar que sabemos que está aí cara o que camiñamos. Eu aspiro a que nun prazo razoable o poidamos facer.

Tamén dende un punto de vista moi prudente porque dende hai uns anos, dende que aparece o dixital, van por diante os nosos desexos que a realidade. Entón, en especial aos que son grandes fanáticos da lectura dixital –eu son lector dixital, pero non son para nada fanático. Si son un fanático das boas utilizacións do mundo dixital– queren que todo o mundo estea lendo en dixital, que todo estea en ebook. E o certo é, que a día de hoxe, o tema non despega porque as editoriais non vemos un modelo de negocio aí. No conxunto do Estado español non chega ao 4% o nivel de facturación. Nós somos tamén empresas, e no caso de Galaxia hai dezaseis traballadores que cobran a súa nómina tódolos meses e o mesmo o resto das editoriais.

É algo que queremos facer sen entolecer porque non hai unha gran demanda. Ademais, metémonos nun tema interesante porque hai moita máis lectura dixital que venda dixital. Iso quere dicir que case todo o mundo le de balde. Len dixital, pero non pagan. Hai que cambiar moitísimas cousas.

O Celta de Vigo acaba de pasar a cuartos de final da copa da UEFA. Todo o mundo entende que ten que pagar entrada. Ninguén entendería que eu fose a túa casa e abrise a neveira en nome da democratización da alimentación porque a min isto amólame moito. É dicir, quen colle os produtos culturais e os piratea, quen rouba os dereitos de autoría –xa non nos imos meter nos dereitos lexítimos das empresas culturais, vamos falar dos dereitos de autoría. Eu tamén son autor e paso moitas madrugadas esperto escribindo–. Faise un discurso totalmente falaz, que é en nome da democratización da cultura porque todo o mundo ten que ter acceso… Pois ben, eu quero democratizar o acceso a todo. Encántanme as piscinas, entón quero que democraticamente se me permita acceder ás urbanizacións de luxo, e por suposto un gran coche, etc. Quero que se democraticen os grandes soldos dos que roubaron os bancos e se van de rositas. Paréceme inxusto que se roube nun dos elos da cadea económica máis febles, que é a  industria cultural.

P: Entón, o libro non se vai converter nun obxecto de anticuario?

R: En absoluto, para nada. Mira, este é un debate que sempre hai. Cando nace o cine, hai máis de cen anos, se imos ás hemerotecas vemos que houbo grandes debates sobre a morte inmediata do teatro: Ninguén irá o teatro porque todo o mundo irá ao cine. Cando aparece a televisión hai un gran debate sobre que ninguén irá ao cine. Cando aparece o vídeo preguntábanse quen vai ver agora a televisión, e así continuamente.

O certo é que tódolos formatos conviven. Logo, no caso do libro en papel, hai poucos inventos mellores. Eu teño o meu libro, podo prestalo. Iso é legal, non é para nada ilegal.

P: Outra cousa é que cho devolvan.

R: Si, ou no estado no que cho devolven, non? Pero en todo caso, é o teu obxecto e podes levalo á praia, podo ler no autobús, podo facer moitas cousas sen que se me acabe a batería. Por suposto que tamén defendo as grandes vantaxes que nos da o libro dixital. Eu tamén soño co libro enriquecido, tamén soño con poder ler unha biografía de calquera escritora ou escritor e estar lendo en dixital e que ao premer en determinada icona sae un documental ou podo ver o seu álbum de fotos familiar, ou escoitar na súa voz como recitaba un determinado fragmento. Eu tamén soño con iso, pero creo que son formatos que van convivir.

Encántame ver as escenas rexeitadas polo director no DVD, pero iso non me impide ir coa miña pequena ao cine cos flocos de millo e vivir o ritual do cine. Somos moi apocalípticos en canto aparece un novo formato. Acórdome agora de Nietzsche, a finais do século XIX, que queda fascinado coa máquina de escribir. Ao probala –logo deixouna porque era moi torpe– escribiu “a pluma estilográfica morreu. Xa ninguén volverá a escribir a man.”

P: Non se cumpriu.

R: Por fortuna.

P: Tes dito que escribes para cambiar o mundo. Editas polo mesmo motivo?

