Entrevista a Ana Pontón. Segunda parte

Finalizamos con esta derradeira entrega a entrevista a Ana Pontón. Para ler a primeira parte hai que premer aquí.

P: Pódese dicir que vivimos nunha democracia?
R:
Esa é unha pregunta moi complexa. Penso que unha democracia plena é unha democracia con información veraz, con maior participación directa dos cidadáns. Nestes momentos aquí hai eleccións cada catro anos para a Xunta, para o Estado. Unha democracia real precisa unhas bases moito máis sólidas.

Creo que neste momento o corsé mais grande da democracia é toda a institución europea. Estamos vendo que moitas das decisións que se adoptan –que teñen detrás intereses económicos– están por riba da vontade dos pobos e iso si que a min non me parece que sexa compatible cun sistema democrático. O que pasou recentemente en Grecia creo que pode ser un espello onde podemos ver iso. Un pobo grego que non quere aceptar un rescate nin novos recortes, pero ao final hai unha estrutura na Unión Europea e un goberno, que en contra desa decisión do pobo, lle impón novos recortes.

Hai unha nova especie de feudalismo con aparencia democrática. Creo que é un debate que se o damos dende un punto de vista filosófico veremos que, para que haxa unha democracia real fallan moitas cousas e que realmente as decisións máis importantes non están en mans da cidadanía, senón que están en mans de lobbys económicos. Dende ese punto de vista vivimos nunha democracia que é coma un cascarón baleiro.

P: No grupo parlamentar do BNG hai moitas persoas novas que se incorporaron recentemente á vida política. Moita xente quéixase de que non haxa xente nova nos partidos políticos. En cambio, cando a hai, a xente quéixase de que só están aí para ver que poden levar. Existe esa contradición?
R:
Hai coma unha dualidade, si. Paréceme terrible que haxa unha penalización pola idade, tanto para un lado coma para outro. Durante moito tempo, a idade media dos cargos públicos era elevada, case coma un xerontocracia. Había moi pouco reflexo das distintas capas de idade. Afortunadamente vanse cambiando eses estereotipos. É importante que haxa un equilibrio entre a xente nova que entra e a experiencia dunha organización, que tampouco hai que devaluar. Hai que crer no carácter transformador das ideas e non da idade. Hai xente nova moi revolucionada e xente nova moi reaccionaria, igual que a xente maior. As veces vivimos nesa idea de renovación como fetiche, como solución para todo.

P: Cando está xustificada a desobediencia civil?
R:
O que é irracional e antidemocrático é aplicar unha lei sabendo que é inxusta e que está causando prexuízos. Moitos dos grandes cambios que se deron na humanidade fixéronse en base a desobediencia civil, baseada na defensa de principios de xustiza e igualdade.

Para min sempre foi moi referencial esa muller, Rosa Parks, que no medio dun grande debate que había nos EEUU sobre a discriminación racial, ela non aceptou a lei, porque era unha lei discriminatoria que vulneraba o principio fundamental de que todas as persoas somos iguais. Ese xesto de non aceptar unha lei inxusta provocou tanto debate que levou a que se derrocasen todas esas leis que claramente lle outorgaban categoría á discriminación racial. Para min nese caso, e poderíamos falar de outros moitos coma os desafiuzamentos ou a lexislación abusiva que permite que a banca poida campar ás súas anchas facendo abusos por todas partes, creo na desobediencia civil. Penso que é un mecanismo básico para defendernos de Estados autoritarios ou racistas. Por exemplo, dáme a impresión de que volven tempos onde sen a desobediencia civil vai ser moi complicado cambiar as cousas. Pode ser pacífica, coma no caso de Rosa Parks. Eu teño fortes convicións pacifistas, pero está claro que só co xogo parlamentar non imos ser capaces de cambiar o mundo.

P: Antes falabas de que para que exista unha democracia real tiña que haber liberdade nos medios de comunicación. Isto inflúe en que haxa máis persoas que se absteñan ca que, por exemplo, voten ao PP?

R: Penso que vivir nunha sociedade con liberdade de prensa e onde haxa información veraz é fundamental para que as persoas poidamos conformar unha opinión real acerca do que pasa. Por exemplo, nós temos unha televisión pública onde calquera que a vexa é consciente de que é unha televisión gubernamental. Só falta que a presente Feijoo. É unha oda a todo o que fai o goberno e así moi difícil que as críticas emerxan e que se xere debate sobre eses temas. Cando se oculta información e non sabes todo o que está pasando non tes todos os elementos para conformar libremente un estado de opinión. Se todo o día che din que isto é marabilloso e que somos o non vai máis, estante manipulando, e os medios de comunicación manipulan a información: ben porque a veces non contan toda a verdade, ben porque só contan unha opinión.

