Sobre o de Escarnio e Maldizer…

Hai uns días tiveron lugar en Compostela varias manifestacións logo do desaloxo de Escarnio e Maldizer.

Durante esas xornadas preguntámoslle á veciñanza algo sinxelo: que pasou aquí? Fixémolo porque estabamos inundados de dúbidas e porque intuíamos que os medios de comunicación máis influentes do Estado andaban a contar o sucedido daquela maneira. Xa saben, construían un relato que beneficiara aos que lle dan de comer, pois nesta época atoparse cun medio libre e independente, que ao mesmo tempo sexa mediático, resulta practicamente imposible.

Pero ao que iamos: que cotexamos nas persoas da zona da Algalia? Coincidían en que a acción policial resultara desproporcionada e en que as persoas de Escarnio e Maldizer non causaban problemas na contorna.

Violencia

Dicir isto non significa –como espero que entendan– que a veciñanza, ou nós mesmos, esteamos do lado da okupación. Tampouco quere dicir que concordemos con que unhas persoas poidan usurpar a casa de alguén porque si, porque lle peta. Quere dicir que a acción dos antidisturbios –vaia nome máis apropiado para crear un relato– foi desproporcionada e que as persoas coas que falamos non amosaban queixas pola súa actividade.

Porén, do mesmo xeito que recriminamos esa actitude violenta dos corpos de seguridade, censuramos aos catro gatos que comezaron a lanzar pedras e rachar cristais. E dicimos catro gatos porque o resto de manifestantes, cando as porras ameazaban, corrían ou ficaban sentados no chan.

Mais estamos a falar de okupación e é certo que as persoas da asociación Escarnio e Maldizer okuparon unha casa e que non son santos, pois estes andan nas igrexas e as súas milagres son inventadas. Pero a pregunta é: hai algún tipo de okupación lexítima?

Logo de ler artigos e ver reportaxes nalgunhas canles estatais e tamén na nacional concluímos que á maioría dos medios só lles importaba influír na opinión pública. Non había interese en incentivar unha reflexión colectiva como sociedade. Parecía instalarse a pólvora do medo, que se incendia para provocar máis temor.

Por que dicimos isto? Porque mencionar que houbo varios policías feridos ignorando os danos dos manifestantes é terxiversar. Porque cuestionar a existencia dun presunto manual para saber que facer en caso de detencións, alegando que estaba escrito en lingua galega e relacionar este feito co terrorismo, é criminalizar a nosa cultura. Porque aproveitar unha situación desta índole para sacar rédito político é ruín. Porque os medios deberían ter como función informar rigorosamente e non estar ao servizo de determinados intereses, pois iso é o que sucede nas ditaduras.

Pero iamos a falar da okupación, non si? Pois adiante… Se nos preguntades se estamos de acordo con que okupen a casa na que vivimos, que credes que diriamos? Que non o estamos, é obvio. Mais cando relacionamos esa dúbida con medios que promoven a reflexión asáltanos a seguinte cuestión: cando as entidades financieiras desaloxaron a familias enteiras en plena crise económica, acaso non estaban okupando miles de fogares –que seguen a ser da súa propiedade– para, simplemente, especular? E outra pregunta: sería lexítimo okupar eses edificios baleiros ou resultan ser santuarios sagrados do señor capital?

tapiado

Nós non imos responder ás preguntas. Cabe agora reflexionar sobre cal era a situación do local da Algalia tapiado cáseque con uralita e do antigo colexio Peleteiro. Por que non están ao servizo das persoas xa sexa para realizar algunha actividade económica, cultural, educativa ou de calquera outra índole? Por que a antiga escola leva dez anos sendo pasto do silencio no canto de alimentarse con vida?

Estes acontecementos lévannos a pensar que a vida fica soterrada entre paredes de formigón por inmobilismo institucional e/ou financieiro. Que emprender, como piden dende arriba, é moi complexo e máis se non se respectan as leis dun mercado que eles –seica– amparan. Hoxe se a mocidade quere investir nun negocio debe sortear unhas trabas que parecen feitas para que sexa imposible saír adiante.

O certo é que cando pensamos en edificios baleiros vennos á cabeza o libro “Cen anos de soidade”. Nunha estampa, unha rapaza que se chama Rebeca, e que acostuma a comer terra e cal das paredes, ve pasar os anos encerrada na súa casa. Alí esquece un mundo que tamén a esquece coas novas xeracións que medran en Macondo. Cando a alguén se lle ocorre que o edificio está abandonado e vai derribar a porta atópase con Rebeca, que cunha pistola e unha hedra amarela que lle sae da cabeza, apunta ao curioso invasor. Ás veces pensamos que á burocracia, ao establisment e a moitos medios de comunicación médranlle hedras, que conviven cunha soidade ideolóxica que provoca que perciban a diversidade da vida como unha ameaza. Por iso teñen medo, e non se trata diso tampouco.

Cremos que o importante é que reflexionemos, que mudemos e que evolucionemos. Este sistema tennos okupado o cerebro e ningunha lei pode desaloxar esa okupación ilegal. Se vós somos sinceros e sinceras, cando logramos desestimar un prexuízo do “sentido común” outro berra: un desaloxo, outra okupación. E nesas andamos, con prexuízos que veñen e van.

