Entrevista a Ana Pontón. Primeira parte.

Recíbenos no seu despacho cun amplo sorriso. Un sorriso que contaxia e que incita á ilusión e ao entusiasmo. Un sorriso que nos recorda que ás veces hai que rir, que con bo humor se pode encetar un rumbo novo.

Co seu discurso representa milleiros de corazóns. Milleiros de persoas pertencentes a un país que tantas longas noites de pedra sufriu. Representa a un partido en rebeldía ante calquera tipo de miseria.

Falamos un pouco antes de empezar. Atopámonos cómodos con ela. Coa que pode ser a próxima, e primeira, presidenta de Galiza.

ana p

Pregunta: Por qué Galiza é unha nación?

Resposta: Porque somos un pobo cunha lingua, cunha cultura, cunha historia, cunha economía… Somos unha comunidade que, historicamente se foi conformando. De feito, Galiza foi o primeiro reino que houbo en toda Europa, pero tivemos mala sorte na nosa historia, e ultimamente cos nosos gobernantes, moito peor. Somos unha comunidade que existe como tal, coa nosa identidade e mesmo xeográfica e climatoloxicamente somos unha formación diferente. Por todo iso somos unha nación.

P: Criácheste en Sarria. Iso condicionoute dalgún xeito para ser nacionalista de esquerdas?

R: Penso que o que me condiciona para ser nacionalista é ser galega e sentirme unha galega libre que quere exercer de igual a igual.

Como me marcou Sarria? Pois non sei se foi Sarria ou as vivencias que alí tiven, que poderían ocorrer noutras partes. Sempre me sentín moi identificada co meu país, parecíame que Galicia estaba moi maltratada e non entendía a discriminación lingüística. Por que unha nena con catorce anos sentía vergoña de falar galego cando ía á vila? Ou por que cando estaba no instituto os compañeiros e compañeiras me podían dicir cousas como “a mí háblame bien, háblame en castellano”? Como a min todo iso non me parecía normal, fun conformando unha identidade sobre que era galega. Logo descubrín o nacionalismo e vin teorizado o que eu sentía.

P: A túa aldea chámase Chourente. Segue a darse a misa en castelán?

R: Si, e segue o mesmo cura. Xa é un señor moi maior e segue a dar a misa en castelán, a pesar de que el é galegofalante. Cando eu lle preguntaba por que daba a misa en castelán, el dicíame que era para entendernos mellor, e eu preguntábame como a iamos entender mellor, se todos alí falabamos galego. Non me parecía moi lóxico.

P: É difícil militar no BNG no entorno rural?

R: Penso que comprometerse sempre ten as súas complicacións, e ser militante do BNG implica ir contracorrente. En certa maneira é desafiar o actual status quo, e iso ten as súas complicacións, aínda que eu creo que é sobre todo gratificante.

O máis importante é defender algo que nos vai facer avanzar como país e defender as ideas nas que cres.

P: Castelao denunciaba o caciquismo e parece ser que aínda existe.

R: Existe. Estou convencidísima.

P: E como acabamos con el?

R: Con democracia real. Con liberdade para a xente, e rompendo con esa maneira de exercer o poder. Cando chegas, por exemplo, a un concello, e rompes cos modos caciquís, estaslle dando liberdade ao teu pobo e estalo educando, por dicilo así, politicamente.

Hai moi poucos días estiven en Viana do Bolo, que é un concello que por primeira dende o franquismo é gobernado por un alcalde do BNG, sempre gobernara alí o PP. Ben, pois o alcalde contábame que houbo moitos veciños que foron a ver o concello por primeira vez e que tiñan moito interese por ver como era o despacho do alcalde, porque ata entón era un sitio onde non podía entrar ninguén, só o vían catro ou cinco. Foi como abrir a casa do concello –que é a casa dos veciños– a todo o mundo.

Se ti realmente fas unha práctica política democrática, onde tratas a todos os veciños por igual,onde hai obxectividade, onde realmente fortaleces unha cultura democrática de participación, acabas co caciquismo.

P: É certo iso que din de que o PP é o partido que máis se parece a Galicia?

R: Estou en desacordo con iso. Paréceme un intento de apropiación indebida. Os galegos e galegas somos plurais dentro da maneira de pensar, da maneira de sentir, da maneira de entender; os galegos e galegas somos moito máis plurais.