R: Claro. Dende o ano 1950 Xaime Isla, Otero Pedrayo, Piñeiro, Paco del Riego e todos aqueles accionistas reúnense nos baixos do hotel Compostela para fundar a editorial Galaxia, sen dúbida, para cambiar o mundo. O mundo daquela era hostil contra o galego, contra o galeguismo, e a min gústame moito lembrar isto. Cando din “que difícil o temos!”; non, difícil o tiña esa xente e montou o que montou, e sesenta e sete anos despois aquí estamos nós e outras editoriais que viñeron detrás. Obviamente querían cambiar o mundo.

Eu creo que podemos montar empresas para lucrarnos –montamos un banco ou casamos cunha infanta– ou collemos e facemos outras cousas que si cambian o mundo, e unha editorial é un xeito de cambiar o mundo. E escribir tamén cambia o mundo, claro.

P: Como combatemos que cada vez se lea menos?

R: Primeiro con entusiasmo. Eu fun dos que, cando empezou a crise, dixen que era unha gran noticia. Miráronme moitos compañeiros do sector dicindo “pobriño, debeu levar un golpe cando era pequeno”.  Eu sempre dixen que aquilo era unha oportunidade para reinventarnos. Para soñar novas maneiras de facer as cousas.

Co tema da lectura, e da lectura en galego, penso que o primeiro que temos que ter é entusiasmo. As casas terminan por ser lectoras se nos ven a nós gozar cun libro. A ver, non é automático, polo feito de que os pais sexan lectores non teñen que saír nenos e nenas lectores, pero é máis fácil que aconteza. Se temos unha alimentación saudable é máis probable que esteamos ben alimentados que se só comemos comida rápida.

Tamén esixíndolle aos nosos políticos certos compromisos. Na axenda dos políticos non está a cultura. Agás excepcións moi excepcionais, o seu nivel intelectual é moi baixo, terriblemente baixo. Temos unha clase política, en xeral, que non lee nin xornais. Non lles interesa máis nada que o corto prazo das seguintes eleccións. Debemos esixirlle a eles que invistan máis en cultura e menos noutras cousas.

Válenos o entusiasmo, a imaxinación, a presión social. Agora, a Mesa pola Normalización Lingüística acaba de botar a andar –e eu fun un dos primeiros asinantes– un manifesto para que a Xunta de Galicia obrigue ás empresas concesionarias dalgún servizo a que fagan a atención ao cliente en galego. Pois isto pódese facer, como pode esixirlle aos xornais aos que lles dou cartos que promovan de verdade o galego, non só que o día das Letras Galegas fagan a portada e pouco máis. Hai maneiras, e coma sempre vai depender da cidadanía.

Un vai a Cataluña, e vamos a supoñer que en Cataluña houbese un goberno catalonófobo –ou como se diga o palabro–. Probablemente á sociedade íalle importar máis ben pouco porque o catalán é a lingua de prestixio e en Galicia aínda seguimos cos mesmos problemas. Eu vivo no Vigo urbano, no Vigo do centro, e os meus fillos son galego falantes e tiven que escoitar moitas veces “hai que curriño. La niña habla gallego, que curriño”, ou “le hablais en gallego!”. Entón, mentres a cidadanía non reaccione hai máis ben pouco que facer. Como se fai? A través do entusiasmo, do contaxio. Non hai outra maneira.

P: Nun dos teus libros tes criticado o telelixo. É un dos motivos que reducen a lectura?

R: É difícil contestar a esa pregunta. A xente le menos porque hai moito telelixo? Probablemente, a xente que consume telelixo non é lectora e a xente que é lectora non consume telelixo. Eu creo que, necesariamente, non ten que ver unha cousa coa outra. O que si podemos é preguntarnos que fan as televisións públicas emitindo moitas veces telelixo. A min preocúpame máis ben pouco que Telecinco, Antena 3 ou La Sexta caian nestas cousas, aínda que –volvo ao de antes–, politicamente pódese evitar. É dicir, é o goberno quen concede as licencias. Poden poñerlle uns mínimos. Poden obrigar a que unha porcentaxe determinada sexa de programas culturais. Pódese obrigar a que, nas fins de semanas, por exemplo, nun horario de boa audiencia haxa un programa para promover a lectura, a visita de museos, a música… Isto pódese facer por lei. Os concellos obrigan á empresa concesionaria de autobús a que sexan ecolóxicos, a que sexan de plataforma baixa para que unha persoa en cadeira de rodas poida subir e parécenos ben. Podemos obrigar ás cadeas de televisión a que fixesen algo pola cultura. Asumiríano? Non ían renunciar e faríanlle un ben á sociedade.

