Desfiuzamento

Non o entendes, verdade?
Perdoa que non che fale pero é que sei que non me escoitas,
mírasme aos ollos sen comprender a rabia que sinto.
Anos desesperados tratando de escaparche e ti sempre tan dentro de min.
As liñas que delimitan o teu corpo foron trazadas pola miña boca, por deus!
Sabes que sempre fun atea e sen embargo nunca deixei de ter fe en ti.
En ti.
Non en min.
Aquel día só recollín as miñas cousas,
aínda que o teu corpo durmía naquel catre a túa mente xa non estaba.
Como fuches tan covarde de deixarnos sen marchar de alí?
Estou encerrada no mesmo pensamento tóxico,
en bucle retorno ao noso punto de encontro,
pero xa non nos atopo,
puto plural que aporta tanta pesadume.
Mentres loito por irme coa maior dignidade posíbel
miro o estante do baño sen o meu cepillo de dentes,
sen a crema que che botaba na cara a pesar das túas protestas,
o caixón das bragas baleiro e o salón sen as miñas flores mortas.
Estarrece o meu corpo de tanta dor que contén
e ti nin sequera o ves.
Nin sequera te paras a ver.
Que te fodan!
Estouche falando de amor e ti centrado nas velas.
Estouche dicindo que non pode pasar un día máis sen que te toque,
sen que me abras as pernas,
sen notarte duro,
sen escoitarte falar da merda de día que foi hoxe “… pero menos mal que estás aquí …”
As túas putas ganas liscaron e non son quen de voltar.
E aínda así non deixei ningún segundo de quererte.
Por iso te odio tanto,
detesto que teñas tantísimo poder sobre min.
Ódiote.
Por que a pesar de todo sempre é caralludo terte diante,
E non importa que os teus ollos me conten que xa te esqueciches de min.
¿esquecícheste de min?
Perdoa, estou rota,
agora recollo os meus ombreiros do chan, amárroos ás costas e
como un ventrílocuo alguén moverá o meu corpo semellando felicidade.
Desculpa,
¿de verdade que te esqueciches de min?
Mírasme como estudándome,
eu, enferma,
non son quen de sorrir.
Un portazo.
Golpe seco.
O eco do portal destrozado por tanto silencio.
Transida de dor baixo no ascensor no que tantas veces nos tocamos.
O piso fica en ruínas, como o meu corazón.
Ben sabemos que é imposíbel a súa reconstrución,
agora é o momento idóneo para a súa demolición.

 

Lúa Belén Pena Otero

Advertisements

Un comentario en “Desfiuzamento

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s