Resaca das Letras Galegas: carta aberta ás galegas e galegos

Atrás queda o día das Letras Galegas. Durante esa xornada homenaxeamos a Carlos Casares e á lingua, que recibe unha importancia necesaria. Unha importancia que se lle nega o resto do ano.

Estaredes de acordo comigo co carácter de excepcionalidade do dezasete de maio. Os medios de comunicación énchense de galego, compartides fotografías nas vosas redes sociais e lembramos xuntos –agás Gloria Lago e secuaces– que a lingua é o piar fundamental da nosa cultura. É unha xornada especial porque falamos do noso con orgullo, con alegría e mesmo logramos que algúns esquezan o perigoso autoodio.

Ás veces penso que o día das Letras Galegas é un gran bico colectivo, un erótico festival de amor, unha orxía de tenrura e aloumiños, unha definición de país. E si, hai quen intenta derrubar a festa do noso abecedario, mais cuestiónome: acaso uns pequenos paraugas poden deter o noso orballo? Non, e ademais ficarían enchoupados. Non temades!

IMG-20170519-WA0005

Fotografía de Galiza Foto

Gustaríame que puideramos vivir tódolos días esa vitalidade. Que a miña cultura funcionara  tanto nos escaparates como dentro das nosas vidas sempre, non só nesa sinalada e “privilexiada” data. Gustaríame avanzar, que tódolos días fosen das Letras.

Digo isto porque, en ocasións, intúo que algunhas e algúns sufrides discriminacións por sentirvos de aquí, por amosalo. Talvez até sexas unha desas persoas ás que se lle obrigou a vivir cunha máscara, a xogar ás agachadas coa súa identidade. Maldita presión social, verdade? Pero que saibades que non estades sós. Que moitas e moitos vivían así, mais decidiron mudar. Pasiño a pasiño para poder trotar, para poder galopar, para poder dicir que non se avergoñan da cultura que mamaron. Rachar coas cadeas non sempre é sinxelo, mais é necesario se queremos ser libres.

É comprensible que ao principio custe, pero o medo desaparecerá cando non sexa quen de alimentarse das vosas emocións. Por iso mudará todo cando ti deas o primeiro paso, o difícil, o que alimentará ao resto do camiño. O segundo será máis sinxelo e cando o penses estarás correndo sen temor.

Teño lido na eu-amo-o-galegoprensa que o idioma resiste, que a pesar de que cada vez somos menos as persoas que falan galego continuamos a ter un dique. Pode ser, eu non son estadista.

Soñando penso que me gustaría prescindir dos diques –a pesar de que nestas circunstancias son inevitables–, porque marcan unha separación, deteñen a auga que enchoupa e frean o galope do idioma, malia que tamén free a súa desaparición. Precisamos unha vangarda. Unha conquista das bocas de tódolos galegos e galegas. Para deixar de falar castelán? Que non se pensen parvadas.

Queremos máis bocas para degustar a lingua propia. E por favor, aos que empezades, que non vos asuste falalo mal. Eu mesmo teño urxencia laboral por aprender inglés e non vou deixar de parolar horriblemente até que me corrixa. Sen erros non hai acertos nin aprendizaxe. Para optimizar ese proceso é necesario que as institucións e os colectivos sociais colaboren, que se modifiquen as leis –como a do plurilingüismo– para propiciar que degustemos a lingua. Para que todas e todos aprendamos a degustar. Xa dicía Álvaro Cunqueiro que unha lingua ten que saber a pan, e ningún pan é como o do país.

X.C.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s