P: É máis sinxelo publicar un libro malo dun autor recoñecido ou un libro bo dun autor descoñecido?

R: É máis sinxelo publicar un libro bo dun autor descoñecido, sen dúbida. Só podo falar pola editorial Galaxia. Estou convencido de que o 98,9% dos compañeiros e compañeiras só teñen en mente, á hora de publicar, que sexa un produto digno. Que sexa un produto que sexa editorialmente potente. É moi difícil que un bo texto se nos escape, é moi difícil, pero escápanse.

Hai casos moi famosos: as quince cartas que garda J.K.W. Rowling de quince editoriais que lle rexeitan Harry Potter. Imaxino que eses editores, tódolos días, collen un martelo e se sacoden a cabeza. Eu, probablemente, deixaría pasar Harry Potter porque non é un xénero que me entusiasme aínda que goste dos libros –que aproveito para dicir que están traducidos na editorial Galaxia–. Pero non é a miña paixón e un bo texto é difícil que se nos escape.

Tamén é difícil que un autor coñecido, falo en Galicia, se lle publique un libro que non estea á altura. É máis doado que suceda isto en castelán porque teñen parámetros moi fortes dende o punto de vista comercial. No ano 2013 un dos libros máis vendidos no Estado español foi Ambiciones y reflexiones de Belén Esteban. Non lin o libro, que pode parecer grave, pero intúo que non foi un dos mellores libros, dende o punto de vista literario, do ano. Non obstante, houbo alguén que fixo caixa –non pequena– con iso. É difícil que un fenómeno así se dea entre nós. O mercado, neste momento, é ben diferente.

P: Co premio Illa Nova semella que Galaxia intenta darlle máis oportunidades á mocidade para publicar. Ademais deste premio, que opcións teñen os autores noveles?

R: O premio Illa Nova é unha declaración de intencións. Como digo sempre, a editorial Galaxia é a editorial dos clásicos: Otero, Blanco Amor, Curros Enríquez, Rosalía… Está todo en Galaxia. Galaxia tamén é a editorial dos contemporáneos xa consagrados, pero eu quero que tamén haxa, a cada lado da editorial, fiestras abertas polas que haxa unha corrente de renovación. Iso fai que autores e autoras que polo de agora non publicaran publiquen. Hoxe, no lugar no que estamos tendo esta conversa –libraría Couceiro de Santiago–, no momento que eu entraba estaba etiquetándose o libro de Ana Cabaleiro. Ana Cabaleiro, hai un ano, estaba nesta mesma sala impartindo un obradoiro literario e ela era unha das que interviña. Envioume un libro, un libro marabilloso, que hoxe hai media hora acabo de enviarlle unha foto por whatshap porque está fora de Galicia. E despois marcho a Coruña, presentamos O misterio de Portomarín de Antía Yáñez que non chega aos trinta anos e é a súa novela de debut.

Imos tamén, non o podo anunciar aínda, preparar novidades relacionadas coa música infantil e cos grupos que comezan. Para nós é unha aposta estratéxica que as nenas e os nenos canten en galego, canten música de calidade en galego. A nosa colección Árbore leva dende 2009 dándonos alegrías nese sentido.

P: Como aconteceu co Xabarín.

R: Exacto. Ao mellor algún día falamos dunha xeración Árbore, de toda esa rapazada que sae dos concertos cantando esas cancións. Estes discos que vendemos por miles, nalgúns casos. Creo que as liñas de traballo están sendo moi claras.

P: Ademais de escritor e director de Galaxia es Licenciado en Filosofía. En que lle axudan eses coñecementos no desempeño da labor literaria e de director de Galaxia?

R: Sempre digo que a carreira de Filosofía, se eu volvese a ter dezasete anos –que é a idade coa que cheguei a Santiago– volveríaa facer sen dubidar. É unha carreira moi fermosa que nos proporciona unha formación moi ampla. Hai xente que sabe dunha cousa e sabe diso. Os estudos filosóficos danche unha visión de conxunto de tódalas cousas. O filósofo sempre é o que está enriba das montañas observando a totalidade.

Imaxino que para o meu traballo como director da editorial Galaxia é moi importante. Dende que asumín a dirección moitas das miñas rutinas de traballo mudaron. Se antes estaba pendente da edición dun libro vixiando probas, que non me quedara un parágrafo nunha páxina par, impar, etc. Agora estás na visión máis de conxunto, estratéxica. Quero pensar que iso me beneficia máis que se fose paleontólogo, por dicir calquera cousa.