Na abstención, no número de persoas que non queren participar no sistema democrático, non hai unha soa causa. Hai xente que non cre no sistema e se mantén á marxe, persoas que perderon toda esperanza de que a través da política se poidan cambiar as cousas. Entendo esa posición porque moitas veces as decisións que van cambiar as vidas das persoas non están nas súas mans. Aínda así, creo que o voto é unha arma política moi importante como para non utilizala. Tamén temos que facer unha revisión autocrítica as forzas que estamos querendo cambiar este sistema, porque igual non o estamos sabendo transmitir ben.

P: No 2009 foron as eleccións autonómicas e La Voz de Galicia saca o despacho de Touriño, o iate de Anxo Quintana…

R: Quintana non tiña iate, ía nun iate.

P: Si. E no 2012 parecía que tamén había un mellor trato a outras forzas políticas que ao BNG. Nas últimas eleccións, cando xa case parecía que iades desaparecer, houbo un trato máis favorable. Por que pasa isto?
R:
Ti cres que houbo un trato máis favorable?

P: Non a panacea, pero máis favorable que os anos anteriores.

R: Penso que os medios de comunicación son empresas que teñen intereses e liñas editoriais e que iso se ve sempre. Se analizas, no substancial non cambiaron moito ao longo dos anos ningún dos grandes medios de publicación que hai no país. Eu discrepo no de que houbese un trato máis favorable ao BNG. Creo que foi tratado con ponderación ao número de deputados e deputadas que tiñamos. Pero nas enquisas metéronnos unha tralla moi grande, porque ao final as enquisas acaban influíndo moito no voto da xente.

Durante toda a campaña había enquisas diarias que dicían que iamos sacar un deputado por Pontevedra. E iso ten un efecto desmobilizador no voto moi forte. Ata o último día nos daban dous, tres escanos e acabamos sacando grupo parlamentar. Para min, o que máis inflúe nunha campaña –máis alá da información que che está dando cadaquén no día a día– ten que ver coas enquisas. E se ti as analizas verás que o trato que lle deron ao BNG non foi de favor, máis ben o contrario.

O que pasa é que hai tendencias sociais e non todo está vinculado aos medios convencionais, hai outros ámbitos no que moverse, nos contactos sociais, nas redes. Hai un cambio de tendencia, motivado por xente á que lle parecía unha gran perda para o país que non houbese nacionalismo. Hai xente que nos di “eu nunca vos votarei, pero é que vós tedes que estar aí, porque sodes importantes para o país e pare defender as cousas desta terra”. Creo que hai aí unha corrente de simpatía que ten que ver cunha organización política que ten detrás movemento político e máis de sesenta anos de historia e que non é tan fácil facernos desaparecer, aínda que a moitos lles gustaría.

P: Hai dous partidos na esquerda: BNG e En Marea. Non favorecen os periódicos ao que ten mellor estimación electoral?                   

R: Eu realmente creo que na campaña electoral, todas as forzas políticas que nos presentamos que xa tiñamos representación parlamentaria fomos tendo un espazo en prensa. Talvez non houbo esa agresividade cara nós que houbera outros anos. Pero claro, a agresividade non é a norma, non debería selo. Eu vin un trato bastante similar aos diferentes partidos. Tivemos presenza coas campañas que fomos facendo, coas mensaxes máis importantes. Nos medios públicos iso xa está regulado por lei, teñen que facerche un seguimento, non poden obviarte. Con eses vimbios eu non creo que a remontada que levou adiante o BNG fose por un trato de favor na prensa, senón que hai unha organización, unha base. Fixemos unha campaña, coa que creo que acertamos na mensaxe, no punto, no ton. Pero xa che digo, para min no máis influinte, que son as enquisas, foi unha campaña complicada. Persoalmente non lle creo demasiado nas enquisas. Son consciente de que en campaña se usan as enquisas para condicionar o voto, non para contarche o que está pasando realmente, e a intención era que sacaramos un ou dous deputados. Afortunadamente rompemos coas enquisas.

P: Intentan os medios dividir á esquerda?
R:
Non creo que sexa unha responsabilidade dos medios. Creo que hai unha pluralidade nas formas de entender o que é ser de esquerdas. Dicíache antes que non entendo como se pode ser de esquerdas en Galiza e non ser nacionalista. Como pode haber forzas que prefiren seguir mantendo a situación de desigualdade dende o punto de vista dos diferentes pobos e nacións, porque iso ten consecuencias prácticas para a vida da xente. A min é unha posición que me sorprende. Eu creo que temos dereito a defender proxectos políticos alternativos, e sobre todo que existan proxectos reais. O cambio non vai a vir porque nunhas eleccións unha formación acerte nunha formulación e gañe moitos votos. Ten que haber un proxecto transformador e ten que haber un horizonte político e ideolóxico, unha idea de país. Para min iso non ten que ver cos medios, senón coas miñas ideas. Non me vexo compartindo proxecto político con, por exemplo, Podemos. Poderei gobernar nunha cidade, igual que se fai co PSOE, pero o noso non é o mesmo proxecto ca o deles. Non nos vexo fusionados con eles, entre outras cousas porque non se definen como nacionalistas.