O que penso é que o Partido Popular é un tapón para o desenvolvemento de Galiza, porque estamos vendo como ao final ímonos quedando atrás en todo e non hai un proxecto para que Galiza avance e emerxa coma unha nación. Vémolo agora en temas importantes, como por exemplo o debate sobre o financiamento, que é clave sobre o que queremos ser e tamén sobre como queremos utilizar os recursos dos que dispoñemos no noso país. Entón, vexo que Feijoo ten como máximo interese atacar a Cataluña e non defender a Galiza. Creo que aquí o interesante sería defender unha proposta ambiciosa de país, que confiaramos no noso potencial –nós non vivimos da solidariedade dos demáis, senón do noso traballo– e ter algo que xa teñen os vascos e que é un sistema de concerto económico. Non sabemos o que vai pasar con Cataluña, se finalmente vai consolidarse ou non o proceso de independencia, pero se iso non se dá. É evidente que vai haber un cambio na fiscalidade e que os cataláns van a ter un sistema de concerto. Entón, penso que o Partido Popular é un tapón que está impedindo o avance e a modernización de Galicia.

P: De feito, para as oposicións de educación, dependemos de que haxa un acordo en Madrid.

R: Penso que iso é unha chantaxe que está practicando neste momento o Partido Popular porque quere presionar a outras forzas políticas para que lle aproben os orzamentos. Pero, tamén é un síntoma da recentralización do Estado. Porque, ata decidir cantos médicos ou profesores podemos contratar en Galicia, non se decide aquí, senón que se está decidindo en Madrid. Non pode ser que haxa unha convocatoria de oposicións e que Montoro o impida. O problema é a submisión. O que tiña que, para min, facer Feijoo é o que acaba de anunciar que vai facer Euskadi, é dicir, nós seguimos coas nosas convocatorias e o Estado que diga o que queira.

P: Es independentista?

R: Creo que non é tanto un debate de ser ou non independentista, porque Galiza é un país que podería ser independente sen ningún tipo de problema. Estamos nunha fase na que hai que dar un debate social, e son os galegos e as galegas as que teñen que querer exercer desa forma. Para min, pedagoxicamente, neste momento o que temos é que crear máis conciencia de país, máis confianza, máis orgullo de ser galega ou galego. Logo, a partir de aí hai moitas opcións nas que nós nos podemos mover, nas que o país se pode desenvolver. Eu creo que Galicia é un país viable, tamén creo que podemos convivir con outras culturas supraestatais, con outros estados. Quero que me recoñezan como nación, que me recoñezan o dereito á autodeterminación e a que poidamos decidir o noso futuro e logo a partir de aí, entramos na seguinte fase.

P: Ser nacionalista é ser máis democrático?

R: Home, eu creo que o nacionalismo, en esencia, é sempre un movemento democrático e liberador. Eu non podo entender como en Galicia pode haber xente de esquerdas que non é nacionalista. Ou xente que se di de esquerdas, pero que quere manter unha estrutura centralista e que ao final mantén unhas desigualdades moi fortes. A veces dísenos que o Estado nos garante a igualdade e eu digo en salarios non, en pensións tampouco, en prestacións de carácter social tampouco. Entón, este é un Estado centralista que o que fai é manter as desigualdades. Eu creo que se apostamos por tomar o control do noso futuro imos ter moito que gañar. Cando agardas a que os demais che saquen as castañas do lume, non es capaz de avanzar. Avanzas cando confías no que ti podes facer. Temos que, en certa maneira, empoderarnos e ver que temos unha riqueza enorme e unha potencialidade moi grande. O que me doe é ver un país rico onde a xente nova ten que emigrar. Iso si que me parece lamentable.

P: Despois din que hai baixa natalidade, pero claro, a xente moza non pode facer a súa vida.

R: O que está claro é que non vai haber unha recuperación da demografía se non se cambia o modelo social con moita profundidade. Eu creo que o problema demográfico é xeral en toda Europa, pero ten casuísticas diferentes e en Galiza penso que é peor porque tivemos unha emigración moi forte e séguea a haber. Digan o que digan, nos últimos anos marcharon máis de cen mil persoas menores de 35 anos. Ademais, hai unha demanda de igualdade real. Ou a maternidade non supón un sobrecoste para as mulleres ou isto non se vai a solucionar.

Creo que o problema demográfico é complexo, pero por resumir, que se precisa outra política económica, outra política social e de defensa dos traballadores e igualdade.

P: É Galiza machista?


R:
Penso que, en xeral, o mundo é machista e patriarcal e que iso se ve en todas as capas e en todos os ámbitos. Non creo que aquí sexamos máis machistas que en Madrid ou en Cataluña ou Inglaterra, pero penso que si seguimos a vivir nunha sociedade sexista e patriarcal. Sempre digo que estou convencida que a ningún dos outros portavoces do Parlamento, cando van por aí, lle fan comentarios acerca do seu físico, sobre a súa idade ou cousas dese tipo. Fago, este ano, corenta anos e trátanme coma se fose unha adolescente. É incrible o paternalismo que hai na sociedade. Menos mal que o teño moi claro e que iso non me inflúe persoalmente.

P: Pero talvez outras persoas si senten esa presión e acaban someténdose.