Advertisements

Un comentario en “Sobre o de Escarnio e Maldizer…

  1. Polo xeral, intento ser o mais obxectivo posible. Non sei se o meu comentario vai ser demasiado extenso, mais antes de obter as típicas contestacións vacías que normalmente enchen sen criterio os espazos de comentarios nos diarios dixitais na nosa época, agradecería que se lese ata ao final. Desculpade as miñas faltas ao escribir en galego. Eu son da vella escola e a normativización colleume bastante vello.

    Para comezar, podo entender aos Okupas de Escarnio e Maldizer. Ver un punto céntrico, en mal estado e que pode ser aproveitado para o ben común e unha pena. Tamén estou de acordo en que fixeron unha grande labor nas súas clases gratis para a veciñanza sen nengún tipo de interese particular. Eu coñezo xente que estaba implicada e non buscaban nada máis que o ben común.

    Sen embargo, non podo concordar cunha okupación forzosa. Explícome. Se uns okupas proceden á ocupación de un espacio valeiro e o dono non toma acción, atópoo razoable (deduzo unha aceptación tácita). Se chega o dono e lles permite estar de valde con algún tipo de usufructo, tamén perfecto.
    Pero creo que se o dono chega (sexa quen sexa, particular, banca, constructora…) e os quere botar por que considera que fan dano á estructura ou por calquera outra razón, creo que simple e amistosamente os okupas deberían de atopar outro lugar para desenvolver as súas actividades.

    Penso iso por que as okupacións, a fin de contas solo son materiais. Qué diferencia hai entre ter a riqueza no banco a tela en bens materiais? Eu considerome un traballador de clase media. Cobro algo menos de 1500€ ao mes, meus pais traballaron de oficinitas, meus avós e seus ascendentes no campo. Temos a sorte de ter 1 piso extra alquilado, e varias fincas no agro (que andan perdias no medio do monte e non valen un can) pero que pertencenron aos meus devanceiros. Moita xente do meu entorno ten unha situación parecida á miña (respecto das fincas).

    Por qué non poderían okupalas sen máis? Eu podería ceder o uso (se foxen xa miñas, non de meus pais jeje), pero o que non ía permitir ia que cedelas en uso acabe sendo unha transferencia da miña propiedade. Por qué sen embargo non se pon no mesmo caso á xente que no seu día decidiu aforrar en metálico en lugar de proceder á compra de terreos? É un tema complexo, non tento convencer a ninguén, simplemente expresar a miña opinión.

    Informeime sobre este caso en particular. Creo que hai desinformación polas dúas partes. Pensaba que se trataba do típico banco que o tivo parado 50 anos. Non foi así. Polo que pesquisei.
    Constructora “La rosaleda SL”, local de aquí, adquiriu o local en torno ao 2011. No 2012 comezaron os problemas económicos e perdas na empresa debido á continuación da crise inmobiliaria (motivo polo cal, poido ser que estivera sen utilizar., non o sei). A construtora seguiu en caída, despediu xente, e no 2016 non aguantou máis, concurso e liquidación da entidade. Nas liquidacións, procédese á venda das propiedades (por se alguen non sabe o que significa) para facer frente aos préstamos que teña cos acreedores (Traballadores aos que se lles debe cartos, impostos, seguridade social, préstamos bancarios… etc). o que quere dicir que este ano acabou en mans dun novo dono, que ten dereito a el polas débedas anteriores.

    É certo, a banca ten unha situación privilexiada respecto a nós, pero eu haxo que as normas (que ao mellor logo non se cumplen), non están mal. O rescate á banca foi infundado, nos non tiñamos que lles pagar nada, pero que un banco adquira a propiedade de esta maneira paréceme lexítimo.

    Un gandeiro que teña dous empleados no agro, cada un cun tractor. Se os despide por que non lles pode pagar e deixa os tractores parados por que non ten quen llos leve, perde o dereito á súa propiedade? Ten dereito o resto do mundo a llos okupar? Eu haxo que non.

    Neste caso, o que se debe facer e solicitar á administración pública que se expropie ou se merque, e quede para usos sociais. Non hai máis.

    Por certo, en canto as actividades de Escarnio e Maldizer… por moito que estivera de acordo tiñan un fallo. Quedaban ao arbitrio dos okupadores e non do interés común. Calquera cousa que non lles gustase estaba vetada, tal como sucede no “Hogar social” de Madrid, unha panda de okupacións neonazis que deciden quen pode atuar no seu centro e quen non (olvídate de poder dar unha charla se eres extranxeiro). Creo que a titularidade dos bens para fins sociais debería ser pública (de todos, indepentemente do partido que goberne).

    Neste caso, non vou a tomar parte nin pola policía nin polos okupas. Creo que a policía actuou de maneira horrorosa, exercendo o seu dereito como unha máquina impune de soltar hostias. Penso que os okupas teñen dereito na súa manifestación, máis tampouco lle podo dar a razón para okupar o que lles apeteza cando vexan que está baleiro. A razón nunca pertence exclusivamente a unha das partes, mais neste caso, non podo defender a okupación contra os dexesos do seu dono.

    Moi boas tardes e grazas 🙂

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s