P: Para rematar co tema dos medios. Por qué empregan o castelán a case todos os medios galegos?

R: Pois esa é unha pregunta que habería que facerlle a eles. Creo que nese punto hai un fracaso moi grande de toda a política de nomalización lingüística dos últimos corenta anos. Se fixeramos un cómputo da cantidade de recursos públicos que se lle leva entregado aos medios para favorecer a presenza do galego botariamos ás mans á cabeza.

A situación hoxe é peor que no final do franquismo, o que non deixa de ser coma un portazo de realidade na cara. Por que na utilizan? Por prexuízos, claramente. E porque hai liñas editoriais que non queren contribuír a unha conciencia maior de Galiza, onde a lingua ten un papel importante. O maior prexuízo que hai é que hai anos había moita xente que non sabía ler en galego, porque aínda que falaba galego, non fora alfabetizada en galego. Creo que hoxe ese problema non existe e que o que hai é unha barreira cargada de prexuízos cara a nosa lingua. Pero insisto, se os nosos recursos se empregaran realmente para os medios comprometidos coa lingua, hoxe teriamos unha situación diferente.

Nestes últimos sete anos o goberno de Feijóo decidiu que a lingua era un problema e púxose á fronte dunha política en contra do galego e unha das primeiras decisión que tomou foi eliminar na práctica toda subvención aos medios que están facendo o esforzo de realmente escribir en galego. Aí xa se levaron por diante o único xornal que había en galego e lle puxeron moitas dificultades aos demais. Hoxe, só hai un único xornal, que é un semanario, escrito en galego, que é o SERMOS, e non naceu cun impulso público nin institucional, senón que naceu de subscricións populares. Persoas que cren que é importante que exista o galego tamén nos medios de comunicación. Non todo o que se pode facer polo idioma nos medios galegos depende da xunta, pero unha parte moi importante si. Cunha boa política de axudas públicas poderiamos cambiar a situación, como mínimo esixir un 50%, non só en esquelas e cultura, senón en todo. O galego é unha lingua para todo, non unha lingua a media pensión.

P: Cando daban as subvencións polo uso do galego e aparecían determinados xornais…

R: Claro, porque ademais o rocambolesco era que aquí houbo un momento en que aos que xa tiñan todo en galego non lles daban axudas porque dicían que eses non o necesitaban. Cando dende o punto de vista social son os que teñen máis debilidades. E estábanlle dando a tódolos medios –que había que ir con lupa para atopar o galego– tódolos anos cartos e cartos e cartos que logo non se empregaban para iso. En certa maneira é unha fraude de lei.

P: Agora que tés máis responsabilidades políticas… Quítache liberdade persoal?

R: Quítache tempo e, claro, algo de liberdade tamén porque tés máis foco sobre o que ti dis. E o que dis, non é só o que ti pensas, é ter a responsabilidade de ser a portavoz dunha organización. É unha parte que eu asumo de bo grado. Non teño ningunha contradición a respecto do que eu poida defender porque identifícome co BNG, co que defendemos, co que decidimos colectivamente, pero si é certo que ás veces hai que medir un pouco máis as cousas que pos porque se poden dar moitas lecturas, malinterpretar… E é certo que hai máis foco e hai que ter máis tino.

P: E como te sentes cando ves carteis coa túa cara na rúa?

R: Pois dáme moita vergoña.

P: E cando te recoñecen?

R: Que te recoñezan ten unha parte da túa privacidade que, eu polo menos, tíñalle moita estima. Tamén hai unha parte que é moi gratificante pola moita xente que está apoiando, tirando do proxecto, que emocionaches nalgún momento… Pero o dos carteis dáme moita vergoña, aínda que non o pareza que teño moitos reparos… Saír e ver a túa cara por aí pegada pois é un pouco impactante, pero se serve para que o BNG avance eu contenta.

P: Na política hai que educar ou manipular?

R: Hai que educar. Na política hai que empezar a dicir que é política e que non é política. Por exemplo, para min a política é a defensa de ideas para o ben común, para mellorar a situación… Digamos, para provocar melloras na vida da xente, co coidado do medio ambiente. É a defensa de ideas e de proxectos. O politiqueo é outra cousa, e semella que agora mesmo a política para un grande sector parece o politiqueo e buscar cargos públicos e non o que é realmente: a arma que ten o pobo para poder cambiar as cousas e traballar para derrocar todo o que lle pareza inxusto.