R: Está claro, o machismo ten o seu efecto e quere manter un status quo e, aínda que non todos os homes son machistas, se naces home tes coma unha certa cartilla VIP, moitos máis privilexios en moitos ámbitos. Creo que é moi importante facer un traballo de desmontaxe de estereotipos coas mulleres e tamén cos homes.

P: Que opinas do termo “feminazi”, que está tan de moda?

R: Unha moda do neomachismo. Paréceme terrible. Primeiro, porque o feminismo non é o contrario do machismo. O feminismo o que quere cuestionar é precisamente unha sociedade desigual, buscar a igualdade para os homes e mulleres. Cando alguén utiliza “feminazi”, o que quere é desvirtuar todo o movemento feminista, que foi a clave para que avanzaramos na igualdade. Todo o que nós temos, debémosllo ás que loitaron antes e temos a obriga de traballar, xa non só polo noso presente, tamén polas mulleres que veñen detrás. Eu vexo que hai un rearme do machismo, que emprega novas estratexias coma o calificativo “feminazi”.

P: Debería chamarse “igualismo” ou “igualitarismo” no canto de “feminismo”?


R:
Penso que “feminismo” é a palabra que define ben un modelo político histórico que remove unha das igualdades máis transversais que hai en todo o mundo, como son as desigualdades de xénero. E insisto, o machismo é a superioridade dos homes sobre as mulleres, o feminismo é o movemento que defende a igualdade entre ambos.

Cando alguén descalifica ao feminismo, descalifica toda a loita das mulleres. O dereito ao ensino, o acceso a postos de traballo ou o dereito a voto foron loitas levadas a cabo por mulleres que pelexaron polos seus dereitos e que moitas o pagaron coa cadea ou coa súa vida. Négome a desvirtuar o valor dun movemento político e social, unha das poucas revolucións ou movementos sociais sen guerras, onde as únicas vítimas están do lado das feministas. Creo que hai que poñer en valor o significado real das palabras e non aceptar a intoxicación de quen quere cuestionar, neste caso, o feminismo.

P: Teño visto a algunha rapaza ou rapaz de quince, catorce anos que me di: como vai ser iso feminismo. Se é igualdade será igualitarismo. Feminismo é machismo, pero ao revés.

R: Ese é o problema de que realmente os valores dominantes, os valores do machismo, teñen máis presenza e desacreditan. Nós temos que facer un esforzo maior. Por exemplo: pedir que nas escolas houbera unha implicación máis grande para explicar que é o feminismo, para poñer en valor esa traxectoria, desmontar os roles e os estereotipos. Ao final, a escola, que sigo crendo que foi un dos grandes avances na igualdade das mulleres, ao mesmo tempo, nunha parte perpetúa as desigualdades porque os saberes seguen a estar moi masculinizados. Penso que ante o intento de demonización hai que facer máis pedagoxía, non renunciar ao que somos.

Pasa tamén co nacionalismo. Dinche que hai un nacionalismo bo e outro malo. Non! O nacionalismo é bo e liberador. Cando un pobo lle impón a outro a súa lingua, a súa cultura ou gobernar en contra del, o que está sendo é imperialista. O nacionalismo son pobos que se queren liberar dunha opresión, e que queren maiores cotas de benestar, democracia e igualdade entre os pobos. Son cuestións que poden parecer conceptuais, ás veces máis abstractas ou que non teñen valor. Pero realmente os marcos ideolóxicos, a conceptualización é clave porque nas palabras e nas ideas comeza a transformación social.

P: Entón, o nacionalismo español é imperialismo?

R: Para min non existe nacionalismo español. Iso é imperialismo porque é unha cultura que se lle intenta impoñer a outra. Podemos poñer o exemplo dos touros. En Galiza non había touradas, non había ningunha tradición. Empezan a implantarse aquí no século XIX cunha expansión dun Estado centralista que quere homologar culturalmente toda a península. Ese é un acto imperialista.

Hai moitos ámbitos nos que se impón o español e imponse con normalidade. Pero ese feito é moi concreto. Polo tanto, para min o problema é esa agresividade, ese intento de non aceptar que hai outras realidades, outras linguas, outras culturas… Ou mesmo, que é lóxico e natural que outros pobos queiran gobernarse sen estar pendentes do que decidan en Madrid.

Sorpréndeme que no Estado español sexa tan difícil de entender que o dereito de autodeterminación é un dereito democrático e que se debería exercer con naturalidade e normalidade. Hai non tanto tempo, o Reino Unido deu un exercicio de democracia práctica. Existe Escocia? Si. Os escoceses demandan un referéndum de independencia? Pois aceptemos o debate, pero non neguemos a posibilidade de que se faga.

Claro, isto no Estado español é revolucionario. Porque ante o que está demandando o pobo catalán, por solicitar un referéndum, o que hai é xente na cadea por poñer furnas na rúa. Espeluznante.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s