P: Están desprestixiadas as humanidades?

R: Infortunadamente si. O sistema universitario español leva dende os anos sesenta do século pasado centrado na produción de técnicos para o sistema capitalista. E no sistema capitalista os que pensan, os que escriben, os que razoan non lles valen. É máis, adoitan ser persoeiros moi críticos e, por tanto, hai que tratar de extinguilos meténdolles un 21% de IVE cultural ou convencendo á sociedade de que os seus estudos non valen para nada.

P: No teu libro Xeración Perdida amosas un colectivo de mozos estragados pola droga. Moitas persoas denominan do mesmo xeito á actual xeración, aínda que por outros motivos. Que opinas?

R: Que non está mal a denominación para ámbolos casos, pero a primeira situación non foi reversible e esta aínda é reversible, máis nos vale que sexa reversible. É dicir, a xeración perdida da heroína é arrasada por un fenómeno totalmente descoñecido e, a parte, como era un fenómeno marxinal tampouco a sociedade se preocupaba moito. Incluso houbo complicidade importante dos poderes políticos. É famoso aquel bando que escribiu Tierno Galván, un home cultísimo, que remata dicindo “E agora todos a colocarse” animando á xuventude. Hoxe en día montaríase un escándalo supino. Tería que dimitir aos dous minutos un responsable político que fixera tales declaracións, pero naquel momento víase cunha certa simpatía e hai unha xeración enteira desparecida ou moi machacada.

A xeración perdida actual é por unha situación político económica que está pensada en contra da mocidade. Que está deseñada perfectamente para deixarnos sen dereitos laborais, para converternos en escravos sen cadeas, pero servos. Pretende esnaquizar toda clase de liberdade a través da fame e do medo. Por fortuna esta situación é reversible. Ten que haber un momento. Teño esperanza, en que todo isto cambie. Debe cambiar, máis nos vale que cambie.

P: Zygmunt Bauman aseguraba que coas redes sociais somos seres solitarios permanentemente conectados. Que non cultivamos relacións profundas. No teu libro Spam afondas algo nesa temática. Son as redes sociais a nova droga desta xeración?

Non. Dicir que as redes sociais son a nova droga desta xeración é como dicirlle a quen é un rato de biblioteca, e le moito, que a lectura é a droga dos que lles gusta ler. Internet é unha revolución cultural equiparable á revolución da imprenta, idéntica. Cando teñamos perspectiva histórica comprenderemos que é o mesmo.

A imprenta permite a difusión masiva do coñecemento e Internet permite a difusión masiva do coñecemento. A imprenta permite que se editen libros como o Mein Kampf de Hitler, que contamina as mentes. Internet permite que, a través de Facebook, Snapchat, ou outras redes sociais moita xente se volva parva. Pero non son as redes, é a xente. Se ti empregas as túas redes sociais para facer fotos absurdas de ti mesmo, para dicir que mercaches uns calcetíns ou que acabas de bater o record de días sen ducharte pois a rede será unha manifestación máis da túa parvura.

Grazas á rede, nun país como o noso no que os medios de comunicación silencian o galego na rede resulta que non teñen fronteiras. Nun país como o noso no que non se fala de libros, resulta que a través da rede podemos espallar continuamente información sobre libros. As redes sociais, diga ese señor o que quixera ou o que escribín en Spam noutra tesitura, non son culpables de nada. É a utilización que se lle da. A televisión é un medio de comunicación marabilloso, pero se un ve: Gran Hermano, First Days e tódolos partidos de fútbol un idiotízase, pero un é quen se idiotiza. É un electrodoméstico. Todo depende do uso que se lle queira dar ás cousas.

P: Nunha entrevista manifestaches que deixarías de publicar tódolos teus libros por publicar un disco. Preferirías ser Mick Jagger ou John Lenon a García Márquez ou Rosalía?

R: Pois dos catro que acabas de citar só queda un vivo, así que me anoto a Mick Jagger. Gustaríame ter a lucidez de Rosalía, a capacidade fabulatriz de García Márquez, a capacidade de remover conciencias de John Lenon e a saúde que, aparentemente, ten Mick Jagger cando chegue á súa idade.

P: Botas de menos a docencia?