Nós tamén temos que desterrar, botar abaixo a idea de que a política é cousa dos cargos públicos, do que se coñece como políticos. Iso debe ser unha dedicación temporal a unha causa, que é a causa pública, que é de todo o mundo. E o que temos que buscar é que todo o mundo se sinta implicado na política, porque política é dende o que compras, até o que vistes, até se fas a cama ou non.

P: Iso tamén?

R: Iso tamén é política porque cando fas a cama evitas que cha faga outra persoa. Entón, ti estás asumindo a túa parte de responsabilidade no coidado e iso é política.

P: Como se educa en política se ás veces hai diversos colectivos mediáticos, ou de calquera índole, que están mentindo a sabendas de que minten?

R: Primeiro, temos que intentar construír medios de comunicación que loiten contra iso e que dean información e datos para que as persoas se fagan a súa propia idea sobre o que está pasando. Eu o que considero máis importante é educarnos para ser libres, críticas e para detectar cando che están contando unha milonga ou cando realmente podes acreditar que o que che están dicindo é certo. Penso que hai unha parte que é moito de pedagoxía, de educación, de cambio de valores, que hai que ir facéndoo. Despois cada organización política ten a súa parte de responsabilidade. Nós temos de denunciar todo aquilo que funciona mal, de facer traballo social, non só nas institucións e que as nosas voces as persoas as poidan escoitar de tu a tu e non só pola intermediación dos medios de comunicación, que é certo que teñen moito peso, pero non son o único elemento que pode actuar aí. Penso que a sociedade nos últimos 200 anos cambiou moitísimo –nalgunhas cousas para ben, noutras para mal–, pero que nada é fixo e inamobíbel, senón que se poden dar cambios e que hai que traballar para que se produzan. Teño claro que os cambios non son espontáneos, que precisan organización, proxectos, ideas transformadoras, e que se a xente te ve con empuxe, e te escoita, e te ve con ese empuxe, van para adiante.

P: Se mañá foses presidenta, que sería o primeiro que farías?

R: Que pregunta difícil. Moi, moi difícil. Hai moitas cousas que faría. Unha que me parece que sería importante, cambiar a política forestal, frear todo este proceso de monocultivo de eucalipto e apostar por outra concepción do monte. Hai moitos valores que recuperar, moita riqueza que estamos perdendo e este país non pode estar ao servizo de que ENCE gañe máis pasta facendo pasta de papel.

P: Como ves a Galiza dentro de vinte anos?
R:
Depende do que faga Galiza, claro. Eu creo que se opta, por exemplo, por unha presidenta nacionalista vai ser un país con máis coidado do noso medio ambiente, onde aproveitar todo o potencial que temos para crear unas condicións para que ninguén teña que marchar por necesidade e teñamos unha boa calidade de vida. Se non cambiamos un pouco as cousas podemos seguir sendo cada vez menos. Pero é moi difícil saber o que vai a pasar. Vinte anos dan para cambiar moitas cousas.

P: Intúo que o galego sería a lingua de prestixio?

R: Fariamos porque si. A min, para empezar, pareceríame moi importante que ningún neno nin nena se sentirá mal por falar en galego na escola na Galiza. Iso para min xa sería un salto de xigante.

P: E como te ves a ti mesma dentro de vinte anos?

R: Máis engurrada (Risas). Véxome facendo todas as cousas que aparquei por ser deputada durante estes anos. Non me vexo no Parlamento.

P: Estresa moito o traballo de política?

R: Tés moitos momentos de estrés, moitos momentos de responsabilidade. Tamén tés moitas satisfaccións, con cousas moi pequenas, pero eu creo no poder transformador das pequenas cousas. Si é certo que nesta campaña pasei bastante estrés, aínda que non me parecera, porque a campaña foi moi ben e había moi bo ambiente. Pero levo unhas semanas cun dolor muscular aquí na espalda e xa me dixeron que era o efecto rebote da campaña, do estrés de todo este ano.

Cuestionario rápido

Libro: Sempre en Galiza de Castelao.

Autor: Imos ir aos clásicos, Rosalía de Castro.

Referente: Pilar García Negro

Película: Recomendo A cinta branca.

Canción: La era está perdiendo un corazón de Silvio Rodríguez.

Político ou política: Que complicado. Case que agora por empatía case me quedo con Dilma Rousseff. Era unha muller que significaba un cambio importante para o Brasil e que a dereita acaba de tirar abaixo.

Lugar: A Praia de Queiruga.

Utopía: A felicidade.

Palabra: Liberdade.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s