R: Non e si. Marchei do ensino e nunca sentín iso do síndrome do profe queimado, nin moito menos. Gústame moito a docencia. Por fortuna, sigo en contacto coa mocidade. Teño a sorte de estar continuamente nas aulas. O que non boto en falta son os exames, as avaliacións. Todo ese sistema absolutamente inxusto e absurdo, que existe no Estado español de seguir avaliando como se facía na época medieval. O sistema educativo español é medieval. Nesa época había un señor, o magister, que tiña un libro. O libro de Tomé de Aquino, por exemplo, e había uns estudantes que non tiñan o libro. O magister lía o libro e llo contaba. Os outros debían memorizar e rebotalo. Hoxe a miña cativa de oito anos segue a facer exactamente o mesmo coa diferenza de que ten os libros na casa. Ti te atreverías a facer agora mesmo un exame dalgunhas materias de cuarto da ESO?

P: Dalgunhas non.

R: Pero tanto ti coma min. Eu en segundo de BUP –a ti xa che tocou a ESO–, temos exames deses anos aprobados.

P: Con máis coñecemento sobre esa materia que agora.

R: Claro. Entón vemos os programas de televisión tipo: Pasapalabra, Saber y Ganar… Todos os de preguntas son preguntas de primaria. E estamos alí, e cando acertamos unha temos un alegrón e mírante os teus fillos con cara de admiración, “papá, que sabio”. Son preguntas de primaria e nalgún momento eramos quen de repetilas como monas, como cacatúas. Por que segue a ser o sistema educativo igual? É idéntico, non serve. No móbil está toda a información. Agora non hai que transmitir información. Na época medieval hai que transmitir información. Temos que educar para outras cousas, para ter cidadáns capaces de manexarse no barullo espantoso de información e do ruído criminal que hai nas teles, en Internet, etc. Que sentido ten memorizar en segundo de primaria, vomitar sobre un papel e esquecer? Boto de menos iso? Non. Boto de menos, ás veces, cando isto que acabo de dicir o dicía diante dos meus alumnos de Filosofía e se montaban eses debates espantosos. Espantosos no sentido portugués da palabra.

P: Durmir está sobrevalorado?

R: Si, esa frase tamén é miña. Absolutamente sobrevalorado. Isto descóbrelo cando tes un fillo ou unha filla. Cando es pai descobres que podes ir á clase como ía eu sen durmir porque ás crianzas tanto lles ten que teñas que madrugar ao día seguinte. Ademais, para escribir téñolle roubado moitísimas horas ao sono porque, para min, o tempo cos meus fillos é sagrado.

Sempre digo o mesmo: érguete unha hora antes, non mires a televisión, unha horiña antes de deitarte lee ou escribe. Nos meus obradoiros literarios moitas veces a xente di “claro, eu quería escribir, pero nunca tiven tempo e tal…”. Non coñezo a ninguén que non teña tempo. O día ten vinte  catro horas. Aínda imaxinándote que dediques oito a durmir –que co paso do tempo iso é dificilísimo de aguantar– e oito ou dez para traballar aínda quedarían seis para facer distintas cousas. Creo que é cuestión de ter a axenda mental clara.

P: Que proxectos tes de futuro para compatibilizar a literatura coa dirección de Galaxia?

R: Fun nomeado director de Galaxia o día 26 de decembro. Ese día non escribín, estaba emocionado demais, pero ao día seguinte escribín. Tódolos días escribín, aínda que sexan dez minutos.

Este ano van saír varias traducións miñas (castelán, catalán). Obra en galego nova, espero que en febreiro do 2018 unha nova novela para adultos.

P: Tes xa o título ou aínda –no Word– aparece “Novela”?

R: Esta vez chámase “Novela nova” e até o punto final non aparece nunca o título.

 .

Cuestionario rápido

Un libro?

Canto a min mesmo, de Walt Whitman.

Un escritor?

Walt Whitman.

Un filósofo?

Wittgenstein.

Un referente?

Rosalía de Castro.

Unha película?

Forest Gump.

Unha canción?

Here, There And Everywhere, The Beatles.

Un lugar?

A praia da punta, no barrio de Meis en Vigo.

Unha utopía?

Conseguir un mundo onde a xente entenda que as fronteiras son un mal invento que só serve para discriminar e facer a guerra.

Unha palabra?

Amor unha palabra como outra calquera.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s